Teletraballo para os funcionarios? Cortina de fume entre os recortes

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Este xoves deron comezo as fórmulas de flexibilidade horaria e teletraballo para os empregados públicos da Xunta. A flexibilidade, á que se poderán acoller os funcionarios que así o demanden, establece distintos tipos de xornadas e horarios laborais. Até o de agora tan só existía un horario ríxido, de 7.45 a 15.15 de luns a venres, e que só se permitía a flexibilidade por razóns de conciliación familiar para persoas con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo.

A partir de agora establécense tres tipos de horarios, un xeral, un flexible por conciliación familiar e outro de flexibilidade automática

A partir de agora establécense tres tipos de horarios, un xeral, un flexible por conciliación familiar e outro de flexibilidade automática. O horario flexible por conciliación familiar e laboral continúa afectando a traballadores con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo. Neste caso, dentro dunha marxe entre as 7.30 e as 18.30 horas, á petición da persoa interesada, fixarase un horario diario de referencia. A terceira modalidade é a flexibilidade automática. Neste caso o horario constará de dúas partes: unha parte fixa (de 9.00 a 14.30 horas) que será de presenza obrigada no posto de traballo. A parte flexible será de entre 7.30 a 9.00 horas de luns a xoves e entre as 14.30 a 18.30 horas, de luns a xoves, así como entre as 14.30 e as 15.30 os venres. En ambas flexibilidades (por conciliación e automática) o cómputo de horas traballadas efectuarase mensualmente e, en caso de eventuais incumprimentos, poderán compensalo dentro da parte flexible do horario do mes seguinte.

Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica, sinala que “a flexibilidade supón unha mellora para os traballadores, para a empresa e tamén para os cidadáns, é unha medida racional, non exactamente a que nos gustaría a nós, pero vai na boa dirección"

Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica, sinala que “a flexibilidade supón unha mellora para os traballadores, para a empresa e tamén para os cidadáns, é unha medida racional, non exactamente a que nos gustaría a nós, pero vai na boa dirección". Porén, tamén destaca que “non é nada extraordinario, está implantada en moitas empresas e tamén noutras administracións” e lembra que chega no marco doutras medidas moi prexudiciais para os empregados públicos, coma os recortes salariais, a perda de poder adquisitivo ou a redución de días de libre disposición.

 

Teletraballo, para uns poucos

Outra das novidades que introduce a normativa que agora entra en vigor é a posibilidade de que un empregado público se acolla á modalidade de teletraballo, é dicir, que realice as tarefas do seu posto fóra das dependencias administrativas. Estes empregados poderán acollerse ao teletraballo un máximo de tres días á semana e ademais deberán cumprir outros requisitos coma estar en servizo activo, ter unha antigüidade igual ou superior a dous anos no posto para o que se solicita o teletraballo ou acreditar experiencia en postos con tarefas análogas e que as características técnico-funcionais do posto o fagan susceptible de ser desenvolto baixo esta modalidade. Así mesmo, a persoa interesada deberá dispor dun equipo informático básico con acceso a internet, un lector de tarxeta e teléfono móbil (que non lle proporcionará a Administración) e dispoñer dos coñecementos informáticos e telemáticos necesarios para o exercicio das súas funcións.

"O teletraballo é algo moi restrinxido, afecta a moi pouco persoal: letrados, informáticos, tradutores. A maior parte dos traballadores non van poder optar a el, para nós é coma se non existise”

Segundo a Xunta, hai arredor de 2.500 postos de traballo repartidos en todas as Consellerías que reúnen os requisitos para o teletraballo. Porén .será necesario o informe favorable previo da dirección xeral de avaliación e reforma administrativa e de función pública que analizará a natureza e funcións do posto en concreto para o que se solicite o teletraballo.

Pola contra, CIG-Autonómica sinala que "o teletraballo non vai afectar nin ao un 1% do cadro de persoal; sempre referido a persoal da Administración Xeral que non traballe a quendas, que non traballe en centros de ensino e que non teña algunha dispoñibilidade vía RPT". Para Fernando García, "o teletraballo é algo moi restrinxido, afecta a moi pouco persoal: letrados, informáticos, tradutores. A maior parte dos traballadores non van poder optar a el, para nós é coma se non existise”.

A CIG rexeita "o uso propagandístico do Goberno de Feijóo da flexibilidade e do teletraballo"

A CIG rexeita "o uso propagandístico do Goberno de Feijóo da flexibilidade e do teletraballo" e lembra que "en menos de 9 meses fixo ata 3 veces un uso propagandístico da implantación da flexibilidade e o teletraballo: en abril cando se inciaron as negoaciacións coas organizacións sindicais, en outubro cando concluíron e a comezos do 2014, cando realmente entra en vigor". O sindicato denuncia que "este uso propagandístico dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos só contribúe a promover unha visión sesgada do persoal dos servizos públicos desde o conxunto da sociedade".

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.