Toda a oposición critica a Negreira pola xestión do desaloxo de Elviña

Álvaro e Isabel, tras o desaloxo en Elviña CC-BY-SA M. Pereira

De forma unánime e rotunda as tres forzas con representación municipal que compoñen a oposición ao goberno de Carlos Negreira na Coruña, PSdeG, BNG e EU, criticaron nas últimas horas a xestión realizada polo rexedor no desaloxo dunha familia en Elviña. Acusacións de forma e de fondo, que sinalan tanto a suposta "baixa calidade humana" do alcalde coma a xestión realizada en conxunto no desenvolvemento do proxecto urbanístico do ofimático.

A reacción de Carlos Negreira, ademais de argumentar que só se estaba a cumprir "unha resolución xudicial", foi igualmente acusatoria: Responsabilizou da situación creada ao anterior goberno municipal

Porén, a reacción de Carlos Negreira, ademais de argumentar que só se estaba a cumprir "unha resolución xudicial", foi igualmente acusatoria. Neste caso o dirixtente popular responsabilizou da situación creada ao anterior goberno municipal, a coalición entre PSdeG-PSOE e BNG presidida por Javier Losada. Negreira asegurou que a expulsión se produciu como "consecuencia dos proxectos aprobados polo anterior goberno bipartito" e defendeu que ofreceu as  "mellores solucións e alternativas posibles" á familia expulsada para darlles acceso a un piso social. O actual rexedor argumentou que o convenio asinado en 2009 polo anterior goberno municipal converteu os propietarios que non venderon as súas parcelas en promotores, "cos dereitos e obrigas que iso implica".

O PSdeG-PSOE responsabilizou persoalmente a Carlos Negreira, acusándoo de "ser incapaz de xestionar a cidade" e de "garantir os dereitos dos coruñeses afectados polo desenvolvemento do Ofimático". "É o primeiro alcalde que deixa unha familia na rúa, pois nos desenvolvementos urbanísticos como Eirís e Oza sempre se garantiu antes o realoxamento das persoas afectadas". Os socialistas acusan o alcalde de "precipitarse" en "sortear os pisos municipais destinados a realoxamentos e situacións extremas", o que provoca na súa opinión que agora sexa incapaz "de achegarlles solucións ás familias afectadas polo Ofimático, que veñen reclamando alternativas dende o diálogo e a protesta".

O PSdeG-PSOE responsabilizou persoalmente a Carlos Negreira, acusándoo de "ser incapaz de xestionar a cidade"

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, que pasou a noite coa familia afectada polo desafiuzamento, sinalou que "Negreira puido ter evitado o desafiuzamento mediante a exclusión do sector as casas e os terreos afectados pola ponte do Ofimático, a través da paralización inmediata das obras de urbanización nesta parte da ponte e a través da modificación do planeamento". Carril explicou que a modificación do planeamento do PXOM e do Plan Parcial do Ofimático faríase para, por unha banda, "excluír do sector as casas e terreos afectados pola ponte e, pola outra banda, suprimir a ponte e, conseguintemente, reordenar o sistema de accesos ao sector".

O voceiro de Esquerda Unida, César Santiso, sinalou que o desaloxo "mostra a baixa calidade humana de Negreira", a quen cualificou de "alcalducho" que mentres "infrinxe dor e sufrimento a unha familia arrebatándolle a súa casa mediante un desaloxo forzoso, dedícase a inaugurar a iluminación do Nadal e poñer cara de santiño". Santiso referíase ao acto público no que participara o alcalde, a inauguración das luces de Nadal na cidade, unha acción de cualificou de "hipocrisía nauseabunda e insoportable".

Tamén Antón Sánchez, deputado de AGE, salientou este venres que “o Concello da Coruña negouse en todo intre a dialogar e a procurar unha solución que respectase o dereito fundamental das persoas, recollido nesa Constitución que tanto din defender pero que en realidade violan unha e outra vez, á vivenda” e anunciou que pedirá na cámara "a paralización inmediata dos desafiuzamentos" no Ofimático.

Álvaro e Isabel, tras o desaloxo en Elviña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.