"Tivéronnos nove horas de pé, mentres nos berraban e insultaban"

Un dos detidos galegos o 22M, ao ser liberado © Sindicato Único de Trabajadores Solidaridad Obrera

Tres foron os galegos detidos o pasado sábado en Madrid tras a manifestación das Marchas da Dignidade. Un deles, Emilio David Cao, membro de Estudantes Sen Futuro do Carballiño, denunciou esta mesma semana á súa chegada a Galicia o "pésimo trato" recibido pola Policía, á que acusou de tratalo "como terrorista" e de cualificalo de "independentista extremista" tras, segundo el afirma, terse manifestado "pacificamente". Outro dos 24 arrestados foi Ismael, guitarrista galego do grupo Skandalo, que permaneceu case dous días nos calabozos xunto cunha muller (tamén galega) que o acompañaba.

O guitarrista do grupo Skandalo e unha muller que o acompañaba foron os outros dous galegos detidos tras o 22M

Os dous foron detidos tras a masiva mobilización do 22M. E Ismael, como fixera o outro detido galego do Carballiño, tamén denunciou a través das redes sociais o trato recibido pola Policía, así como unha detención que, segundo explica, produciuse logo de que el e un grupo de amigos decidisen abandonar a manifestación ao virarse "nun ambiente que xa non era de concentración pacífica".

"Andando xa fóra da manifestación, un grupo de policías secretas e antidisturbios tiráronnos ao chan e detivéronnos; tivéronnos media hora coa cara contra o furgón e nin me deixaban mirar para a miña compañeira nin poder relaxarnos un mínimo", denuncia nun texto que circula por varias redes sociais. O guitarrista de Skandalo denuncia que el, xunto a outros detidos, foron enviados a unha comisaría, onde estiveron "nove horas de pé, cos brazos ergueitos contra a parede mentres recibiamos berros e insultos". "Logo leváronnos aos calabozos, onde prendían e apagaban as luces aleatoriamente para que perdesemos a noción do tempo... Non nos deron nin un mísero vaso de auga en 35 horas e só nos deixaron ir mexar cada 12-13 horas", explica, tras denunciar tamén que os axentes "prendían o aire acondicionado" para que os detidos pasasen frío, mentres seguían a "insultalos e desprecialos".

"Estivemos nove horas de pé, cos brazos ergueitos mentres nos berraban en insultaban", denuncia un dos galegos detidos

"Tratáronnos coma se fosemos ratas", insiste no texto o galego detido, que destaca que o grupo que formaron todos os arrestados impediu "que os ánimos caesen". Todos -menos un mozo de 21 anos que permanece en prisión preventiva acusado de intentar agredir un policía cun adoquín na cabeza- foron postos a disposición xudicial e posteriormente en liberdade con cargos a espera do xuízo.

"Foron 45 horas nas que o Estado español nos demostrou que isto non é unha democracia, senón que segue a ser unha ditadura", explica o detido, que denuncia "a manipulación dos medios" por cualificalos como "radicais e incluso membros de Resistencia Galega". "Somos un autónomo e dous estudantes que fomos pacificamente a manifestarnos", reivindica Ismael, que agradece o apoio de "xente do 22M", así como de colectivos galegos que lle ofreceron cobertura económica para poder pasar a noite e regresar a Galicia.

"Isto non é unha democracia, senón que segue a ser unha ditadura"

Os organizadores das Marchas da Dignidade galegas denunciaron o pasado mércores "as mentiras" da delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, e do PP, así como o intento de criminalizar a manifestación. Ante a continua vinculación que filtracións da Policía nos medios fan dos disturbios posteriores á mobilización con "radicais galegos" e incluso vinculados ao "grupo terrorista Resistencia Galega", os impulsores da columna galega cren que tan só son "unha coartada inventada sen fundamento ningún". "É un invento, un coello que sacan do chapeu que só pode crer un imbécil ou un ignorante", asegurou Manuel Camaño, secretario xeral da CUT, un dos sindicatos organizadores da protesta.

Entre os argumentos para vincular a violencia con estes "radicais", varios medios aseguran que a policía destaca que "a maioría dos detidos eran galegos" cando, en realidade, e segundo informacións xudiciais, tan só tres dos 24 arrestados naceran en Galicia. Os tres que agora aseguran que nada teñen que ver coa violencia e que foron detidos sen xustificación ningunha.

Un dos detidos galegos o 22M, ao ser liberado © Sindicato Único de Trabajadores Solidaridad Obrera
Actuación policial tras as Marchas da Dignidade CC-BY-SA Virginia Uzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.