As lesbianas nunca existiron. Camioneiras, tortilleiras, marimachos…, constrúen en realidade a vella metonimia dun estilo de muller inadaptado aos cánones tradicionais do patriarcado. Os homes homosexuais comezan a ver desterrada a imaxe colectiva de que os convertía en carne de canón social e da Lei de perigosidade, que non se abolíu até 1986. E mentres se van erguendo referentes gays en diversas áreas –pero o deporte, por exemplo, é unha rotunda excepción-, as lesbianas permanecen fóra da vida pública, relegadas ao desgastado imaxinario das bolleras ou, como moito, ao ideario da bisexualidade cultivado na industria do porno.
As lesbianas non existen. Por iso tampouco aparecen na homilía do vernes santo oficiada polo bispo Juan Antonio Reig Pla
As lesbianas non existen. Por iso tampouco aparecen na homilía do vernes santo oficiada polo bispo Juan Antonio Reig Pla e retransmitida por Televisión Española que causou a denuncia ante os tribunais pola Federación Estatal de Lesbianas Gais Transexuais e Bisexuais (FELGTB) e o Colectivo de Gais de Madrid por “provocación á discriminación e ao odio”. Falaba o bispo daqueles que, conducidos polas ideoloxías, atopan o inferno en clubes de homes nocturnos. Nada dicía das mulleres homosexuais, o que é sintomático.
Na xerarquía da Igrexa oficial, as mulleres conforman o último chanzo, o final dunha alta pirámide, que as exclúe de calquera outro tipo de consideracións, a risco de ser descabalgadas.
No estudo de Judith Brown Immodest Acts (Actos impúdicos, 1986), sobre a vida de Benedetta Carlini (1590), coñecida como a monxa lesbiana, recolle reflexións de por que se silenciaba o lesbianismo. A intención era descualificalo como asunto serio: "Moitas leis civís contra relacións entre o mesmo sexo, incluíndo a lei inglesa de 1533 que castigaba a sodomía coa morte, non facían mención específica ás mulleres. En cambio eran moi explícitos cos actos cometidos polos homes e as penalidades que se lles debían impor. Dado o coñecemento que os europeos tiveron sobre a existencia da sexualidade lesbiana, a súa neglixencia con respecto a este tema en dereito, teoloxía e literatura indica que non quixeron darlle crédito. Para moitos homes do seu tempo, a atracción mutua das mulleres non era asunto serio".
"Para moitos homes do seu tempo, a atracción mutua das mulleres non era asunto serio"
En canto ao episodio do bispo Juan Antonio Reig Pla, tamén pasaron case inadvertidos os seus ataques á muller: as que abortan e teñen que sufrir un insomnio “de anos e anos”; e as que, enganadas polos seus xefes, “danlle favores sexuais para permanecer no emprego ou ascender”. Pode que o acoso non sexa pecado, pero si figura no Código Penal.
“A homosexualidade é obxectivamente desordeada”
Para tensar a controversia, o portavoz da Conferencia Episcopal Española, Martinez Camino, acaba de proclamar en roda de prensa que a homosexualidade “é obxectivamente desordeada; se é ou non unha enfermidade terán que dicilo os psiquiatras e, como saben, hai moitas e variadas opinións”. A verdade, no que si existe unanimidade dentro das sociedades médicas e psiquiátricas é en que convertir en acto o desexo sexual por un neno ou unha nena, a pederastia, constitúe unha conduta ademais de desordeada, delictiva.
Políticos no armario
"Os homosexuais sufrirán na súa loita unha opresión común", escribía a psicóloga e historiadora Victoria Sau no ano 1979, "pero as lesbianas padecen ademais unha dobre discriminación, tamén por seren mulleres". Máis de trinta anos despois, a afirmación continúa vixente. E incluso se tambalea a situación legal que mudara no Estado español tras a aprobación do matrimonio homosexual.
Mentres se agarda a que o Tribunal Constitucional se posicione fronte ao recurso de inconstitucionalidade que presentou o Partido Popular á Lei, son moitas as voces críticas cun modus operandi dentro do partido, que opta por armarizar públicamente aos seus cargos homosexuais mentres o partido defende posicións homófobas.
Menos presenza no colectivo
Dentro do colectivo LGTB a presenza física dos homes resulta superior e a súa voz continúa a ser a máis escoitada. Incluso a situación do home homosexual úsase de referente interno e marxina as peculiaridades do resto dos grupos.
"Pode ser que hoxe grazas ás leis, e non ao feminismo, mágoa, as lesbianas sexan algo máis toleradas ou tidas en conta dentro do propio movemento homosexual"
A investigadora Mónica Bar Cendón, autora de Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, escribe sobre a discriminación da lesbiana dentro dos movementos feminista e homosexual: "Pode ser que hoxe grazas ás leis, e non ao feminismo, mágoa, as lesbianas sexan algo máis toleradas ou tidas en conta dentro do propio movemento homosexual".
E, referíndose ao nacemento de asociacións a prol da loita gay, a finais dos 70, considera que "o sector lesbiano, malia ir medrando e visualizándose nas asembleas non deixa de ser un grupo marxinado dentro do propio grupo. Había certa inercia nalgunhas feministas heterosexuais, herdada dos partidos de esquerdas, de non tomar en serio as reivindicacións das lesbianas e, incluso considerar a homosexualidade, tanto feminina como masculina como ‘vicio burgués’. De feito, as lesbianas queixábanse de soportar a 'ditadura heterosexual' nas discusións sobre sexualidade dentro das organizacións". Segundo lle contaba Chicha Nóvoa, da Asemblea da Coruña, "tremendas eran as discusións sobre os orgasmos vaxinais; non era militante dicir que non existía, imaxínate que nivel".
A presentadora Sandra Barneda e a actriz Tanià Sarriàs veñen de contribuír á normalidade lésbica facendo público o seu matrimonio. Igual que axuda o prestixio da actiz Elena Anaya
Día da visibilidade
Desde 2008 dedícase o 26 de abril á visibilidade lésbica. Nesta ocasión lánzase “unha chamada ás lesbianas de relevancia pública a rachar co silencio” e “servir como exemplo para que a outras mulleres en situación más complicada lles sexa algo máis doado”. Nun manifestó asinado pola FELGTB piden así mesmo a fin da discriminación no acceso a técnicas de reprodución asistida e lanzan un video con diferentes rostros no que participan, entre outras, a cantautora Inma Serrano, un dos poucos personaxes públicos que non agocha a súa homosexualidade.
No mundo, hai a penas un feixe de exemplos: Ellen DeGeneres, Cynthia Nixon, Jodie Foster… En España, a prensa rosa ocúpase do tema, fala das loitas de poder e malas sangues das tonadilleras e engade morbo inservíbel. A presentadora Sandra Barneda e a actriz Tanià Sarriàs veñen de contribuír á normalidade lésbica facendo público o seu matrimonio. Igual que axuda o prestixio da actiz Elena Anaya, moi alonxada, ademais, dos tradicionais estereotipos.