SOS Panadeira, moito máis que un pantalán

Concentración convocada por SOS Panadeira © Ramón Romay

O conflito xerado polo proxecto de construción de novos pantaláns por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo, unhas obras autorizadas por Portos de Galicia coa oposición tanto do Concello coma de numerosos veciños, organizados na plataforma SOS Panadeira, vén de vello. As obras, iniciadas o pasado verán, paralizadas pola presión social e varios recursos xudiciais, e de novo en marcha, poden levar á práctica destrución de dous areais (Os Barcos e Panadeira), á perda de bandeiras azuis e a unha meirande contaminación polo movemento previsto de barcos nos 121 amarres previstos. O proxecto supón, en definitiva, unha ocupación do espazo público (porto e praias) para o beneficio dunha entidade privada, o Real Club Náutico de Sanxenxo.

Os responsables deste club privado ofreceron este mércores unha rolda de prensa na que aseguraron que seguirán adiante coas obras, a pesar de que as actuacións están recorridas xudicialmente polo Concello, nunha demanda admitida a trámite polo Xuzgado do Contencioso-Administrativo de Santiago, e por Nauta Sanxenxo, a empresa municipal que xestiona o porto, ante o TSXG. Na rolda, que quixo ser unha demostración de forza por parte do clube, participaron dez colectivos, aínda que só un (a confraría) era de Sanxenxo.

O presidente do Náutico, Pedro Campos, afirmou que “acabaremos as obras a pesar de quen recorren á coacción e ao insulto", en referencia á plataforma SOS Panadeira, e argumentou que “o Club está composto por veraneantes, que vimos aquí polo mar e as praias. Como iamos danalas se son o noso sentido de estar aquí?”. Tamén sinalou que "o que está ocorrendo vai máis aló duns pantaláns” e que “se permitimos que a violencia se impoña, a próxima vez usarán este método para outra cosa, e así acábase co Estado de Dereito”. En ton ameazante concluíu que "non confundan a nosa amabilidade con debilidade. Estamos presentando demandas polo civil e polo penal. E contaremos coas medidas de seguridade que sexan necesarias tanto para os traballadores do Náutico, como para os socios e os operarios que están facendo a obra”. Tamén afirmou que “con Telmo e con Catalina", en referencia ao anterior alcalde Telmo Martín e a actual alcaldesa Catalina González, ambos do PP, "sempre houbo sintonía, pero pode vir outro alcalde e quen sabe. O futuro do Club estará mellor se ten as súas propias instalacións”.

"Sempre houbo sintonía, pero pode vir outro alcalde e quen sabe. O futuro do Club estará mellor se ten as súas propias instalacións”

A rolda de prensa, na que participaron os regatistas Fernando Echávarri e Tamara Echegoyen e responsables doutros clubes náuticos privados de Galicia, foi interumpida polas protestas dos veciños de Sanxenxo agrupados en SOS Panadeira, chegándose a vivir momentos de tensión. Tamén hai unhas semanas un grupo de activistas denunciou unha agresión dun traballador de Portos de Galicia cando intentaba deter as obras de construción do pantalán.

 

Un pantalán criticado por (case) todos

"Se finalmente se executa esta obra tal e como está pensada, a praia de Panadeira, aínda se cumprise con todos os demais criterios imperativos, non podería ser considerada zona de baño"

A oposición ao pantalán tamén chegou por parte do Colexio Oficial de Biólogos e pola Asociación de Educación Ambiental e del Consumidor (Adeac), integrante da Foundation for Environmental Education, a entidade responsable da concesión das bandeiras azuis. "Se finalmente se executa esta obra tal e como está pensada, a praia de Panadeira, aínda se cumprise con todos os demais criterios imperativos, non podería ser considerada zona de baño, ao ser incompatible coa zona portuaria", sinalou Adeac que asegura "non estar en contra das ampliacións de portos deportivos", iso si, "sempre que haxa unha necesidade xustificada, uns estudos de impacto ambiental e un consenso social", aspectos que, nesta ocasión, "non se cumpren". Tamén lembraba que "os pantaláns están en contra das orientacións xerais do propio Concello e de Nauta Sanxenxo" e dicía descoñecer "cales son os argumentos que puidesen xustificar unhas obras aparentemente en contra do desenvolvemento sostible de Sanxenxo".

"Só hai un culpable deste malestar xerado entre os veciños, a administración local e outros colectivos co Náutico de Sanxenxo, e este é Portos de Galicia, xa que autorizou a súa situación desoíndo o Concello"

O malestar no Concello é visible, igualmente, pois denuncia que a actuación incumpre a normativa urbanística vixente, tanto o Plano de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo aprobado por Portos de Galicia, coma o Plano de Ordenación del Litoral de Galicia. O concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez (VIPS), amosouse nos últimos días moi crítico coa actuación da Xunta: "só hai un culpable deste malestar xerado entre os veciños, a administración local e outros colectivos co Náutico de Sanxenxo, e este é Portos de Galicia, xa que autorizou a súa situación desoíndo o Concello".

Sos Panadeira leva meses traballando en distintas accións de información e protesta. Organizou concentracións e manifestacións, cadeas humanas sobre a praia, accións reivindicativas ao paso da Volta a España, buscou paralizar as obras establecendo quendas de vixilancia, organizou un festival de música e estableceu contactos con grupos políticos e distintas administracións para frear o proxecto. A súa actividade continúa e aseguran que non se deterá até a retirada do proxecto. Como dixo este mércores o presidente do Club Náutico "o que está ocorrendo vai máis aló duns pantaláns”. En efecto, trátase da defensa do espazo público, e de frear un proxecto de utilización dos recursos de todos para o beneficio, privado, duns poucos.

Veciños e veciñas de Sanxenxo debuxan un 'SOS' sobre a area da praia © SOS Panadeira
Outra acción de protesta do colectivo ante o Real Club Náutico de Sanxenxo © SOS Panadeira
Impacto das obras do pantalán no areal © SOS Panadeira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.