Tribo, a loita normalizadora e cotiá entre os máis pequenos

Parque de Belvís, en Compostela © Santiago Turismo

Organizarse e unirse para unha normalización cotiá que é cada vez máis complicada. Iso é o que pretende o proxecto Tribo, unha proposta xurdida froito da cooperación e dos encontros que a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) organiza todos os anos en Carballo e que se estende xa desde Compostela até o País Vasco. Foron varios pais e nais de Santiago os que recolleron a idea daquelas Xornadas sobre Dinamización Lingüística. E decidiron levala á práctica creando un grupo co obxectivo de reunir nun espazo común xente preocupada pola transmisión da lingua aos seus fillos. Son xa trinta usuarios que se xuntan no parque de Belvís para crear un ambiente en galego que transmia o idioma aos máis pequenos. É unha forma de "resistencia" ante a "marxinación" e "á marxe das administracións" que nada fan por protexer o galego, senón todo o contrario.

Un grupo de pais de Compostela decidiron formar un grupo que manteña a transmisión do galego entre os seus fillos

"Fartas de ver como os nosos nenos e nenas son as únicas do parque que falan en galego, nunha sorte de marxinación que fai que se extinga o idioma, e cansos de que nos espazos públicos a nosa voz non se escoite, non conte, un grupo de pais e nais de Compostela decidiu organizarse para mudar as cousas", explican a lingüistia Romina Bal e o sociolingüista vasco Txerra Rodríguez nun artigo que sairá publicado en varios medios de Euskadi. Nel, explícase que a iniciativa vai "desde abaixo cara a arriba" co propósito de "cambiar unha sociedade que permite que o maior dos seus tesouros non se herde, non floreza como debera".

Partindo dunha idea de proposta normalizadora das xornadas organizadas pola CTNL, cresouse en Composltea no pasado verán un grupo de whatsapp baixo o nome de Tribo para "reunir nun espazo común xente preocupada pola transmisión da lingua aos seus fillos e fillas". "Alén de ideoloxías, maneiras de ver a maternidade e outras diferenzas, todos coincidimos na necesidade de que as nosas fillas e fillos fixeran equipa e brincasen en galego", explica Bal. Vencidas as reticencias iniciais e a desconfianza, acabouse formando un grupo de nenos cohesionado, de entre 0 e 13 anos, que se xuntaban nun principio no parque de Belvís cada pouco e que xa suma máis de trinta usuarios e numerosas actividades.

Son xa máis de trinta usuarios en Santiago, con nenos de entre 0 e 13 anos que realizan numerosas actividades xuntos e en galego

Non quedan todos os días, só cando poden, pero as novas tecnoloxías permiten que os pais poidan coincidir en calquera momento e axiña. Así, durante os últimos meses o grupo Tribo realizou unha morea de actividades. Acoden a concertos, van unha vez o mes a escoitar un contacontos na Gentalha do Pichel, a exposicións, ao monte, de tapas polos bares, museos, festas... "Levamos mal os meses de choiva, pero ameazamos con ter unha primavera movida en canto pare de chover. Entre os nenos e as nenas conformouse un grupo sólido de amizade, de identidade, de prestixio e de reforzo da lingua", recorda así Bal sobre un grupo que xa migrou ao Galegram.

"Entre os nenos e as nenas conformouse un grupo sólido de amizade, de identidade, de prestixio e de reforzo da lingua"

E por que non internacionalizar a iniciativa e levala a outras linguas, a outros espazos? Por que non encher outras cidades? Segundo a sociolingüista navarra Paula Kasares, "teñen máis importancia á hora de determinar pautas lingüísticas e á hora de adquirir coñecementos as interaccións coa xente da mesma idade ca os pais e as nais. "Ela pon como exemplo os e as fillas de emigrantes que viven en Euskal Herria: as fillas dos galegos que viven alá falan castelán igual que a xente de alá, cos mesmos trazos dialectais que a xente de alá. É dicir, ten máis importancia a socialización que a transmisión", explícase no artigo.

Así, partindo desa hipótese, e tendo como referencia a experiencia de Compostela, uns pais e nais de Bilbo tamén crearon o seu grupo de whatsapp para ficar nas tardes e ir facer actividades xuntos: ir ao parque, saídas de fin de semana, actividades culturais …. Nestes momentos reúnense 19 nenas e nenos, algúns todos os dias e outros case todos. "Non queren nestes momentos facer o grupo máis grande. Eles e elas cren que á mellor que os pais e nais se organicen e creen o seu grupo, no seu barrio", destacan.

A iniciativa xurdida en Galicia chegou xa a Bilbao, onde un grupo de familias euskaldunas tamén se reúnen cada pouco cos seus fillos

“O que máis valoramos é a cohesión que se creou entre nenos e nenas. Despois de seis meses, case son cuadrilla. Os pais e as nais tamén creamos a nosa pequena cuadrilla. Animamos os pais e nais de nenos euskaldúns nas zonas non moi vascófonas para que se xunten e creen grupos como este. É moi doado e dá moitos froitos”, di Uxue, unha das nais que forma parte da iniciativa.

"Pequenas propostas como esta, deixan ben claro que dar pasos cara á normalización lingüística está nas mans de todas e todos. Sen esperar a que fagan as demais", remata a reflexión sobre unha iniciativa popular e desde abaixo en loita por normalizar un idioma cada vez máis prexudicado.

Parque de Belvís, en Compostela © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.