Solicitudes masivas de redución de potencia para contrarrestar a suba da luz

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

O sábado 3 de agosto comezou a aplicarse a nova suba do prezo da electricidade decidida polo goberno. A medida busca acabar co déficit de tarifa do sistema eléctrico español, pero céntrase case exclusivamente nos seus custes fixos, as tarifas de acceso e o prezo potencia contratada, que sobe até un 77%, mentres que se rebaixa o prezo de cada kWh consumido ao redor dun 22%. Esta medida, polo tanto, beneficia a aqueles que consumen máis e prexudica gravemente os fogares con consumos baixos ou medios, e sobre todo a quen teña contratada unha potencia maior da que necesita.

Dende hai días as organizacións de consumidores veñen recomendando que os usuarios revisen a potencia contratada nas súas casas

Dende hai días as organizacións de consumidores veñen recomendando que os usuarios revisen a potencia contratada nas súas casas. A OCU afirma a este respecto: "se na túa casa nunca salta o interruptor de potencia, é síntoma de que tes máis potencia da que necesitas. Até agora, reducir un kW de potencia supuña aforrar 28 euros ao ano. Cos cambios propostos polo goberno, este aforro sobe a 40 euros anuais por kW. Solicitar o cambio de potencia á túa distribuidora só custa 10 euros... Fai contas". Tamén a Comisión Nacional de la Energía (CNE) alertou de que unha suba "tan drástica" no prezo da potencia eléctrica instalada podía "incrementar as reclamacións e consultas dos consumidores, en particular daqueles de baixa utilización e sen información sobre a elección axeitada da súa potencia contratada".

Até hai uns anos a potencia contratada máis habitual estaba entre 4,60 e 6,90 KW, pero nos novos contratos o habitual é que as potencias rolden os 9,20 KW, algo excesivo para case calquera vivenda

Até hai uns anos a potencia contratada máis habitual estaba entre 4,60 e 6,90 KW, pero nos novos contratos o habitual é que as potencias rolden os 9,20 KW, algo excesivo para case calquera vivenda, e moito máis para unha pequena na que vivan unha ou dúas persoas. Mesmo empregando á vez luz, frigorífico, aspiradora, ferro de pasar, lavadora, televisión, forno, ordenador e outros pequenos electrodomésticos, a potencia necesaria no adoita superar os 3,3 kW. Lavavaixelas ou vitrocerámica poden subir un chisco este nivel, pero nunca por riba dos 5 ou 6 kW. Mesmo hai webs con calculadoras da potencia axeitada para cada fogar en función do seu tamaño, residentes e do uso ou non de calefacción eléctrica.

É por isto que as compañias eléctricas levan días recibindo milleiros de peticións de clientes para modificar os seus contratos, que teñen moita máis potencia contratada da que realmente necesitan. Esta modificación pode supor un aforro de 300 euros anuais por fogar. Por exemplo, unha parella que vive nen piso de 50 m² sen calefacción eléctrica, se reduce a súa potencia de 9,2 KW a 2,2 KW, que sería o nivel axeitado, aforraría 301 € ao ano. E unha parella cun fillo nun piso de 70 m² sen calefacción, se reduce a potencia a 4,4 KW, aforraría 207 € ao ano

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.