Toda a poboación galega respira aire contaminado

A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario

Xosé Veiras analiza no blog Un Claro no Bosque os resultados do informe La calidad del aire en el Estado español, elaborado por Ecoloxistas en Acción, que revela un empeoramento da calidade do aire. A Coruña e Arteixo sofren os niveis máis preocupantes, e tamén se sinala o impacto de industrias concretas, coma as centrais de carbón das Pontes e Meirama, a factoría de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao ou Cementos Cosmos (Sarria)

Canto máis sabemos da contaminación do aire, dos seus efectos e da súa incidencia, máis razóns temos para nos preocupar. O informe La calidad del aire en el Estado español durante 2014, elaborado por Ecoloxistas en Acción, conclúe que practicamente toda a poboación galega estivo exposta  a niveis de contaminación superiores aos considerados aceptábeis pola Organización Mundial da Saúde (OMS) ao longo de 2014. Constátase así un aumento da poboación afectada pola contaminación do aire en Galicia nos últimos anos, desde o 70% en 2012 até o 100% en 2014, pasando polo 90% en 2013. A razón está na consideración dun novo contaminante, o benzo(a)pireno, na avaliación que fai anualmente Ecoloxistas en Acción, baseada nos datos oficiais, que seguen a ser manifestamente insuficientes.

Os datos chocan coa crenza de que en Galicia hai moitos lugares onde é posíbel respirarmos aire puro. Hai moito tempo que deixou de ser así

A dispoñiblidade de maior número de medicións, particularmente dalgúns contaminantes pouco avaliados, como as partículas finas (PM2,5), os metais pesados ou o devandito benzo(a)pireno, confirmaría un diagnóstico que choca coa crenza de que en Galicia hai moitos lugares onde é posíbel respirarmos aire puro. Hai moito tempo que deixou de ser así. Os focos de contaminación propios e o transporte de contaminantes a longas distancias, que fai que importemos (e exportemos) contaminación atmosférica, ensucian o aire até tornalo prexudicial para a nosa saúde, non segundo a normativa vixente, mais si de acordo coas recomendacións da OMS, máis estritas. Ben é certo que no conxunto de España a situación é aínda peor, pois ademais de case toda a poboación respirar aire contaminado de acordo cos estándares da OMS, un terzo respira un aire tan sucio que mesmo incumpre os estándares legais vixentes hoxe nunha UE cuxo compromiso coa mellora da calidade do aire deixa bastante que desexar. 

Ademais dos contaminantes máis habituais considerados en anos anteriores, no informe deste ano Ecoloxistas en Acción incluiu o canceríxeno benzo(a)pireno, indicador da contaminación por hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), presente nas partículas finas procedentes dunha combustión incompleta. As fontes principais de HAP en Galicia son industrias como a da produción de aluminio e as calefaccións, sendo tamén significativa a achega do transporte, das queimas agrarias e dos incendios forestais. Rexistros da concentración no aire deste contaminante efectuados  na Coruña e na contorna da fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao superaron amplamente o valor recomendado pola OMS, aínda que ficaron lonxe do obxectivo legal. Coa incerteza propia da escasa cobertura das medicións dispoñíbeis, o informe ecoloxista coida que o benzo(a)pireno afectaría ao conxunto da poboación galega.

 

Persisten os principais focos de contaminación

Ademais dos contaminantes máis habituais considerados en anos anteriores, no informe deste ano Ecoloxistas en Acción incluiu o canceríxeno benzo(a)pireno

Ano tras ano, repítense os focos de contaminación en Galicia destacados nos informes sobre a calidade do aire no Estado español de Ecoloxistas en Acción. O tráfico rodado nas cidades e as súas áreas de influencia (ao que se suma o marítimo nas cidades portuarias) e máis algunhas grandes industrias son as maiores responsábeis de que os galegos e galegas respiremos aire nocivo para a nosa saúde.

