O pasado 10 de novembro os grupos galegos das PAH e de Stop Desafiuzamentos rexistraron no Parlamento unha moción de medidas urxentes para asegurar o dereito á vivenda e na que demandaban unha serie de cambios lexislativos -a nivel galego e estatal- e accións políticas para combater as situacións de urxencia habitacional e de pobreza enerxética que sofren milleiros de cidadáns e cidadás. En conversa con Praza, María Díaz (Stop Desafiuzamentos Compostela), destacaba que un dos obxectivos era que a sociedade e os partidos políticos tivesen moi presente, en plena campaña electoral, o problema da vivenda e que "segue habendo o mesmo número de execucións hipotecarias". “Queremos lembrarlles a todos os partidos que estas esixencias son os mínimos que a cidadanía precisa neste momento”, engadía.
As PAH galegas pídenlles ás distintas forzas políticas "que se amosen sensibles" coas cinco propostas que llo fagan saber por escrito antes do día 14 de decembro, explicando o seu nivel de compromiso con estas iniciativas
Agora, estas entidades lanzan a iniciativa Sen as 5 da PAH, eu non vos voto, na que subliñan estas esixencias "mínimas" para as forzas políticas que concorren ás eleccións do 20 de decembro, e que resumen en 5 grandes demandas: Dación en pago retroactiva, Alugueiro a un prezo alcanzable, Stop Desafiuzamentos (paralizar todos os desaloxos e execucións hipotecarias), Vivenda social (poñer fin aos pisos baleiros en mans da banca creando un parque público de alugueiro), e Subministracións garantidas de auga, luz e gas evitando calquera corte destes servizos.
As PAH galegas pídenlles ás distintas forzas políticas "que se amosen sensibles" coas cinco propostas que llo fagan saber por escrito antes do día 14 de decembro, explicando o seu nivel de compromiso con estas iniciativas. Sinalan que as propostas lexislativas da PAH son "razoables e asumibles por calquera formación política" e engaden que "as condicións que expoñemos tamén entran dentro da lóxica preventiva dun colectivo cidadán que non quere ser utilizado en campaña electoral para beneficio de ningunha formación política".
"As eleccións xerais abren a posibilidade dunha nova correlación de forzas que permita superar a complicidade da banca e as subministradoras cos gobernos do PP e o PSOE"
Neste senso, despois de que o PP -único grupo parlamentario que non apoiou estas entidades na presentación da moción, o pasado 10 de novembro- solicitase manter un encontro con elas, os grupos galegos da PAH pídenlles ao populares que contesten por escrito ás demandas formuladas, pospoñendo calquera xuntanza ata despois dos comicios pois "en campaña electoral as conversas poderían ser mal interpretadas". Estes colectivos conclúen que "as eleccións xerais abren a posibilidade dunha nova correlación de forzas que permita superar a complicidade da banca e as subministradoras cos gobernos do PP e o PSOE, complicidade que ocasionou leis inxustas, estafas, desafiuzamentos e cortes de subministracións".