'The Independent' abre a era do abandono do papel por parte das grandes cabeceiras

As cabeceiras traducionais debaten a continuidade das súas edicións impresas CC-BY-ND metamorFoseAmBULAnte

The Independent anunciou esta semana que a partir do vindeiro 26 de marzo deixará de publicarse en papel, converténdose a partir desa data nn xornal exclusivamente dixital. Non é, en absoluto, o primeiro diario impreso que adopta esta decisión; nos últimos anos fixérono ducias de títulos (entre eles France Soir ou o Financial Times Deutschland, e moitos máis nos Estados Unidos), pero a decisión adoptada pola cabeceira británica ten unha significación particular, por tratarse do primeiro gran diario europeo, dos considerados xornais de referencia, que o fai. 

Nos últimos cinco anos moitas das empresas que tomaron a decisión de pechar as súas edicións impresas (con gastos de produción e distribución moi elevados) fixérono polos graves problemas económicos xerais que arrastraban, motivados pola crise que afectou a todo o sector e no marco da crise económica xeral. Porén, noutros casos, coma o de The Independent, o movemento responde (tamén) a un cambio máis profundo, que na última década modificou por completo o perfil dos seus lectores e lectoras (e, en consecuencia, tamén o dos seus anunciantes): os xornais impresos non son capaces de atraer a novas xeracións de compradores e compradoras, mantendo unicamente un público fiel por riba dos 50 anos.

Os xornais impresos non son capaces de atraer a novas xeracións de compradores e compradoras

A decisión de The Independent, que xa só vendía ao redor de 56 mil exemplares diarios da súa versión impresa, estimula o debate sobre se outros xornais de referencia de toda Europa deberían dar tamén ese paso. "A decisión conserva a marca Independent e permítenos continuar investindo nun contido editorial de alta calidade que sexa atractivo para máis lectores nas nosas plataformas online. A industria da prensa está a cambiar e este cambio está impulsado polos lectores. Están a mostrarnos que o futuro é dixital", declarou o propietario da cabeceira. O escenario post-papel para os grandes xornais está moi avanzado no Reino Unido, Canadá ou os Estados Unidos. Non o está tanto en España, onde a mesma crise que nalgúns casos forzou o peche de edicións impresas, tamén adiou as transformacións e toma de decisións para potenciar as redaccións dixitais de moitas empresas de comunicación.

Xurdiron novos medios dixitais que non só establecen xa unha innegable competencia coas vellas cabeceiras impresas á hora de marcar a axenda informativa, senón tamén -nalgúns casos- en número de lectores e alcance social

No camiño, xurdiron novos medios dixitais (ElDiario, InfoLibre, Huffington Post, ElConfidencialElEspañol...) que non só establecen xa unha competencia real e innegable coas vellas cabeceiras impresas en materia de calidade e á hora de marcar a axenda informativa, senón tamén -nalgúns casos- en número de lectores e alcance social. ElDiario.es, por exemplo, rolda xa os seis millóns de usuarios únicos mensuais, por riba de El Periódico, preto de 20 Minutos e achegándose ás cifras dos tres líderes: El País (16 millóns), El Mundo (15 millóns) e ABC (12 millóns).

Sempre se dixo que en España (ao igual que noutros mercados) ningún gran xornal tomaría a decisión de abandonar o papel ata que o fixese algún dos seus grandes competidores, creando un círculo vicioso. Non semella que este cambio se vaia producir de inmediato, pero si que é posible que nos vindeiros meses asistamos a accións parciais, coma a mellora das actuais plataformas de distribución dixital (KioskoyMas ou Orbyt foron intentos tímidos e incompletos), ou quen sabe se a transformación de máis calado, coma a decisión de pasar a distribuír un xornal apenas tres ou catro días á semana.

 

O papel: Un lento pero imparable devalo

Dende o 2010, a compra de xornais entre os menores de 55 anos caeu á metade

O problema de base para as cabeceiras impresas é a súa xa referida incapacidade para captar lectores e lectoras novas, o que acaba provocando (por un simple feito biolóxico) nun descenso na súa difusión e audiencia. No 2010 un estudo elaborado polo experto norteamericano Ross Dawson situaba no 2017 o ano no que o papel comezaría a ser abandonado polas grandes cabeceiras. Así, nese momento a prensa impresa comezaría a ser "insignificante" nos Estados Unidos. Dawson elaborou un calendario para esta transformación en cada país, un cambio de paradigma comunicativo que chegaría no 2019 no Reino Unido, no 2022 en Australia, no 2023 en Dinamarca e no 2024 en España, adiantándose o noso país a Suecia (2025), Corea do Sur (2026), Italia ou Holanda (2027). En Francia (2029) ou Alemaña (2030) chegaría algo máis tarde, e noutros lugares os cambios irían máis de vagar, adiándose ata o 2035 en Rusia e Turquía ou ao 2039 en Arxentina. Segundo os expertos, o xornalismo de papel non desaparecería, senón que adoptaría outros usos (medios de periodicidade semanal ou mensual, de lectura máis respousada, por exemplo).

