O propio nome de Rio+20 (en referencia ao cumio que en 1992 quixo, sen éxito, sentar as bases do desenvolvemento sostible) supón o recoñecemento dos fracasos das cimeiras anteriores. Os acordos de Rio92 ou de Kioto ficaron en papel mollado, e atendendo a eses antecedentes, ás notables ausencias (Obama, Merkel, Cameron) nesta nova xuntanza, e ás diverxencias existentes entre os gobernos do Norte e os dun Sur cada vez máis empoderado, as expectativas neste Rio+20 son moi limitadas.
E non será porque un cumio deste tipo non sexa necesario, nin polo empeño posto polo Goberno brasileiro na súa organización, nin pola súa dimensión (participan 86 xefes de Estado e Goberno, máis de 50 mil persoas en total). Pero os receos son moitos. Na xornada de apertura dos debates unha estudante neozelandesa, Brittany Trilford, realizou en alto a pregunta que moitos desexaban formularlles a eses xefes de Estado, e aos representantes das grandes corporacións reunidos en Río: "Viñeron para salvarnos ou para salvar a súa imaxe?". Trilford engadiu: “vostedes teñen 72 horas para decidir o destino dos nosos fillos. O cronómetro está a contar, tic, tac, tic, tac”. A FAO declarou oficialmente que Río+20 será a derradeira oportunidade para comezar a solucionar o problema do cambio climático no sistema alimentario.
O obxectivo declarado do cumio é sentar as bases da chamada economía verde
Porén, o obxectivo declarado do cumio é sentar as bases da chamada economía verde, algo que xa se fixo explícito no documento oficial de debate, O futuro que queremos, un texto de consenso pero sen propostas concretas que ademais orienta as negociacións no sentido da profundización do modelo de mercantilización da natureza e o medio ambiente. O elemento clave da economía verde é a valorización económica e a transabilidade dos chamados servizos ambientais, ofertados de balde pola natureza, como a dispoñibilidade de auga, alimentos e plantas medicinais, a captura de carbono, a regulación climática, a prevención de desastres e até se menciona á cultura e o coñecemento de pobos indíxenas.
O debate central, segundo Ignacio Ramonet, estará "entre o concepto de economía verde que defenden os voceiros do neoliberalismo, e o de economía solidaria"
O obxectivo é fixar unha axenda global para garantir a sustentabilidade ambiental e tamén reducir a pobreza e promover a igualdade social. O debate central, segundo Ignacio Ramonet, estará "entre o concepto de economía verde que defenden os voceiros do neoliberalismo, e o de economía solidaria, promovido polos movementos que cren que sen a superación do modelo actual de desenvolvemento predatorio, baseado na acumulación privada de riqueza, non haberá preservación ambiental".
O propio comisario de Medio Ambiente da UE, Janez Potocnik, criticou a "falta de ambición" do texto base do cumio e afirmou que “ainda que existen cousas boas neste texto, falta a ambición necesaria para o desenvolvemento sustentable e para unha economía verde global”. E iso que a posición oficial de Potocnik e da UE no seu conxunto é de apoio aos discursos a prol da economía verde, "unha oportunidade para transformar eses desafíos en postos de traballo, para sacar as persoas da pobreza, para alimentar os nosos fillos, ao mesmo tempo que reducimos a presión sobre o medio ambiente e nos recursos”.
Rousseff dixo que a “transferencia das industrias contaminantes do Norte para o Sur trouxo empregos pero deixou unha pesada carga sobre o medio ambiente"
Na primeira xornada do Cumio tamén foi crítica Dilma Rousseff, presidenta do Brasil, desta volta coas posicións dos países desenvolvidos. Rousseff dixo que a “transferencia das industrias contaminantes do Norte para o Sur trouxo empregos pero deixou unha pesada carga sobre o medio ambiente". A líder brasileira denunciou o incumprimeto das promesas de financiamento para que os países en desenvolvemento se adaptasen a un crecemento menos daniño para o planeta.
Críticas á economía verde
Esther Vivas, nun artigo recente publicado en Altermundo, afirmaba que "a nova ofensiva do capitalismo global por privatizar e mercantilizar masivamente os bens comúns ten na economía verde ao seu máximo expoñente. Xustamente nun contexto de crise económica como o actual, unha das estratexias do capital para recuperar a taxa de ganancia consiste en privatizar os ecosistemas e converter o vivo en mercadoría". Vivas conclúe: "Agora, vinte anos máis tarde, quérennos "vender a moto" da economía verde como saída á crise económica e ecolóxica. Outra gran mentira. A economía verde só buscar facer negocio coa natureza e a vida. Trátase da neocolonización dos recursos naturais, aqueles que aínda non están privatizados, e busca transformalos en mercadorías de compra e venda".
De igual xeito, Nicolo Gligo, director do Centro de Análise de Políticas Públicas da Universidade de Chile, cre que “os resultados de Río+20 serán mínimos. Teño a soa expectativa de verificar como os contubernios entre os intereses dominantes se inxenian para evadir os temas ambientais de fondo”. Para el, a economía verde é “outro cabaliño de Troia que vén substituír termos desgastados e inoperantes. A proposta de economía verde, no canto de quedar en declaracións fachendosas, debería profundar sobre o tema das transnacionais que dominarían esta economía”.
O Cumio dos Pobos
En paralelo ao cumio de Rio+20 desenvólvese o Cumio dos Pobos, que comezou a pasada semana na cidade brasileira baixo o lema En defensa da vida e os bens comúns, a xustiza social e ambiental, contra a mercantilización da natureza e a economía verde
En paralelo ao cumio de Rio+20 desenvólvese o Cumio dos Pobos, que comezou a pasada semana na cidade brasileira baixo o lema En defensa da vida e os bens comúns, a xustiza social e ambiental, contra a mercantilización da natureza e a economía verde. O Cumio dos Pobos está estruturado en tres eixos: a denuncia das causas estruturais da crise, as falsas solucións e as novas formas de acumulación do capital; o impulso ás solucións reais e os paradigmas alternativos dos pobos; e a construción colectiva da axenda, campañas e mobilizacións comúns máis aló de Río+20. De feito hai quen analizou positivamente a celebración do cumio oficial non polas decisións que vaia tomar, senón por sinalar "un momento importante para os movementos de masas para unirse e forxar unha visión dun mundo desexado e establecer claramente o tipo de futuro que non queremos", en palabras do nixeriano Nnimmo Bassey.
"Asistimos a un novo ataque aos bens comúns onde quen saímos perdendo somos o 99% e o noso planeta"
Os críticos co cumio oficial denuncian que se busca "crear o que poderiamos chamar unha nova gobernanza ambiental internacional que consolide a mercantilización da natureza e que permita un maior control oligopólico dos recursos naturais". Está en marcha unha campaña, chamada Rio+171, moi activa no twitter co hashtag #Riomas17, para denunciar "a fraude medioambiental". Segundo Esther Vivas, "asistimos a un novo ataque aos bens comúns onde quen saímos perdendo somos o 99% e o noso planeta. E especialmente comunidades indíxenas e labregas do Sur global, coidadoras dos ecosistemas, quen serán expropiadas e expulsadas dos seus territorios en beneficio das empresas transnacionais que procuran facer negocio cos mesmos".