Santiago anunciará nuns días a solución definitiva para os seus comedores escolares

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

O concurso de adxudicación do servizo de comedores escolares en Santiago para os cursos 2015/16 e 2016/17 vén de quedar deserto trala renuncia das tres empresas que se presentaran (unha cuarta non acadara a puntuación mínima). Primeiro foi a gañadora da adxudicación, Perea-Rojas, que renunciou trala polémica espertada en Galicia pola moi deficiente calidade do servizo de catering ofrecido en centros de ensino por esta compañía e por Col-Servicol, que levou á Xunta a rescindir os seus contratos. Despois foi a segunda empresa con máis puntuación no concurso, Villasenín (máis coñecida por Ruta Xacobea), que sinalou que non se podía facer cargo do servizo por "saturación empresarial", ao recibir nos últimos días un contrato de grandes dimensións. Este martes, finalmente, a seguinte empresa, Serunión (a actual concesionaria) tamén anunciou a súa renuncia.

Isto obriga o Concello de Santiago a explorar cos seus servizos xurídicos outras opcións, que pasarían seguramente por realizar unha adxudicación directa para o que resta de curso

Isto obriga o Concello de Santiago a explorar cos seus servizos xurídicos outras opcións, que pasarían seguramente por realizar unha adxudicación directa para o que resta de curso, pois a convocatoria dun novo concurso adiaría a resolución ata o mes de xaneiro ou febreiro. Á espera de que a situación se resolva nos vindeiros días, a prestación do servizo está asegurada.

Manuel Dios, concelleiro de Educación, manifestaba este martes a súa sorpresa polas renuncias sucesivas e sinalaba que semella que as condicións esixidas polo Concello, recollidas nun "prego moi rigoroso, tramitado escrupulosamente", finalmente "non interesan ou non resultan rendibles". Dios destaca, ademais, que en todo o proceso se contou coa colaboración e o acordo das Anpas e das centrais sindicais.

Os baremos cos que se cualificaban as ofertas presentadas a concurso eran notablemente diferentes aos que propón a Xunta nas súas convocatorias, nas que prima primordialmente o aforro económico sobre a calidade

No caso de Compostela, os baremos cos que se cualificaban as ofertas presentadas a concurso eran notablemente diferentes aos que propón a Xunta nas súas convocatorias, nas que prima primordialmente o aforro económico sobre a calidade. Neste caso, dun total de 95 puntos, a mellor oferta económica significaba 20 (no outro 50 de 80). Ademais, o Goberno local fixou novas esixencias para "mellorar a calidade do servizo", entre outras o aumento do horario dos monitores e monitoras antes e despois das comidas, o incremento do número de menús que as empresas debían ofrecer e elevando tamén a súa rotación.

O concurso, convocado en agosto, fora gañado con claridade pola propia empresa malagueña Perea-Rojas, que unha vez que se viu envolta na polémica, optou por renunciar tamén ao contrato de Santiago. O concelleiro de Educación compostelán, Manuel Dios, xa adiantara que aínda que a oferta era "impecable" e que "gañara licitamente o concurso", á vista do sucedido en centros doutras zonas de Galicia, o Goberno local ía estar "moi enriba para comprobar onde ten as cociñas e onde fai os menús", advertindo de que estarían "vixilantes". "E se hai incumprimentos, faremos apercibimentos e, se fose necesario, rescindiremos o contrato”, engadiu.

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.