Sandra ten 25 anos e unha hipoteca. Traballa e cobra mil euros ao mes, insuficientes para facer fronte á débeda de 200 mil euros contraída con NCG, agora Novagalicia Banco, que agora ameaza con expulsala da súa vivenda a ela, á súa nai e ao seu irmán pequeno de 12 anos, e ademais non acepta saldar a débeda coa entrega do inmoble.
Cando tiña 18 anos a caixa concedeulle a hipoteca para a compra do domicilio familiar, xa que os seus pais, pola súa idade, non podían asumir unha hipoteca a tan longo prazo
Dáse a circunstancia, ademais, de que a hipoteca está ao seu nome, pero non porque ela o solicitara. Cando tiña 18 anos a caixa concedeulle a hipoteca para a compra do domicilio familiar, xa que os seus pais, pola súa idade, non podían asumir unha hipoteca a tan longo prazo. A esa idade Sandra non dispoñía de ningún ingreso, estaba a estudar e concédeuselle o empréstito co aval dos seus pais. Pasou o tempo e o pai de Sandra abandonou o domicilio familiar e ela tivo que abandonar os estudos e poñerse a traballar para manter a súa nai e seu irmán. Agora cobra ao redor de mil euros mensuais, insuficientes para o pagamento da hipoteca e a manutención da súa familia.
Stop Desafiuzamentos Compostela vén de iniciar as accións para conseguir que o banco lle perdoe a hipoteca a Sandra a cambio de que ela entregue a vivenda, pero polo de agora os responsables desta operación en Novagalicia Banco negáronse a facelo. Segundo puido saber Stop Desafiuzamentos, despois de reunirse con NBG, na entidade saben que o pai de Sandra se atopa en México e que alí conta cun patrimonio "elevado", o que aproveitan como excusa para non flexibilizar a débeda de Sandra. Porén, o feito de que se atope no extranxeiro dificulta que o banco lle reclame este capital, polo que a situación está estancada.
Stop Desafiuzamentos Compostela vén de iniciar as accións para conseguir que o banco lle perdoe a hipoteca a Sandra a cambio de que ela entregue a vivenda, pero polo de agora os responsables desta operación en Novagalicia Banco negáronse a facelo
Stop Desafiuzamentos denuncia que "para que Sandra este padecendo esta situación, foi imprescindible a colaboración activa de NCG falseando a súa capacidade de endebedamento" e que "non é lóxico nin aconsellable conceder créditos a persoas que non teñen ingresos porque a primeira norma é demostrar que se vai poder devolver a cantidade prestada sen ter que elixir entre comer e pagar a débeda". O colectivo iniciou unha campaña de difusión deste caso, que podería levar á convocatoria de mobilizacións en Compostela e en Vigo.