"Só é cuestión de tempo que ocorra outro Prestige"

Marea negra do Prestige © Greenpeace

"Outro Prestige é posible". É parte do título do detallado informe elaborado por Greenpeace, pero tamén a aseveración que se tira das conclusións dun documento no que a organización ecoloxista fai unha completa análise do que foi aquela traxedia e do que ela nos deixou dez anos despois a poucos días de que se reanude o xuízo, o vindeiro 13 de novembro, data que coincide precisamente co décimo aniversario do comezo daquela catástrofe ambiental.

"É só cuestión de tempo que ocorra outro Prestige; os responsables seguen gobernando e o petróleo séguese extraendo e transportando"

"Dez anos despois da marea negra, os responsables continúan gobernando e séguese extraendo petróleo e transportándoo. É só cuestión de tempo que ocorra outro Prestige", asegura Greenpeace, que di elaborar este informe (Otro Prestige es Posible. Reflexiones para evitar otra marea negra) co obxectivo de abordar diversas cuestións: comprobar se se depuraron as responsabilidades no ámbito económico, legal e político; se os impactos ambientais e na saúde permanecen e foron avaliados; ou se o uso do petróleo, orixe do problema, cambiou neste tempo e se exsiten alternativas". O resultado do estudo non pode ser máis pesimista.

"Dez anos despois comeza o xuízo e os responsables políticos non se sentan no banco dos acusados", lembra Greenpeace, que asegura que outro Prestige é posible "mentres continuemos a depender do petróleo e mentres o sistema xudicial non teña os suficientes recursos para afrontar os delitos ambientais, comezando pola creación dun corpo de peritos".

"Se ninguén esquece o que pasou, hai máis posibilidades de que non volva repetirse"

"Se ninguén o esquece,  hai máis posibilidades de que non volva repetirse; este é outro dos motivos polos que Greenpeace presenta este documento", aclara Greenpeace, que divide o informe en diversos capítulos nos que conta con expertos en diferentes ámbitos, como o escritor galego Manuel Rivas, moitos deles testemuñas das traxedia e que agora reflexionan sobre o que se pode aprender daquela catástrofe.

Para a organización ecoloxista, as conclusións do informe son claras. Fallaron os responsables políticos porque "foron incapaces de protexer os intereses sociais e do medio ambiente" durante aquela catástrofe. Así, destaca as erradas decisións tomadas polas distintas administracións, así como "a loita informativa entre o Goberno e os medios de comunicación ante unha inquedanza social que demandaba máis e máis información veraz". "Houbo un bloqueo informativo do Executivo, que usou a falta de detalles, a prohibición de falar aos seus funcionarios e a repetición de mentiras de maneira sistemática e teimuda", exlica no informe Gustavo Catalán, xornalista especialista en ecoloxía e medio ambiente.

"Houbo un bloqueo informativo do Executivo, que usou a falta de detalles, a prohibición de falar aos seus funcionarios e a repetición de mentiras de maneira sistemática"

Para Greenpeace, a xestión do Prestige "deixou ao descuberto grandes carencias sobre as responsabilidades ante as catástrofes ambientais", así como acarencias na xestión do buque na catástrofe, "a falta de responsabilidade no transporte de hidrocarburos, en seguridade e salvameto marítimo, así como na loita contra a contaminación". "Houbo tamén unha insuficiente valoración da dimensión do sinistro, erros na toma das primeiras decisións, problemas de información e comunicación e carencia de medios para combater a contaminación", insiste.

"Non se elaborou aínda ningún estudo integral da caracterización, avaliación e cuantificación de todos os impactos da marea negra"

Por outra banda, Greenpeace destaca que "ningunha das responsabilidades é esixida pola Xustiza nin asumida polos seus responsables", o que fai aínda máis probable que outro Prestige sexa posible, ademais de destacar que o entramado empresarial que arrodea un petroleiro adoita escapar das súas responsabilidades. "A día de hoxe, se ocorre outra catástrofe só pagaría a empresa propietaria, pero ningunha das outras do entramado; precisamos transparencia e claridade e que España e a UE dean un xiro na lexislación", asegurou Mario Rodríguez, responsable de Greenpeace, durante o presentación do informe na Coruña, onde tamén advertiu do descenso das capturas en varias especies.

Ademais, o texto presentado denuncia tamén que "se descoñecen aínda o alcance dos impactos". "En todo este tempo non se elaborou ningún estudo integral da caracterización, avaliación e cuatificación de todos os impactos da marea negra", advirte a organización ecoloxista, que aclara que os impactos a longo prazo e menos visibles "tamén existen". "Os  hidrocarburos incorporáronse á cadea trófica e ao océna para sempre; non se atopa documentación científica ningunha que amose un debuxo global das consecuencias do vertido", asegura.

Para Greenpeace, o petróleo, desde a súa extracción, transporte e consumo, "xera irreparables e inevitables e permanentes impactos ambientais". "A súa utilidade no sistema enerxético pode ser substituída por outras alternativas", reclama a organización ecoloxista, que pide "un ambio de modelo enerxético que acabe co actual dependencia do cru e que faga innecesario qeu máis buques como o PRestige sigan surcando os mares coa ameaza permanente doutra marea negra".

Ademais, o escritor galego Manuel Rivas é o encargado de elaborar un capítulo do informe (Entre la mierda y la esperanza) na que reflexiona sobre o movemento social xurdido con esta marea negra. Para o tamén poeta e xornalista, "cando ocorre unha catástrofe tan descomunal, a lóica das poboacións é agruparse arredor do Goberno, pero ao ser negada a importancia dos feitos por este, xerouse unha grande inflexión na mobilización cívica polo Prestige; pola súa dobre condición de ser un movemento de denuncia, de catarse, pero tamén de encher de esperanza e a súa expresión pragmática".

 

Unha voluntaria entre rochas con chapapote © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.