Sendeirismo urbano, aberto e colaborativo na Agra do Orzán

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' Dominio Público Praza Pública

Música en branco: memoria da Agra do Orzán colle folgos e aumenta as súas actividades. Logo da presentación o pasado luns desta iniciativa -unha intervención urbana que investiga, documenta, difunde e pon en valor a memoria musical e sonora deste popular (e populoso) barrio- e do comezo das Barriografías dirixidas por Xurxo Souto, o proxecto desenvolvido por Sinsaludio para o Concello da Coruña lanza agora os Paseos polo barrio, dirixidos por Cristina Anllo co obxectivo de constituír itinerarios de forma colaborativa vencellados á memoria e ás experiencias dos habitantes da Agra. Así, pretende implicar a súa veciñanza no seu trazado a través desta iniciativa aberta e colaborativa que se desenvolverá nas próximas semanas e que contará con tres partes diferenciadas.

O proxecto 'Música en branco' lanza agora os 'Paseos polo barrio', itinerarios de sendeirismo urbano abertos á cidadanía

A primeira delas celébrarase xa este sábado 25 de 17 a 20 horas no Centro Ágora, onde terá lugar un obradoiro colaborativo, aberto á participación dos veciños e as veciñas, co que se pretende establecer o percorrido destas catro rutas de sendeirismo urbano. No obradoiro, que conta cun máximo de 45 prazas, Cristina Anllo levará catro propostas de itinerarios que serán discutidas pola xente. "A intención é que a través do diálogo, do debate e da implicación dos asistentes se definan as rutas, atendendo á memoria dos veciños, e solucionando problemas de mobilidade peonil dun barrio que, pola súa situación e natureza, xoga un relevante papel vertebrador na cidade", explican os promotores de Música en branco.

Na segunda fase destes Paseos polo barrio ofrecerase a posibilidade de "coñecer a pé a periferia urbana da Coruña mediante o percorrido das catro rutas deseñadas este sábado de forma colaborativa". As camiñadas ter terán lugar ao longo do mes de xuño, sempre en domingo, e cada unha delas contará coa presenza dun especialista na interpretación do medio físico. A participación está aberta aos veciños e en cada ruta poden inscribirse até un máximo de 25 asistentes.

Para finalizar, no mes de outubro celebrarase un Obradoiro de Bombas de Sementes. Esta actividade permitirá intervir na biodiversidade dos bordos dos camiños deseñados. Ademais, crearanse unhas audioguías para que calquera poida percorrer libremente as rutas creadas ao son das experiencias e lembranzas sonoras dos participantes no seu deseño e no seu primeiro percorrido. "É dicir, a memoria dos asistentes aos roteiros de xuño permitirá que, meses despois, calquera veciño poida percorrer tanto o barrio como a súa historia sonora a través destas audioguías", explican.

Os interesados en participar no proxecto poden escribir ao correo electrónico musicaenbranco@gmail.com.

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.