Seixo optará a seguir liderando a CIG no congreso que se celebrará a vindeira fin de semana

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG © CIG

A CIG celebra esta fin de semana o seu VI Congreso Confederal, no que o actual secretario xeral, Suso Seixo, optará á reelección no seu cargo, á espera de que se presenten ou non candidaturas alternativas e críticas coa dirección, algo que cre que entra dentro da "normalidade" e que algún grupo de afiliados xa anunciou, coa súa intención de postularse á dirección.

Seixo opta á reelección e ve "con normalidade" que se presenten candidaturas alternativas

A cita será a vindeira fin de semana, os días 25 e 26, e Seixo destaca que o "habitual" nestes congresos é que se presenten tres ou catro candidaturas, cuxa presentación remata este xoves. Ata daquela, o secretario xeral descoñece se serán "unha ou cinco" as alternativas que se postulen, algo que "non preocupa en absoluto" á actual dirección. "A CIG está centrada en estar máis homoxeneizada pro dentro para dar resposta ás demandas dos traballadores", resumiu.

De feito, Seixo destacou a unidade da CIG na resposta ante os conflitos e lembrou que no sindicato hai diferentes correntes "que teñen interese en ter representación", unha pluralidade que reivindica, malia a que a central "está moi unificada por dentro".

A CIG chama a organizarse para combater o actual modelo económico

Baixo o lema É necesario, é posíbel. Organización, loita, soberanía, o congreso comezará ás 9 horas do sábado e as candidaturas presentaranse entre as 19.30 e as 20 horas, logo de que se debatan os diferentes documentos. Será xa o domingo cando se produzan as votacións, entre as 10 e as 11, das que sairá a nova Executiva Federal, a Secretaría Xeral e a Comisión de Garantías. Ao congreso acudirán 25 delegados internacionais; así como 540 delegados electos por estruturas e delegacións, 136 do Consello Confederal e outro seis da Comisión de Garantías.

Pero neste congreso haberá moito máis. A CIG prevé debater a resposta ás medidas adoptadas polo Goberno, como a reforma laboral, ou aos conflitos derivados da fraude das preferentes e dos desafiuzamentos. Ao tempo, analizaranse as alternativas que a central nacionalista propón para loitar contra a crise e contra o desmantelamento dos servizos públicos e do tecido produtivo ou o drama do paro. Para Seixo, o PP aplica medidas "antisociais e natiobreiras" e é necesario "garantir os dereitos básicos".

Por iso, o secretario xeral da CIG chamou a organizarse para combater o modelo actual no que "as decisións son tomadas por institucións con falta de control por parte da cidadanía e controladas polo poder financeiro". O sindicato cre que o cambio pódese lograr con "loitas espontáneas". "Hai que estar organizado", dixo, tras reivindicar que "a organización e o sindicato" son "máis necesarios que nunca".

A CIG rexeita o pacto social porque "sempre vai acompañado de cesión de dereitos dos traballadores"

"Só con loita e mobilización é posible o cambio", sostivo Seixo, que rexeitou un pacto social entre sindicatos, patronal e goberno porque "sempre vai acompañado de cesión de dereitos dos traballadores". Tamén reivindicará a CIG a soberanía de Galicia, en oposición a "unha centralización enorme do poder económico e político". A comunidade, protestou, ten "carencias importantes en competencias" e considerou que nestes momentos é "fundamental" reclamar máis capacidade de decisión.

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.