"Somos pensionistas, non defraudadores"

Reunión de xubilados no Concello de Cervo © Concello de Cervo

Arredor de douscentos xubilados galegos acosados por Facenda para que tributen polas pensións que cobran dos seus anos traballados na emigración manifestáronse este luns ante a delegación da Axencia Tributaria en Pontevedra. "Somos pensionistas, non defraudadores", rezaba a pancarta da plataforma de afectados xa constituída en Galicia contra unha campaña que consideran "un roubo" por parte do Estado e que, segundo denuncian, os deixa na ruína económica.

Os afectados cualifican de "roubo" a campaña levada a cabo por Facenda contra as súas pensións da emigración

Os casos que se denunciaron este luns en Pontevedra son o de milleiros de xubilados galegos que están a recibir cartas desde hai semanas onde se lles require que acrediten as pensións recibidas doutros países desde o ano 2008 e que tributen por elas. Non só iso, senón que tamén lles exixe unha multa ao considerar que non cumpriron coas súas obrigas fiscais, malia que na inmensa maioría dos casos nunca foran informados sobre a necesidade de pagar polas pensións da diáspora, e o pago dos intereses polo atraso no pagamento.

"Nunca fomos advertidos e sempre nos dixeron que non era necesario declarar esas pensións", insisten unha e outra vez os afectados, que avisan de que esta só á e primeira das mobilizacións que leverán a cabo nos vindeiros días contra esta polémica campaña da Axencia Tributaria. "Por que non emigraron vostedes a Alemaña? Son uns lobos", rezaba a pancarta dalgún dos xubilados, moitos deles chegados desde O Morrazo, onde unha primeira remesa se cartas colleu por sorpresa a preto de 500 emigrantes. "É unha nova estafa do Goberno de Rajoy", denuncia a plataforma, tras os berros de "ladróns" ou de "isto é un atraco" que se sucederon na mobilización.

"É unha nova estafa do Goberno de Rajoy", asegura a plataforma de afectados

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día. PSdeG, BNG e AGE presentaron diversas iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e no Senado reclamando información máis detallada e pedindo que non se apliquen con carácter retroactivo as sancións e que os emigrantes non sexan multados ao non haber dolo na súa actuación.

Desde a oposición ao completo denúnciase o "afán recadatorio" dunha medida que chega logo da polémica amnistía fiscal e que se está a cebar cos colectivos menos favorecidos. Tanto PSdeG, como BNG e AGE reclaman unha "solución política" a unha situación que afecta xa a milleiros de galegos, pero que ameaza con estenderse a outros moitos en canto a campaña que leva a cabo a Axencia Tributaria se aplique os emigrantes en países de Latinoamérica ou de Australia.

Reunión de xubilados no Concello de Cervo © Concello de Cervo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.