Stop Desafiuzamentos frea, de momento, o desaloxo de Elisabeth Sanlés

Faixa de Stop Desafiuzamentos na vivenda de Elisabeth © Stop Desafiuzamentos A Coruña

Desaloxo paralizado, de momento, aínda que a situación de Elisabeth Sanlés e os seus tres fillos está aínda lonxe da súa solución. A presenza de medio cento de activistas convocados por Stop Desafiuzamentos impediu esta mañá o acceso da comitiva xudicial á vivenda, e a expulsión foi adiada indefinidamente. Varios destes activistas pasaran a noite ante a casa, situada na rúa Antonio Noche, número 30, da Coruña, no barrio do Castrillón. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou o adiamento "sen data" do lanzamento, pero no mesmo comunicado sinalou que o xuíz que levou o caso, titular do Xulgado de Primeira Instancia nº9 da Coruña, non ve "base legal" para suspender o proceso de expulsión. En consecuencia, Stop Desafiuzamentos alerta de que, ao igual que no caso de Aurelia Rey, novos intentos de desaloxo poderían producirse en calquera momento.

Stop Desafiuzamentos alerta de que, ao igual que no caso de Aurelia Rey, novos intentos de desaloxo poderían producirse en calquera momento

O maxistrado recibiu o pasado venres a Elisabeth Sanlés, que sofre fibromialxia e cobra 216 euros ao mes, polo que non pode facer fronte ao pago do aluguer, e informouna de que non existe "base legal para suspender o lanzamento" e de que "segundo indica o protocolo asinado por CGPJ, Xunta e Fegamp para estos casos, puxo a situación en coñecemento dos servizos sociais do Concello e da Consellaría de Traballo e Benestar". Stop Desafiuzamentos denuncia que hai máis de dous meses que o departamento de Servizos Sociais do Concello da Coruña ten coñecemento deste caso, e acúsano de "inacción" e "desidia". Afirman que a única alternativa ofrecida dende o departamento de Servizos Sociais co Concello é unha estadía temporal na residencia católica de Padre Rubinos, pero que a obrigaría a separarse dos seus tres fillos.

A única alternativa ofrecida dende o departamento de Servizos Sociais co Concello é unha estadía temporal na residencia católica de Padre Rubinos, pero que a obrigaría a separarse dos seus tres fillos

O colectivo denuncia que dende a oficina de Servizos Sociais se afirma que Elisabeth rexeitou un piso de protección oficial, o que cualifican de "mentira". Segundo Stop Desafiuzamentos, Elisabeth Sanlés solicitara un piso de protección oficial e na mesma petición, sinalaba os condicionamentos froito da súa enfermidade (fibromialxia), coma a imposibilidade de acceso á citada vivenda por tratarse dun piso de máis de dúas alturas sen ascensor. O Instituto Galego de Vivenda e Solo concedéralle un cuarto sen ascensor, "recoñecendo a citada institución o seu erro e a subsanación do mesmo, pasando a suprimir a citada concesión ao non cinguirse aos condicionamentos expresados e dos que xa o IGVS tiña coñecemento", segundo o colectivo.

Faixa de Stop Desafiuzamentos na vivenda de Elisabeth © Stop Desafiuzamentos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.