Será noticia en 2014

A reivindicación do dereito ao aborto será un dos temas deste 2014 que comeza Dominio Público feminismosvigo

A nosa historia fácemola nós, e as noticias non se prefabrican, pero hai certos temas dos que seguro falaremos nos vindeiros meses, e que darán para unha, dúas ou unha ducia de novas. Estes son só algúns deles:

1. Economía

Ao longo de 2014 continuaremos mirando e remirando as nosas carteiras e as minguadas contas correntes. Dende o Goberno cómezase a sinalar, cada vez con menos cautelas, que o 2014 será o ano da saída da crise, ou do comezo da recuperación económica. Dende logo hai algúns indicadores (prima de risco, exportacións, fin da caída do consumo interno, mesmo as cifras de creación de emprego dos últimos catro meses...) que incitan a un certo optimismo. Pero fronte a elas, mantense a realidade de case seis millóns de desempregados e desempregadas, dos salarios conxelados, das prestacións sociais recortadas e da crecente emigración. Sexa como for, este será -un ano- máis o gran tema.

2. A entidade financeira galega

A compra de NCG por Banesco supuxo o final dun proceso de varios anos de fusión, nacionalización e venda das antigas caixas de aforro, eixo fundamental da economía galega. A entrada deste actor debería supor, segundo os expertos, unha certa garantía do mantemento da estrutura e da galeguidade da entidade bancaria. Porén, será neste 2014 cando se comprobará se isto é así finalmente, en que medida se respecta o actual cadro de persoal e se este novo banco ou as demais entidades comezan a deixar fluír o capital en forma de créditos para permitir un impulso da economía. Ademais, estaremos atentos ao nacemento e crecemento de alternativas bancarias éticas, que vivirán en 2014 un ano importante. 

3. Reforma da Lei Electoral e recorte de deputados

Esta semana coñecemos por fin o contido exacto da reforma do Parlamento que o PP levaba meses anunciando. A proposta da redución do número de deputados e deputadas está xa sobre a mesa e, en principio, non conta con máis apoios que os dos populares. Pero pode ser un bo momento para debate en profundidade sobre o tema, non só limitado ao cativo aforro da redución de 14 salarios. Circunscrición única, supresión da barreira do 5%, eliminación da discriminación que sofren os e as votantes da Coruña e Pontevedra, listas abertas (ou algunha das moitas opcións existentes neste senso), ou o meirande aforro que suporía a desaparición ou minimización doutras institucións, coma as deputacións provinciais, son asuntos que deberían entrar nese debate.

4. Eleccións ao Parlamento europeo

En maio estamos convocados a votar os nosos representantes no Parlamento europeo, nunha cita electoral que adoita ser minimizada e espertar unha atención moito menor que outras, pero que nesta ocasión, despois de anos de debate sobre a importancia nas nosas vidas das decisións adoptadas polas institucións comunitarias, poderían acadar mesmo unha condición de plebiscito. De igual xeito, inevitablemente interpretaremos estes comicios coma un xuízo á acción dos partidos gobernantes e como antesala das eleccións municipais e xerais de 2015. Previamente viviremos meses de debate sobre a conformación de frontes, coalicións e listas, tanto en Galicia coma a nivel de todo o Estado e do conxunto de Europa.

5. Reforma local

Hai uns días entrou en vigo a polémica Reforma Local que recorta as competencias dos concellos e que traspasa a outras administracións, nomeadamente as deputacións provinciais, a xestión de moitos servizos públicos. O cambio será paulatino e tamén iremos vendo as súas consecuencias sobre o gasto e, sobre todo, para a cidadanía.

6. Catalunya

No 2014 falaremos moito de Catalunya. Ninguén pode saber con certeza o que sucederá. Se haberá ou non referendo no outono, se chegará ou non como froito dunha negociación e acordo previo co Goberno central, ou cal será o resultado ou a participación nel. Sexa como for, tampouco se descarta a convocatoria de novas eleccións en Catalunya. Previamente, o 18 de setembro, celebrarase o referendo de autodeterminación en Escocia, este si de común acordo co goberno británico e vinculante.

7. Brasil

E falaremos, igualmente, do Brasil. Por moitos motivos: porque é un país do que deberíamos falar máis, porque en xuño os ollos do planeta estarán postos no seu Mundial de Fútbol, e porque en outubro o país vivirá unhas eleccións presidenciais nas que Dilma Rousseff buscará repetir mandato.

8. Aborto

O 2014 será o tempo de debater a reforma da lei do aborto, un proxecto impulsado polo ministro Gallardón. O texto, aínda non aprobado polo Consello de Ministros, é rexeitado por todas as forzas políticas e que non suma o apoio de máis dun terzo dos votantes do Partido Popular, segundo unha sondaxe de El Mundo.

9. Alternativas a Sogama

O incremendo da taxa de recollida e tratamento do lixo puxo a xestión de residuos no primeiro plano da actualidade e revelou para moitos que hai vida alén de Sogama e da incineración. Rianxo deu xa o paso de abandonar Sogama e nos vindeiros meses poderían facelo outros concellos, na procura de alternativas máis baratas, pero tamén máis respectuosas co medio ambiente e, ademais, seguindo as recomendacións europeas.

10. O ano de Díaz Castro

"Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move". Imos ler este verso en moitos lugares neste ano, que servirá para que moitos lectores e lectoras vaian alén deste poema e alén de Nimbos e todos e todas coñezamos un pouco mellor este poeta.

11. O I+D+i

No 2014 haberá que falar deste tema, e no 2015, e no 2016. Custou moito poñer en marcha as estruturas, equipos e dinámicas de investigación que pouco a pouco ía recurtando a fenda histórica que nos separaban dos principais países desenvolvidos. E dende hai anos esa complexa locomotora perde velocidade e custará moito volvela poñer en marcha. E cada ano que pase custará un pouco máis. Non vale o Que inventen eles! nin obrigar as xeracións mellor preparadas da historia (e nas que se investiu moito) a buscar o seu futuro noutros países.

12. A previa das municipais

Parece que están moi lonxe, a ano e medio, pero de seguro que nos últimos meses deste 2014 comezaremos a falar moito das eleccións municipais de 2015. Cando menos á hora de definir listas e candidaturas.

13. Renda Básica Universal

Pode que este tema non entre nas axendas políticas ou mediáticas neste 2014, pero debería facelo, o mesmo que o debate sobre a contradicción evidente entre os milleiros de familias que seguen perdendo as súas vivendas e as grandes bolsas de vivendas baleiras existentes en todas as cidades e vilas, moitas delas de propiedade pública.

14. Punto gal

2014 será o ano no que comezarán a rexistrarse os primeiros dominios .gal. Será xa nos primeiros meses e calcúlase que ao longo do ano se crearán entre oito mil e nove mil dominios.

A reivindicación do dereito ao aborto será un dos temas deste 2014 que comeza Dominio Público feminismosvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.