Varios centos de tractores continuaban este domingo rodeando a Muralla de Lugo e mantendo así a protesta que o pasado xoves ateigou a capital lucense de centos de gandeiros reclamando prezos xustos para o leite e unha solución á crise do sector. Moitos regresaron á mobilización durante a xornada dese sábado tras abandonala logo da visita da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, que non achegou novidades pero que é acusada por sindicatos e organizacións implicadas na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo de intentar "dividir" a loita gandeira. Se ese era o obxectivo, algo prendeu entre os produtores.
O grupo de gandeiros que se manteñen firmes en Lugo optaron por manter os seus tractores en Lugo ata, como mínimo, o vindeiro xoves 10. Acordaron xa conformar unha nova organización allea aos sindicatos e organízanse a través de representantes de cada concello logo de tensos debates. Os que quedan, aseguraron que a súa tractorada era "indefinida" ata que chegasen "compromisos por escrito" que garantan un prezo mínimo e xusto, entre outras medidas. Seguirán xusto ata a xornada na que acaban as protestas que este luns comezan en Compostela e onde a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo prevé levar 5.000 tractores. Varios centos quedarán en Lugo e milleiros acudirán á capital. Xa que logo, haberá "presión" en dous puntos do país.
Un grupo de gandeiros en Lugo medita se acudir á marcha de Santiago e pretende crear a súa propia organización
Sindicatos como Unións Agrarias acusan a conselleira e a Xunta de "intentar dividir" e de crear "falsos protagonismos" para desactivar a mobilización. "Quen tratou de dividir foron os gandeiros do PP a través da titular de Medio Rural", asegurou na Cadena SER Roberto García, secretario xeral de UUAA, que acusa o goberno de buscar o "enfrontamento" entre os produtores. De feito, foi a delegada do Goberno en Lugo, Raquel Arias, a primeira en aparecer na Muralla o venres para adiantar aos alí presentes que xa había un acordo case definitivo entre o Estado e empresas e distribución para pactar un prezo mínimo. Ás poucas horas, a conselleira apareceu para dar as súas explicacións. Non houbo novidades relevantes, pero algúns produtores déronse por satisfeitos coa súa presenza mentres outros optaron por manter e mesmo intensificar as mobilizacións.
"Quen tratou de dividir foron os gandeiros do PP a través da titular de Medio Rural", di UUAA
Anzo Escariz, coordinador da Organización de Produtores Lácteos (OPL) e membro da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo foi claro e contundente contra a conselleira ao denunciar que "intente enfrontar os gandeiros e desunilos". "Lonxe de permanecer ao carón dos gandeiros, defendendo o que tan xustamente pedimos e aplaudindo a unión do sector produtor que estaamos conseguindo con moito esforzo, busca e case consegue un obxectivo: enfrontar os gandeiros", dixo.
"Non vos deixedes enganar coas mentiras da conselleira, o noso obxectivo está claro: encher Compostela con 5.000 tractores!", insistiu Escariz, que advirte dun camiño long e difícil. "Levamos todo o mes de agosto mobilizando as comarcas leiteiras, pero temos que ter claro que esta foi a única maneira de conseguir a atención do Ministerio", asegurou quen cre que "aínda non é suficiente". "Fai falta moito máis para sacar a frote o sector do leite", engadiu o coordinador da OPL, que advirte que "a folla de ruta non acaba enSantiago". "Xuntos podemos dobregar os poderes políticos para que fgan o seu traballo: defender a economía do noso rural".
"Quen tratou de dividir foron os gandeiros do PP a través da titular de Medio Rural", advirte a Organización de Produtores Lácteos
Así, este luns na capital galega os tractores concentraranse ás 11 da mañá en Salgueiriños. Ás 12 iniciarán o percorrido polas rúas San Caetano, avenida de Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, San Lourenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, avenida de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños e Salgueiriños.
Este luns comeza a tractorada en Santiago, que seguirá ata o xoves e chegará a San Caetano ou as grandes áreas comerciais
O martes ás 12, os tractores concentraranse nas rúas lindeiras coas áreas comerciais de Área Central e As Cancelas, mentres que ao día seguinte, tamén ás 12, os vehículos acudirán aos edificios administrativos de San Caetano. O xoves 10, haberá unha manifestación a pé que sairá ao mediodía da Alameda e chegará de novo a San Caetano.