Tecnoloxía e emprego ou base militar na Terra Chá?

Instalacións do aeródromo © Aviadores.eu

Comezos dos anos 40 do século pasado. A Guerra Civil española vén de rematar e a ditadura franquista, acabada de nacer, está en débeda coa Alemaña nazi, agora embarcada na II Guerra Mundial. O goberno de Hitler precisa instalar torres de radio na península ibérica para facilitar a navegación dos seus submarinos e Franco, solícito, accede sen problemas. Unha das torres instálase en Sevilla e a outra no Arneiro, no municipio de Cospeito, próximo a Lugo. A instalación e mantemento desta infraestrutura militar derivou en que os nazis precisasen trasladar persoal e material para operar dende a zona e a teoricamente neutral España de Franco permite tamén que a Luftwaffe, a aviación alemá, constrúa un aeródromo a escasos trinta quilómetros do Arneiro, en Rozas (Castro de Rei). Setenta anos despois daqueles acontecementos, hai quen teme que a pista aérea da Terra Chá deixe de ter os usos meramente deportivos que a caracterizaron nas últimas décadas para volver ser protagonista da escena militar.

Na primavera de 2011 o Goberno central pechaba un acordo para cederlle as instalacións de Rozas ao Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA), dependente do Ministerio de Defensa, para "abrir o aeródromo á investigación aeronáutica". Nomeadamente, o pacto fora asinado entre o INTA e o Aeroclub de Lugo a través de dous convenios por dez anos prorrogables, un para que as instalacións puidesen ser utilizadas para investigacións militares e civís -con Defensa e Fomento- e outro, para que na pista se seguisen a desenvolver actividades deportivas. Segundo anunciaban daquela o Ministerio, o Aeroclub e a Deputación de Lugo, o INTA "considera que o aeródromo reúne as condicións idóneas para desenvolver campañas científicas no norte de España" e tamén para realizar ensaios sobre "a sensibilidade de pezas ou aeronaves fronte ás interferencias".

O Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica comparte Rozas co Aeroclub de Lugo

Durante os dous anos transcorridos dende a sinatura do acordo os ruxerruxes no entorno de Rozas falaban de probas secretas, de confidencialidade e grandes medidas de seguridade, disque encamiñadas a evitar a "espionaxe industrial". O pasado día 28 facíase público o resultado de, cando menos, algunhas desas actividades. Quen publicitou o produto desas "investigacións" foi a empresa Cassidian ou, o que é o mesmo, unha compañía integrada na multinacional EADS considerada "líder mundial en solucións de última xeración para forzas armadas e organismos de seguridade civil en todo o mundo" que forma parte do consorcio Eurofighter e participa tamén no "provedor de sistemas de mísiles MBDA", segundo informa a propia empresa. 

A multinacional Cassidian logrou o despegue dun avión non tripulado que serve para usos "civís" e "militares

O anuncio feito por Cassidian consistía en que viña de "lograr con éxito o primeiro voo do sistema aéreo non tripulado Atlante" nas instalacións de Rozas. Segundo a empresa esta aeronave, tamén coñecida como dron, "constitúe a día de hoxe a iniciativa tecnolóxica e industrial máis importante de España no segmento dos avións non tripulado" e no seu desenvolvemento participan, ademais de Cassidian, as empresas Indra, GMV e Aries como "socios a risco con alto contido tecnolóxico". O avión, abonda a empresa, está "dotado con tecnoloxía de última xeración" e "posúe características" que "lle permitirán operar en espazos aéreos civiles, a diferenza dos sistemas actuais, limitados a operacións en escenarios de guerra". Non obstante, Cassidian subliña que as misións do Atlante poden ser "tanto civís como militares".

Defensores e detractores

O proxecto que para as institucións impulsoras da apertura do aeródromo á investigación aeronáutica é unha oportunidade para o desenvolvemento do aeródromo, para a súa modernización e mesmo para a creación, segundo a empresa, de ata "500 postos de traballo cualificados", ten tamén detractores. Os receos chegaron nas últimas datas dende Esquerda Unida de Lugo e, por extensión, dende Alternativa Galega de Esquerda. Segundo teme AGE, estas investigacións e os seus resultados poden desemvocar en que Rozas sexa "o lugar escollido para establecer unha das cinco bases de drons que a OTAN ten previsto instalar en Europa", unha infraestrutura militar que hai uns anos "todo parecía apuntar" que ía ter como emprazamento "a zona de Trasmiras, en Ourense".

EADS, di Alternativa, é "unha das máis importantes" empresas "en fabricación e venda de armamento a nivel mundial" e o Atlante non é outra cousa que un "avión espía", "un dos avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís e militares nos principais escenarios de guerra do planeta, actuando actuando impunemente nos principais conflitos bélicos como os de Pakistán, Iemen, Iraq, Somalia, Afganistán, Palestina..". Isto, aseguran, podería converter rozas en obxectivo "militar" e mesmo "terrorista". As probas seguen e o debate, tamén.

Un dos avións probados en Rozas © Cassidian

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.