Terractiva: Medio cento de propostas para vivir e consumir doutro xeito

Postos da feira ecolóxica © Terractiva

Esta fin de semana celébrase unha nova edición da Feira Ecolóxica de Arzúa, Terractiva. A pesar das dificultades económicas, ou da retirada do apoio de varias administracións, nomeadamente a Deputación da Coruña, hai dous anos, a feira segue adiante e mantense como un referente en toda Galicia. O sábado 5 e o domingo 6 o Recinto Feiral Terra do Queixo acollerá case medio cento de expositores: agricultura e gandaría ecolóxica, técnicas respectuosas co medio ambiente, enerxías renovable, bioconstrución, artesáns ou terapias alternativa. Pero non só: haberá tamén charlas, proxeccións, obradoiros, actividades infantís e concertos. A entrada é de balde.

Entre as charlas destaca a que ofrecerán Amigos da Terra sobre Alimentos viaxeiros: cantos quilómetros percorren ata chegar ao teu prato?. Tamén se ofrecerá información sobre Banca Ética (a cargo de Panxea), sobre Tecnoloxía e ecoloxía, impresoras 3D. Revolución glocal, a cargo de Rubén Fernández Sotelo da Asociación de Consumo Consciente Millo Miúdo. Terractiva amosa que o sector verde segue en auxe a pesar da crise. Manuel Roxo, responsable da organización, sinalaba hai unhas semanas en Praza que "a feira é unha mostra do vivo que está este sector" e de que a ecoloxía está "máis aló de modas ou de crises". Para Roxo, "é un modo de vida que está en contacto coa terra, non ten as crises cíclicas doutros modelos que están desapegadas do medio".

Entre as novidades deste ano destaca a que presenta o Espazo agroecológico A Estruga, unha tenda ecolóxica e de proximidade que tamén realiza actividades de divulgación agroambiental. Estarán acompañados polo proxecto Prato_DO, co que pretenden fusionar a sensibilización agroambiental coa cultura popular "elaborando menús responsables e ricos nutricionalmente" para crear así "o primeiro servizo de catering en Galicia que aposta pola
revalorización dos nosos valores máis emblemáticos como son a gastronomía, a cultura popular e o patrimonio natural tan variopinto e rico que posuimos no noso territorio".
 Servirán un pequeno prato como mostra da súa pretensión. Tamén cómpre salientar que o servizo de cafetaría que estará activo durante toda a fin de semana, que será xestionado pola A.C Caleidoskopio e a Cova dos Ratos viguesa, que ofrecerán "comidas elaboradas con produtos, maioritariamente ecolóxicos, autoproducidos, de comercio xusto, artesanais e cen por cen libres de sufrimento animal". Ademais haberá infusións, café, doces, empanadas, cervexas, bebidas naturais e refrescos ecolóxicos.

 

Produtos naturais

Ecotenda Loaira (O Porriño), Erica Mel (Arzúa), Galicia Sostenible (Vigo), Mermeladas e licores (O Grove), Milloelandras (Vilasantar), Confitaría e Repostaría EFA Piñeiral (Arzúa), Touza Vella (Castro Caldelas), Herbas de Caaveiro (San Sadurniño), Madreselva Xardinería Ecolóxica (A Estrada), Mihulloa Sociedade Cooperativa Galega (Palas de Rei) e Fundación Eomaia (Vigo).

Terapias alternativas

Bioter (Ponteareas), Herboristería Gea (Arzúa), Parafarmacia-Herboristería Alma (A Coruña), Sanakura Terapias Naturales (Lugo), Terapias para a Alma (Coles).

Artesanía

Prado Arzúa Torneados (Arzúa), Artesanía Moura (A Maceda), Coiro Enxebre (Gondomar), Das miñas mans (Pontecaldelas), Kreaketekrea (Ortigueira), Xogos de Habilidade Antonio Fernández (Quiroga)

Entidades

Amarante Setem (Pontevedra), Amigos da Terra (Ourense), Asociación de Consumo Consciente Millomundo (Oleiros), Cestola na Cachola Sociedade Cooperativa Galega (Lalín), Equisol Cooperativa Galega de Comercio Xusto (Compostela), A Estruga Prato Do (Viveiro), Panxea Sociedade Cooperativa Galega (Compostela), Cafetaría Ecolóxica e Vegana A.C. Caleidoskopio - A Cova dos Ratos (Vigo)

Postos da feira ecolóxica © Terractiva
Cartaz da feira © Terractiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.