"Tiran o prezo das prácticas, o que obriga o resto das autoescolas a entrar nesa roda ou a pechar"

CC-BY-SA Inma Molina

Prácticas dunha hora a 10 euros máis ive, 12 euros, 15 euros, 16 euros ive incluído... Un gran número de autoescolas galegas, sobre todo as da Coruña e Compostela, foron reducindo notablemente os seus prezos nos últimos tempos. Non só no que atinxe ás clases prácticas, senón tamén ás matrículas, que en moitos casos se regalan. O panorama contrasta co que se vive noutras zonas, nas que o prezo das prácticas se move entre os 25-30 euros e as matrículas roldan os 150. Esta tendencia, iniciada por algunhas empresas, está obrigando as restantes a imitar a baixada xeneralizada de prezos, cos consecuentes prexuízos para as condicións laborais do seu persoal, poñendo mesmo en risco a súa continuidade.

Algunhas voces dentro do sector pregúntanse ata que punto é sostible esta situación e fan fincapé na necesidade de respectar os convenios colectivos e os mínimos salariais acordados. Esta situación coincide no tempo coa problemática que están a vivir os e as examinadoras, que nos últimos meses levaron a cabo varias folgas para reclamar incrementos nas súas retribucións, coa pantasma da posible privatización do servizo de exame no horizonte.

"Canto debe custar unha matrícula ou unha práctica para que estas empresas sexan sostibles? Temos traballadores ou temos escravos?", pregúntase. "Eu non estou disposto a explotar uns traballadores para baixar máis os prezos", di

Jorge César Veloso é propietario da Autoescola Ó Xeito, en Compostela. "Están tirando os prezos das prácticas, regalando as matrículas. E con isto obrigan o resto das autoescolas a entrar nesa roda ou a pechar", denuncia e engade que "eu non estou disposto a explotar uns traballadores para baixar máis os prezos". César Veloso explica que o convenio do sector fixa unha xornada laboral de 35 horas, sete ao día, pero di que por propia experiencia (sufriu esa situación como traballador, tendo que presentar unha denuncia ante Inspección de Traballo) sabe que algunha empresa non o está a cumprir.

Ademais, anima a facer contas: "O salario base fixado polo convenio é de 937.33 euros ao mes, máis pluses, máis tres pagas extra, máis impostos, uns 2000 euros mensuais en total para a autoescola. Máis gastos do local, do vehículo... Canto debe custar unha matrícula ou unha práctica para que estas empresas sexan sostibles? Temos traballadores ou temos escravos?", pregúntase. "Despois, cando veñen os rapaces e rapazas a prefuntar polo prezo das prácticas, moitos marchan coa sensación de que eu son un ladrón, porque lles cobraba 25 euros, que ao final tiven que baixar a 19", di. "Pero eu non podo cobrar menos", engade.

César Veloso tamén se amosa crítico co tipo de formación que se está a dar en moitas autoescolas nos últimos tempos, primando a rapidez sobre a calidade do ensino, con conceptos coma os cursos express, ou as turboteóricas, que prometen preparar o alumnado nuns poucos días para a superación do exame teórico. "Todo se centra en aprobar os exames e non en que os alumnos e alumnas aprendan", di. “Cando lles pregunto aos meus alumnos por que escolleron a miña autoescola, aínda que sexa máis cara que as outras, dinme: 'é que ti es dos poucos que aínda dá clases teóricas'. Noutros sitios limítanse a poñer a un alumno en cada ordenador, cuns auriculares e unha aplicación que os vai guiando por unha explicación. E despois facer tests”, comenta.

"Eu entendo que as autoescolas deben ter un labor formativo, pero convertéronse nun mercadeo, en centros loxísticos de reparto de carnés, nunha competencia desleal de prezos baixos"

"Eu entendo que as autoescolas deben ter un labor formativo, pero convertéronse nun mercadeo, en centros loxísticos de reparto de carnés, nunha competencia desleal de prezos baixos. E despois, se se matan os rapaces conducindo, que se maten. Iso parece que é secundario", denuncia. Lembra neste senso que o 2016 rompeu a tendencia de descenso do número de persoas falecidas nas estradas galegas (141 fronte ás 126 de 2015). O número de accidentes, que tamén fora reducíndose dende os anos noventa, non deixa de incrementarse dende o 2011.

"O que está a pasar no sector das autoescolas afecta a moita xente que intenta traballar dignamente, é un problema para a superviviencia de moitas empresas que só queren cumprir coa lei. E, ademais, ten implicacións para todos as persoas que utilizan as vías públicas, porque afecta á formación dos futuros condutores e condutoras", conclúe.

CC-BY-SA Inma Molina
Jorge César Veloso é propietario da Autoescola Ó Xeito, en Compostela © Ó Xeito

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.