"Tentamos influír en avogados e xuíces para que teñan a valentía de iniciar un cambio xurisprudencial"

Xulgado Dominio Público Praza Pública

Amnistía Internacional Galicia, en colaboración cos Colexios de Avogados das distintas cidades de Galicia, organiza un ciclo de mesas redondas baixo o tema Crise económica e defensa dos dereitos das persoas. O obxectivo é expor como as medidas de austeridade adoptadas fronte á crise inciden no dereito á vivenda, no dereito á saúde e no dereito de acceso á xustiza, ofrecendo unha análise dos mecanismos de protección destes dereitos que derivan dos vixentes tratados internacionais subscritos por España, sobre todo do Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (PIDESC).

Dende o 5 de maio deste ano o PIDESC conta cun protocolo facultativo, que lles permite aos cidadáns reclamar ante a ONU en caso de verse vulnerados os seus dereitos de aloxamento, alimentación, auga, saneamento, saúde, traballo, seguridade social e educación, e que obriga aos Estados a responder a esas reclamacións. As mesas que Amnistía Internacional e os Colexios de Avogados están a organizar buscan concienciar os avogados de que teñen que esforzarse en invocar o PIDESC, e informalos de que acaba de entrar en vigor o protocolo e de que hai novos mecanismos de protección xurídica internacional. 

Xa se celebrou, hai unhas semanas en Ourense, a primeira das mesas redondas, na que os avogados especialistas Antonio Martínez Puñal, Flavio López López e Valentín Blanco López, analizaron o impacto dos recortes sobre o dereito á vivenda, o dereito á saúde, e o dereito de acceso á xustiza, respectivamente. Este xoves terá en Lugo a segunda das mesas, coa participación de Félix Mondelo Santos, decano do Colexio de Avogados de Lugo e Fernando Nieto. E xa teñen data as citas de Vigo (19 de novembro) e A Coruña (26 de novembro). Nos vindeiros días quedarán pechadas novas mesas nas restantes cidades galegas.

Falamos con Enrique Otero, voceiro de Amnistía Internacional Galicia, que salienta que "estamos tratando de influír nos avogados, que son quen invocan as leis, e nos xuíces, que son quen as aplican, para que collan a norma internacional e teñan a valentía de iniciar un cambio xurisprudencial con base nos tratados internacionais que España asinou e que polo tanto son vinculantes".

"Os dereitos humanos non son un luxo que se poida abandonar en tempos de crise económica, son un mínimo que debe garantirse sempre. O Estado debe cumprir coas obrigas ás que se comprometeu internacionalmente"

 

En que medida están afectando os recortes aos dereitos humanos?

As estatísticas son claras. En España temos 12 millóns de pobres, dos que 2,5 millóns son nenos e nenas, temos case seis millóns de parados, temos 870 mil persoas que perderon o seu dereito á asistencia sanitaria. Ademais, as mulleres vense aínda máis afectadas.

O Estado debería precisamente potenciar a protección destes dereitos, para compensar o dano causado polos recortes?

Cada vez que se adoptan medidas que a austeridade parece demandar, entendemos que os gobernos deberían analizar previamente o impacto que esas medidas poderían ter nos dereitos humanos, sobre todo nos dereitos económicos, sociais e culturais, e optar polas medidas que teñan menor incidencia nos sectores sociais máis desfavorecidos, que son quen están pagando a crise en maior medida. Os dereitos humanos non son un luxo que se poida abandonar en tempos de crise económica, son un mínimo que debe garantirse sempre. O Estado debe cumprir coas obrigas ás que se comprometeu internacionalmente e en ningún caso pode adoptar medidas regresivas, que entre outras cousas son contrarias ao PIDESC.

"As segundas instancias xurisdicionais comezan a ser unha quimera para moitas persoas. O efecto das taxas é claro: as persoas con menos recursos están menos amparadas pola xustiza"

En concreto, no ámbito da xustiza como están afectando os recortes e o incremento das taxas?

Os recortes van diminuír a tutela xudicial efectiva. Nos tribunais competentes para resolver recursos xudiciais xa se está notando unha diminución de asuntos tratados de até un 40%. As segundas instancias xurisdicionais comezan a ser unha quimera para moitas persoas. O efecto das taxas é claro: as persoas con menos recursos están menos amparadas pola xustiza, comézase a xerar unha xustiza para pobres e unha xustiza ben distinta para ricos.

Dende algúns ámbitos dise que os recortes de dereitos son só temporais, e que unha vez que remate a crise todo volverá ao estado previo. Estas perdas de dereitos van ser irreversibles, ao teu xuízo?

Os ataques e as perdas nos dereitos das persoas son evidentes, en moitos casos estamos volvendo a niveis de hai trinta anos. Dereitos que custou moito acadar non sei se se recuperarán, pero dende logo custará varias décadas facelo.

Os cidadáns critican a diferencia evidente que hai entre a protección teórica de certos dereitos (tanto en convenios internacionais coma na lexislación española e galega) e a súa realidade, na práctica. Como se pode salvar esta fenda?

En 1948 aprobouse a Declaración Internacional dos Dereitos Humanos. E os dereitos recollidos nesta declaración desenvolvéronse despois en dous pactos: o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais. O PIDESC ocúpase destes dereitos, á vivenda, á xustiza, á saúde, dos que estamos a falar. España ratificou o PIDESC en 1977, pero a lexislación española non outorga a mesma protección aos dereitos civís e políticos que aos dereitos económicos, sociais e culturais. Á marxe desta deficitaria protección xurídica en España, resulta que o PIDESC non naceu dotado dun organismo que lles permitise ás persoas denunciar a vulneración destes dereitos ante un organismo internacional. Precisamente para paliar este problema aprobouse un protocolo facultativo do PIDESC, que entrou en vigor o 5 de maio de 2013 e que establece novos mecanismos de protección internacional deste tipo de dereitos.

"A gran achega do protocolo é que transformou o articulado do pacto en auténticos dereitos, que son esixibles internacionalmente e que constrúen un novo espazo no que as vítimas poden reclamar responsabilidades aos Estados"

Como actúa?

O PIDESC faculta un organismo, chamado Comité de Dereitos Económicos Sociais e Culturais, para examinar comunicacións presentadas por persoas ou grupos de persoas denunciando violacións. O comité estuda as denuncias e pode dirixirse aos Estados para solicitarlles que adopten medidas que eviten danos irreparables. Os Estados están obrigados a contestar ao comité comunicando que medidas adoptou, non só nese caso concreto, senón tamén as medidas de carácter político. A gran achega do protocolo é que transformou o articulado do pacto en auténticos dereitos, que son esixibles internacionalmente e que constrúen un novo espazo no que as vítimas poden reclamar responsabilidades aos Estados que incumpriron as súas obrigas.

"O obxectivo das mesas é concienciar os avogados de que teñen que esforzarse en invocar o PIDESC"

Todo isto centra as mesas que estades organizando?

O obxectivo das mesas é concienciar os avogados de que teñen que esforzarse en invocar o PIDESC. E para informalos de que acaba de entrar en vigor o protocolo e de que hai novos mecanismos de protección xurídica internacional. Estamos tratando de influír nos avogados, que son quen invocan as leis, e nos xuíces, que son quen as aplican, para que collan a norma internacional e teñan a valentía de iniciar un cambio xurisprudencial con base nos tratados internacionais que Estaña asinou e que polo tanto son vinculantes.

Xulgado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.