Non se trata tanto que facer de augur, senón de observar a realidade das propias cabeceiras impresas españolas e galegas, que ano a ano ven descender o número de xornais vendidos e de lectores e lectoras en papel. Así, no ano 2000, o índice de penetración (persoas que len o xornal todos os días) da prensa impresa superaba o corenta por cento nas xeracións máis novas (20-24 anos: 40,7%; 25-34: 41,8%; 35-44: 42%; 45-54: 41,1%). No 2010 as porcentaxes case non variaran (20-24 anos: 38,3%; 25-34: 40,3%; 35-44: 42%; 45-54: 43,2%), nunhas cifras nas que tamén entra a prensa deportiva e os xornais gratuitos. Porén, no último estudio publicado polo EGM (novembro 2015) a situación é moi distinta: (20-24 anos: 23,1%; 25-34: 26,5%; 35-44: 30,5%; 45-54: 33,1%). É dicir: entre os menores de 55 anos a porcentaxe de persoas que compran prensa de papel a diario caeu un 50% nos últimos cinco anos. Outras estatísticas, coma a publicada pola Asociación Nacional de Distribuidores de Publicaciones confirman esta realidade: a porcentaxe de persoas que mercan o xornal todos os días ou case todos os días pasou do 49,9% de 2005 ao 28,3% en 2011. 

Entre 2010 e 2015 a porcentaxe de persoas que entra en Internet a diario pasou do 38,4%  ao 66,7%. Por debaixo dos 45 anos, a proporción de internautas diarios supera o 85%

Se no ano 2000 os e as menores de 35 anos significaban o 39,5% dos lectores e lectoras diarias de prensa impresa, en 2010 eran xa o 30,8%. E hoxe (EGM de novembro de 2015) son só o 22,8%. A Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais en España 2014-2015, publicada polo Ministerio de Cultura, amosa datos semellantes: o 38,7% das persoas entre 25 e 34 anos le prensa impresa todos ou case todos os días (42,3% en 2011). Nestes anos, a porcentaxe de persoas que entra en Internet a diario pasou do 5,6% no ano 2000, ao 38,4% no 2010, e ao 66,7% no 2015. Por debaixo dos 45 anos, a proporción de internautas diarios supera o 85%.

O comportamento político dos maiores e menores de 45 anos é ben distinta, ao igual que sucede nos hábitos informativos

Esta certa fenda xeracional que parece abrirse na escolla dos distintos soportes comunicativos reprodúcese nos últimos anos noutros posicionamentos, nomeadamente nas preferencias políticas. Aínda que correlación non equivale a causalidade, o certo é que o comportamento político dos maiores e menores de 45 anos é ben distinta, ao igual que sucede nos hábitos informativos. O barómetro publicado polo CIS hai dúas semanas amosaba que entre os 18 e 45 anos PP e PSOE suman ao redor do 28% dos apoios (expresado en voto+simpatía), fronte ao 26% que acadaban Podemos e as forzas das confluencias. Entre os 45 e os 65 anos PP, PSOE e Podemos roldaban o 20%. E por riba dos 65 anos a situación mudaba radicalmente (PP: 33%, PSOE: 22%, Podemos: 8%)

Podemos analizar a realidade xornal a xornal. Entre 2005 e 2015 todas as cabeceiras perderon unha parte moi importante da súa difusión: El País (de 453.603 a 238.560 exemplares diarios), El Mundo (de 314.592 a 139.549), ABC (de 278.167 a 117.256), La Razón (de 140.087 a 81.027), La Vanguardia (de 208.140 a 135.824), El Periódico (de 170.181 a 89.817). En dez anos, polo tanto, viron reducido o número de exemplares distribuídos á metade, en moitos casos aínda menos. No caso das cabeceiras galegas, a situación é semellante, seguindo os principais xornais a seguinte evolución entre 2005 e 2015: La Voz de Galicia (de 105.032 a 72.949), Faro de Vigo (de 42.031 a 29.650), El Progreso (de 15.042 a 12.747), El Correo Gallego (de 21.433 a 13.853), La Región (de 11.739 a 9.244).

Na última década todas as cabeceiras de papel levaron a cabo distintas estratexias para tentar deter este devalo. Incrementouse o que se denomina difusión non ordinaria, que inclúe por exemplo as vendas en bloque

Hai que ter en conta que na última década todas as cabeceiras de papel levaron a cabo distintas estratexias para tentar deter este devalo. Incrementouse o que se denomina difusión non ordinaria, que inclúe por exemplo as vendas en bloque (por exemplo as realizadas por administracións públicas para distribuír os xornais de balde en centros de ensino, edificios ou eventos), e tamén a difusión gratuíta. Estas difusións non ordinarias supoñían o 16% no ano 2000, o seu peso ascendera ata o 31% no 2010 e hoxe superas amplamente esa porcentaxe. Outro elemento importante nos últimos 20 anos son as promocións, tan habituais que en ocasións máis que distribuír DVDs ou vaixelas cos xornais chegou a parecer que era o xornal o que se regalaba coa compra -subvencionada- destes obxectos. Os ingresos xerados por estas promocións (84% con pagamento á marxe do prezo do xornal) teñen axudado a equilibrar as perdas xeradas polas cabeceiras.

A diminución no número de lectores e o descenso dos ingresos publicitarios ten acrecentado a debilidade das empresas propietarias e a súa dependencia dos distintos gobernos

A diminución no número de lectores e o descenso dos ingresos publicitarios (sobre todo a partir do inicio da crise en 2009) ten acrecentado ademais a debilidade das empresas propietarias das cabeceiras tradicionais e a súa dependencia dos distintos gobernos, garantes de insercións publicitarias e convenios e de concesión de axudas e subvencións. E tamén máis debedoras -no sentido literal e no figurado- das grandes entidades financeiras.

 

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País
As cabeceiras traducionais debaten a continuidade das súas edicións impresas CC-BY-ND metamorFoseAmBULAnte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.