Seis anos para limpar un monte

O monte de piñeiros, a menos de dez metros da vivenda Dominio Público Praza Pública

Antonio R. L. é un veciño de Golmar, A Laracha, que leva máis de seis anos solicitando a limpeza e deforestación do monte que rodea a súa vivenda segundo o esixido pola lei (cunha faixa mínimas de protección de 50 metros, segundo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais, rebaixada a 30 metros na Lei do Monte aprobada polo PP o pasado ano). En calquera caso, o monte de piñeiros ao redor da súa casa chega até dous metros do muro que limita a súa parcela e a sete metros da vivenda.

Unha vez que se aprobou a lei de 2007, Antonio iniciou os trámites para se se cumprise a norma, dirixíndose por escrito en primeiro lugar ao Concello da Laracha, a seguir á oficina territorial de Montes da Consellaría de Medio Rural, de novo presentando unha segunda solicitude formal no Concello (ademais de realizar reiteradas demandas de palabra ante os responsables municipais), e finalmente no Seprona. Seis anos de reclamacións que non tiveron apenas resultado, a pesar das promesas recibidas de todas as instancias contactadas de que a situación se resolvería nuns meses.

O denunciante asegura que en todo este tempo, e a pesar dos requerimentos, o Concello de Laracha non realizou tarefa ningunha de limpeza e tampouco llelo esixiu aos propietarios dos terreos nos que crecen os piñeiros. Un deles si acabou cortando as árbores por vontade propia, mentres que o outro propietario alegou que non ten permiso da Xunta para realizar a limpeza por ter recibido unha subvención pola plantación e que o prazo para a corta non finalizou. Agora, Antonio prepara un recurso ante do Valedor do Pobo.

O monte de piñeiros, a menos de dez metros da vivenda Dominio Público Praza Pública
Comunicación da denuncia realizada ante Consellaría de Medio Rural Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.