Tan só 13 galegas se acolleron á titularidade compartida no agro en catro anos

Mulleres labregas traballando na horta © SLG

No Día Internacional da Muller Rural, as mulleres seguen a sufrir a discriminación. Malia os avances legais acadados nos últimos anos, as problemáticas que sofren non só non marcharon, senón que coa crise aumentaron e seguen máis vixentes ca nunca. E a pesar de que hai normativas que sentan as bases para corrixir anos de inxustizas, a igualdade que se pretendía chega moi aos poucos. Case sen avanzar nada. 

Apenas o 5% da labregas de Galicia xubílase coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo

A Lei de Titularidade Compartida é o exemplo máis claro. Foi esta unha demanda reclamada longamente polas mulleres do rural. Aprobada a finais de 2011, permitía que as labregas puidesen figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria. Deste xeito, os seus rendementos económicos e subvencións pasan a repartirse ao 50%, rachando cunha situación eterna na que, malia que levasen anos traballando e realizando os mesmos labores có home, na estatística non figuraban en pé de igualdade. Si -e unicamente- como axuda familiar, cos conseguintes prexuízos económicos, nomeadamente á hora da xubilación. De feito, apenas o 5% da labregas de Galicia xubílanse coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo. 

Hoxe en día, e tras catro anos da posta en marcha da nova lei, tan só 13 mulleres galegas se acolleron á nova normativa segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura de xuño des e mesmo ano. Todo malia que no país hai unhas 35.000 labregas que nas estatísticas figuran como axuda familiar, pero que non consta que formen parte de xeito legal -e mesmo real- da explotación. No conxunto do Estado, a situación é semellante, ao formar parte do rexistro de titularidade compartida 136 mulleres das 300.000 que o Estado calculara como potenciais candidata a beneficiarse da medida. Tan só Castilla y León e Castilla-La Mancha superan o número de rexistros de Galicia, habendo seis autonomías (Euskadi, Balears, Madrid, Canarias, Extremadura e Andalucía) nas que ningunha muller se deu de alta no rexistro. 

Tan só 13 mulleres galegas se acolleron á titularidade compartida, 136 no conxunto do Estado, desde 2011

Aos problemas burocráticos dos inicios da lei, cando as administracións non tiñan claros os trámites nin a documentación requirida, úneselle tamén o feito de que teña que ser a propia explotación a que solicite a titularidade compartida ou que a normativa non se acompañase con medidas de acción positiva. A falta de información e de impulso por parte das administracións fan o resto. De feito, no espazo web do Ministerio de Agricultura onde se detallan os datos de rexistros a xuño de 2015, o texto explicativo da norma fala dos "próximos pasos" a dar, aludindo ás actividades que se farán "ao longo de 2012". 

Ao tempo, esta lexislación bateu cunha sociedade moi masculinizada e unha profesión, a labrega, cuxos ingresos moitas veces non permiten que haxa máis de unha cotización por familia. O inexistente pulo e desenvolvemento por parte das administracións estatais, autonómicas e locais a unha igualdade real e o nulo desenvolvemento da normativa provoca que siga sendo o home o que cotice, mentres a muller mantense -unha vez máis- invisbilizada, sen dereitos laborais e sen cotización, malia que o seu traballo adoita ser o mesmo -ou maior- có do cónxuxe. 

Ao inexistente pulo á igualdade real e a falta de desenvolvemento da normativa úneselle unha profesión moi masculinizada

E iso que España presume de xer, xunto coa rexión belga de Valonia, o único Estado cun sistema legal de titularidade compartida coma este, tal e como explica a Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur) en El País. A diferenza está en que en Bélxica aplícase automaticamente a titularidade compartida a toda granxa que cumpra cos requirimentos, a non ser que a negativa sexa explícita. 

Mentres a titularidade compartida continúa se arrancar no Estado, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, aproveitou o Día Internacional da Muller Rural para destacar o Plan de promoción da muller rural aprobado o pasado venres polo Goberno central, con máis de 80 medidas e un orzamento de 23 millóns de euros. Segundo di, "favorecerá" que as mullere do campo "poidan destinar as súas capacidades a emprender e xerar riqueza". 

Agaca denuncia a "invisibilidade" da muller no rural

Por outra banda, e alén de partidos, plataformas e colectivos diversos, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) denunciou polo Día Internacional da Muller Rural a "invisibilidade" das mulleres no agro e asegura que segue a ser "difícil asimilar que un conxunto tan representativo poida pasar habitualmente tan desapercibido e ignorado tendo en conta a súa excepcional contribución no ámbito agrario tanto a nivel económico como social e familiar".

Agaca lembra que en Galicia, as mulleres" sempre estiveron máis concentradas no traballo da explotación e da casa e non adoitan ser protagonistas en ámbitos públicos (como a cooperativa da que forman parte)", a pesar de que, case o 50% das persoas socias son mulleres "e iso debera verse reflectido nos órganos de dirección nunha porcentaxe similar e maior da actual: só o 12% dos cargos do consello reitor e o 3% das presidencias están ocupados por mulleres". 

O PSdeG, pola súa banda, advirte de que "o primeiro déficit das mulleres que viven no medio rural é o do emprego". E lembra que "só o 23% dos traballadores ocupados no sector primario son mulleres, fronte a un 77% de homes", datos que poñen de manifesto a "especial discriminación que sofren as mulleres". "Gran parte das políticas de recortes desta lexislatura foron orientadas cara a unha intensa diminución do gasto na protección social e de servizos sociais", din os socialistas, que apostan por "renovar o compromiso de traballar pola igualdade entre mulleres e homes, por traballar por todas as mulleres, residan onde residan e teñan as circunstancias que teñan".

Manifestación a prol da titularidade compartida © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.