"San Luís xa foi líder vendendo e falando en galego; só queremos devolverlle o seu galeguismo"

Lorenzo López recibe o premio 'Abertos ao galego' © CTNL

"San Luís. Estamos de volta". Con estes carteis, que aínda permanecen nas tendas, a cadea galega de electrodomésticos anunciaba o pasado verán o regreso da empresa, case corenta anos despois da súa fundación, logo de que fose adquirida por unha multinacional francesa que, logo de sete anos, liquidou, pechou e decidiu botar á rúa aos traballadores. Pero o empresario Lorenzo López (As Pontes, 1949) non se rendeu. Reabriu varios establecementos en Galicia e aspira a culminar a apertura de novos locais, até xuntar 16 neste inverno en todo o Estado. E fíxoo, como o fixera hai varias décadas, empregando o galego, normalizando o idioma e usando un lema na lingua propia para anunciar esta resurrección empresarial.

Por iso, Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa para a dinamización do galego no ámbito empresarial, decidiu entregarlle a Lorenzo López e á súa empresa o seu segundo premio o pasado venres en Carballo por ser San Luís "referente e pioneira na publicidade en galego". "Valorouse a importancia simbólica da aposta lingüística, tanto polo sector ao que pertence como polo momento en que o antigo xerente retoma as tendas e a maneira en que decide reabrilas. Na súa anterior etapa, a firma xa era unha das empresas líder do sector, o que serve para constatar algo que indican todos os estudos do mercado: o uso do galego é un aliado para o mundo socioeconómico", xustificou o xurado dun galardón, que foi recibido con "satisfacción" por un empresario que usa o seu idioma sen complexos en todos os ámbitos, "algo que debería ser normal".

Que significa para San Luís este premio?

Para nós o recoñecemento é importantísimo. Os premios sempre o son, porque che dan unha visibilidade pública, pero neste caso aínda máis porque chega nada máis comezar unha actividade. É moi reconfortante que a xente xa che recoñeza que estás a facer como na etapa anterior, que estamos intentando devolverlle á empresa ese espírito galeguista e que volva recuperar a fala e a ser unha empresa galega. Que chegue este premio así, nos inicios, dános moita axuda publicitaria, pero sobre todo dános ánimos de cara ao futuro. Ves que che recoñecen o traballo traballo, pero o que nos queda por diante é descomunal.

"Xa demostramos no pasado que fomos líderes falando, vendendo e publicitando en galego; gustaríame ser capaz de volver demostralo"

A empresa foi recoñecida por algo que debería ser o habitual...

Si, estásenos recoñecendo por algo que debería ser normal. Aínda que o da lingua debera ser algo xa normalizado, é bo como exemplo para a sociedade. Nós xa demostramos anteriormente que falando, vendendo e publicitando en galego fomos líderes e gustaríame que fosemos capaces de volvelo demostrar outra vez. Este recoñecemento demóstranos que imos no bo camiño e axúdannos a continuar cara a adiante. O acto foi precioso e entrañable e a min quedarame no corazón para sempre. O alcalde de Carballo, o presidente da Mesa... Todo o mundo foi moi cariñoso con nós e iso agradézollo a todos.

Tivo algunha reticencia cando hai máis de trinta anos decidiu apostar polo galego na súa empresa?

Só tiven algún problema no inicio coas axencias de publicidade, hai xa máis de trinta anos. A xente non estaba afeita a facer as cousas así e era rompedor naquel momento. As axencias non entendían que eu fixese un millón de catálogos ao mes en galego e advertíanme que había xente que non ía coñecer moitas palabras. Non obstante, creo que ao final acabamos facendo un labor divulgativo. Sartén era sartén e non era 'tixola', pero grazas a poñer 'tixola' todos os días, a xente acabou chamándolle outra vez así. Os catálogos chegaban a un millón e pico de fogares todos os meses e se cadra o labor que faciamos polo galego daquela era máis importante que o dalgún libro.

"Foi rompedor pero fixemos un labor divulgativo; a 'sartén' non era tixola, pero grazas a nós a xente acabou dicindo tixola outra vez"

O sector dos electrodomésticos incluía moitas palabras que en galego eran descoñecidas para moitos, tivo algún problema?

Ao contrario. A xente non pon problema ningún e a reacción, agás a de dous desnortados, sempre foi espectacular. Recibimos moitas cartas de apoio de cidadáns de todo tipo, de diferentes estratos sociais e de diferentes sectores económicos. Chamábannos e escribíannos para nos agradecer que recuperásemos o noso idioma. Estou moi satisfeito daquela etapa, aínda que fose difícil tomar aquela decisión porque era algo que ninguén fixera daquela. Foi unha satisfacción.

"Poden chamarme tolo, pero eu só intento estar de acordo comigo mesmo, tanto á hora de apostar polo galego como agora que decidimos volver"

Foi atrevido e valente por empregar o idioma, deberíalle chamar tamén atrevido e valente por recuperar San Luís en plena crise?

Tolo, o único que me podes dicir é que estou tolo. A min gústame o que fago e o segredo dos empresarios ao final é vivir sempre no fío da navalla, sabendo que non hai seguridade para nada e moito menos na economía, pero ese é o segredo dun empresario: saber vivir nesa ambivalencia, na posibilidade de que podes acertar ou non. Nunca me preocupou a opinión dos demais e sempre intento estar de acordo comigo mesmo, tanto no tema do galego ao principio como agora que decidimos volver para xerar emprego, ilusión e unha nova empresa que espero que sexa líder, non só a nivel galego, senón en España. Creo que o conseguiremos.

Diría que a cousa vai ben encamiñada?

A cousa vai no pensado. Sabiamos que ía ser difícil o inicio porque as tendas levaban seis meses pechadas. Leva tempo recuperar a enerxía, pero a reacción da xente foi boa e, malia que o mercado está complicado, estamos satisfeitos. Sen tirar foguetes, estamoso contentos cos resultados.

Xa abriu seis tendas en Galicia, pero tamén prevé abrir en Ponferrada e en Madrid e algún centro máis en Galicia. Canto emprego crea San Luís?

Actualmente temos seis tendas abertas en Galicia e contamos con ter 16 nas vindeiras semanas. Abriremos unha en Ponferrda e nove en Madrid e tamén pensamos en abrir novos establecementos en Galicia, como en Lugo ou Pontevedra. Imos seguir traballando para facer unha gran compañía. Se incluímos as inauguracións inminentes, San Luís creou xa 150 empregos directos e outros 300 indirectos.

"Pensaba que vendendo a empresa defendía os postos de traballo pero a multinacional equivouse nos plans; agora recuperei o que perdera e estou satisfeito co que fago"

Por que vendeu a empresa a Darty?

Porque crin que era o momento de facelo, á marxe de para gañar cartos que para iso estás no mundo dos negocios. Pero pensaba que con iso defendía os postos de traballo e a xente de San Luís, que era e é o maior capital que temos. Seguimos traballando nesa idea, na de ter unha serie de profesionais que destaquen polo seu achegamento ao cliente. Todo o que é esta empresa débollelo aos clientes e son deles dos que temos que estar preto.

Non se arrepinte daquela decisión?

Non me arrepentín nunca. Houbo un atranco porque a multinacional equivoucouse nos seus plans. O que fixen agora foi recuperar algo que no seu momento perdín e vendín. Agora estou supersatisfeito de volver e son feliz co que estou facendo. Nada máis.

Lorenzo López, no seu discurso tras recibir o premio 'Abertos ao galego' © CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.