"Trasladar a planta do Irixo a outro lugar non é solución ningunha"

Os veciños do Irixo, contra a incineradora CC-BY-SA Adega

A Xunta botouse atrás. Malia que hai menos dun ano aseguraba de xeito rotundo que o concello do Irixo acollería a incineradora que trataría os residuos das localidades do sur de Galicia, este martes o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, confirmou que o Executivo iniciará "de forma inmediata" os pasos necesarios para ampliar o complexo de Sogama en Cerceda. Todo isto despois de que nun comunicado anunciara a apertura dun expediente a Estela Eólica, empresa que tiña previsto construír a polémica infraestrutura nunha comarca ourensá que respira aliviada.

A plataforma do Irixo declárase "contenta" pola marcha atrás da Xunta pero "preocupada" pola política de residuos da Xunta

Aliviada e contenta, pero non de todo, como explica Alberto González, voceiro da Coordinadora A Incineradora No Irixo NON, que liderou o masivo movemento veciñal contra a planta de tratamento de residuos na zona. "A verdade é que estamos ledos porque a decisión énos satisfactoria, pero seguimos preocupados por unha política de residuos coa que non estamos de acordo", resume o portavoz, que recoñece aínda así a súa alegría pola marcha atrás do Goberno galego e o feito de que a temida infraestrutura non acabe nunha comarca que protestou unida contra a decisión da Xunta.

"A eliminación das primas, a dificultade para conseguir financiación e o movemento veciñal foron claves"

Alberto González non se atreve "a dar porcentaxes" sobre os motivos que levaron o Goberno galego a botarse atrás, pero ten ben claro que "o factor económico foi moi importante". "A eliminación das primas no sector eólico e a dificultade para atopar financiamente foi algo clave; é moi difícil conseguir os cartos e moito máis para unha empresa como Estela Eólica, á que non coñecía ninguén", asegura. Pero "por suposto", o voceiro da Coordinadora sabe que "a oposición veciñal" foi "clave" na decisión última da Xunta. Máis aínda en tempos electorais.

Para a Coordinadora, os momento electoral marcou os tempos da decisión da Xunta

Para a Coordinadora A Incineradora No Irixo NON, o anuncio do Goberno galego non é casual. "Todos estes anuncios fanse en campaña ou en precampaña, pero neste caso o que anunciaron foi a parálise dun proxecto, o que demostra que o movemento veciñal tamén empurra o Executivo a tomar determinadas decisións", explica, logo de advertir de que a Xunta "puido ter comunicado isto hai tres meses ou dentro de dúas semanas", pero que "están aproveitando o momento electoral".

Malia todo, Alberto González aclara que a decisión da Xunta "non é a solución". "Trasladar o problema dun sitio a outro non é solución ningunha", insiste o voceiro da Coordinadora. "Se son intelixentes na Xunta, daranse de conta de que a incineración en Galicia empeza a estar mal vista en moitos sitios; tamén habería un rexeitamento claro en Cerceda se alí non estivese instalada xa Sogama", conclúe o portavoz, que engade que "o problema dos residuos pódese solucionar sen incinerar tanto". "O que se fai en Galicia é unha barbaridade", remata, tras insistir nunha nova política de residuos que reduza ou elimina a incineración e se basee na redución, reutilización e na reciclaxe.

Unha manifestante contra a incineradora CC-BY-SA Adega
Inicio da manifestación contra a incineradora © Daniel Mexuto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.