Stop Desafiuzamentos Compostela convoca unha acción de denuncia pública contra os bancos

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos

Stop Desafiuzamentos Compostela convoca unha concentración este mércores, 15 de maio, ás 11:00h, na Praza de Galicia da cidade para denunciar publicamente "as prácticas de desgaste, ninguneo, deixadez e bloqueo de negociacións que diversas entidades bancarias están a manter en case unha decena de casos de execucións hipotecarias que as afectadas, co respaldo da plataforma, puxeron enriba da súa mesa". Chaman a cidadanía a participar na mobilización "dado que o dano á súa imaxe e a presión na rúa e nos medios son os únicos mecanismos que semellan efectivos para facer avanzar estes procesos".

 

Denuncian "as prácticas de desgaste, ninguneo, deixadez e bloqueo de negociacións que diversas entidades bancarias están a manter en case unha decena de casos de execucións hipotecarias"

Sinala en concreto a Banco Santander-Banesto, Novagalicia Banco e ao Banco Popular-Pastor, especialmente a "aquelas persoas que ocupan nelas cargos con capacidade de decisión", aos que lles esixen que "asuman as súas responsabilidades e que se dignen canto menos a concertar unha xuntanza coas familias co obxectivo de resolver os casos un por un, e de tal forma que o dereito á vivenda e a dignidade das afectadas non sexa vulnerada como o foi ata agora".

Engaden que durante meses, Stop Desafiuzamentos Compostela asesorou e acompañou en múltiples negociacións varias persoas en distintos momentos do proceso de execución coas tres entidades nomeadas. "O resultado foi similar na meirande parte dos casos: sería exposto ás altas esferas, que darían unha resposta en contra ou a favor, e só restaba agardar a que esta chegara. O problema é que a resposta nunca chega, cos perxuízos económicos, persoais e sociais que esta incerteza constante ten para as afectadas", din.

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.