As industrias sinaladas son poucas pero moi contaminantes. As centrais de carbón das Pontes (ENDESA) e Meirama (Gas Natural Fenosa) -que ademais son enormes fábricas de cambio climático polas súas emisións de CO2, non incluídas neste informe por non ser un contaminante local-, a factoría de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao (Mariña luguesa), Cementos Cosmos (Sarria) e  a área industrial de Arteixo-A Coruña, na que se localizan industrias sucias como a refinaría de Repsol, Ferroatlántica, unha fábrica de aluminio de Alcoa ou a central de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Gas Natural Fenosa), se ben esta última a penas está a ser utilizada. Non se inclúe na listaxe deste ano o complexo industrial ENCE-ELNOSA, mais iso débese seguramente a que o informe deixa fóra do seu alcance algúns contaminantes menos habituais emitidos por esta industria. 

As industrias sinaladas son poucas pero moi contaminantes: As centrais de carbón das Pontes e Meirama, a factoría de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao, Cementos Cosmos e a área industrial de Arteixo-A Coruña

Perante a ausencia de políticas máis ambiciosas para a mellora da calidade do aire é a conxuntura o que determina maiormente a incidencia da contaminación. Se aumenta o prezo do petróleo e decae a actividade económica, o tráfico e a produción industrial diminúen e conseguintemente as súas emisións contaminantes. En anos chuviosos e ventosos respiramos mellor, porque se dispersa máis a contaminación e porque máis produción hidroeléctrica e eólica despraza a xerada con carbón. E se ademais o verán é fresco e húmido, minimízase a contaminación procedente dos incendios forestais e fórmase menos ozono troposférico.

Concellos e Xunta restan importancia ao problema da contaminación do aire no noso país, ignorando os incumprimentos das recomendacións da OMS e comparando a nosa situación coa doutros territorios aínda máis contaminados

Concellos e Xunta restan importancia ao problema da contaminación do aire no noso país, ignorando os incumprimentos das recomendacións da OMS e comparando a nosa situación coa doutros territorios aínda máis contaminados. E cando algún incumprimento legal obriga a redactar un Plan para a Mellora da Calidade do Aire, apróbase un para cubrir o expediente. Perante o incumprimento nunha das estacións de medición da Coruña da normativa para as partículas grosas (PM10), a Xunta aprobou un Plan de Mellora da Calidade do Aire na Coruña que non restrinxe máis o tráfico e se limita a recoller as melloras previstas no transporte colectivo metropolitano. Este plan, aprobado en 2011, non evitou que durante 2014 se volvese incumprir a normativa para este contaminante.

 

O aire máis sucio respirouse na Coruña e en Arteixo

Os galegos e galegas que peor aire respiraron durante 2014 foron os residentes na Coruña e en Arteixo. As razóns xa as apuntamos un pouco máis arriba.  Na cidade da Coruña superáronse as recomendacións da OMS para as concentracións no aire de partículas (PM10 e PM2,5) e de dióxido de xofre (SO2), ademais de benzo(a)pireno. No municipio limítrofe de Arteixo ultrapasáronse os niveis máximos aceptábeis para as partículas finas (PM2,5), o SO2 e o ozono troposférico (O3). Convén destacar que A Coruña e Arteixo son os municipios galegos nos que máis se mide a contaminación atmosférica, o que no caso da capital coruñesa ten a ver co feito de o concello contar cunha rede propia de estacións de medición que se suma á xestionada pola Xunta.

En Vigo, a contaminación por partículas foi similar á da Coruña, pero non se superaron os  niveis recomendados para outros contaminantes

En Vigo, a contaminación por partículas foi similar á da Coruña, pero non se superaron os  niveis recomendados para outros contaminantes. No resto das principais cidades galegas respirouse aire limpo durante 2014 segundo as recomendacións da OMS. Porén, cómpre salientar que a situación sería seguramente distinta se nelas se tivesen medido as concentracións de partículas finas (PM2,5). A pesar de seren as partículas máis nocivas para a saúde humana, nas cidades só se mediron na Coruña e en Vigo. Nin tan sequera se obtiveron datos en Santiago, onde se mediron entre 2009 e 2013, superándose as recomendacións da OMS algúns anos.     

Como acontece no conxunto do Estado español, e se excluímos o benzo(a)pireno, o ozono troposférico (O3)  é o  contaminante que afecta a máis poboación e tamén o de maior presenza no noso territorio. A metade da poboación galega respirou aire contaminado por ozono troposférico durante 2014. Este contaminante fórmase a partir doutros emitidos polo transporte ou as térmicas, espallando a contaminación por zonas rurais durante a primavera e o verán, a época do ano na que se dan as condicións necesarias para a súa xeración. 

A metade da poboación galega respirou aire contaminado por ozono troposférico durante 2014

Afortunadamente para nós, o noso clima fai que a formación de ozono sexa moderada en comparación co sur da Península Ibérica, por causa da menor radiación solar, das temperaturas inferiores e das maiores intensidades de vento. Pero é un contaminante que se pode transportar a longas distancias e, de feito, como descobriu o investigador da USC Santiago Saavedra, na maioría  dos episodios de contaminación por ozono en Galicia inflúe o transporte deste contaminante desde outras zonas, especialmente  desde Portugal e desde Castela e León, onde se sitúan varias centrais de carbón.

 

A contaminación do aire prexudica cultivos, plantacións forestais e bosques

Por primeira vez, este ano o informe de Ecoloxistas en Acción avalía os niveis de contaminación atmosférica desde o punto non só da saúde humana senón tamén da protección da vexetación. E neste aspecto os datos non son menos preocupantes, en concreto no que se refire ao posíbel impacto dos niveis de ozono troposférico que, entre outros efectos negativos, e “ao baixar a capacidade fotosintética, diminúe o crecemento vexetal e a produtividade da planta”.

O que cómpre facer para tornar máis saudábel o aire que respiramos contribúe tamén en grande medida a reducir o ruído, a responder á crise enerxética, a construír cidades máis seguras e habitábeis

En Galicia non se incumpren  os estándares legais vixentes para protexer os cultivos agrícolas e forestais e os ecosistemas naturais dos efectos nocivos da contaminación atmosférica, pero si o obxectivo a longo prazo de protección da vexetación estabelecido tamén pola Unión Europea, incumprido no 57% do territorio galego, o que nos indica que a situación actual debe ser mellorada.  Aquí non está de máis apuntarmos que o cambio climático tende a favorecer a formación de ozono e, polo tanto, a dificultar a consecución do obxectivo legal de protección a longo prazo. Un exemplo do ligados que están o cambio climático e a calidade do aire.

Mellorar a calidade do aire equivale a loitar contra o cambio climático, porque as fontes de gases de invernadoiro e tóxicos son as mesmas. E non só, porque o que cómpre facer para tornar máis saudábel o aire que respiramos contribúe tamén en grande medida a reducir o ruído (outra forma de contaminación moi prexudicial para a nosa saúde), a responder á crise enerxética, a construír  cidades máis seguras e habitábeis, a facer innecesaria a construción de máis infraestruturas de transporte por estrada que artificializan o territorio e restan grandes sumas de diñeiro público á protección social e ambiental…

“As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire en Galicia son a diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e o potenciamento do transporte público"

Ecoloxistas en Acción, no seu comunicado sobre os resultados do  informe para Galicia, salienta que “as principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire en Galicia son a diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e o potenciamento do transporte público. Así como a adopción xeralizada das mellores técnicas industriais dispoñíbeis e a substitución da electricidade xerada nas térmicas de carbón de Meirama e As Pontes". Agardemos que os novos tempos traian a vontade social e política necesarias para iso.

En Arteixo e A Coruña é onde se respira o aire máis sucio Dominio Público Praza Pública
A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario
A planta de Cementos Cosmos en Oural (Sarria) é a principal responsable da contaminación por Dióxido de Xofre Dominio Público Praza Pública
O excesivo uso do vehículo privado é outra das causas da mala calidade do aire CC-BY-SA Terremonto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.