Un ano da unidade sindical e social que encheu as rúas contra os recortes

Manifestación do 19 de xullo na Coruña © Daniel Candal

Levamos moitas manifestacións ás costas, e moitas máis nos últimos tres anos. Pero as do 19 de xullo do pasado ano sorprenderon a todos pola masiva participación: en pleno mes de xullo, nun día de praia, ao redor de 350 mil galegas e galegos saíron ás rúas convocadas por CCOO, UGT e CIG baixo o lema Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen. As marchas galegas foron as máis importantes de todo o Estado

Segundo os sindicatos, en Vigo puidéronse xuntar preto de 100.000 persoas fronte ás 70.000 da Coruña. Para a Policía Local, o dato non se rebaixa moito (60.000 e 50.000, respectivamente), o que dá conta do éxito das mobilizacións. Tampouco quedaron atrás localidades como Ferrol que, golpeada ademais de pola crise pola falta de carga de traballo no naval, sacou á rúa unhas 40.000 persoas de toda a comarca. Tamén foron históricas as marchas que percorreron cidades como Ourense (25.000), Pontevedra (20.000), Lugo (10.000) ou Santiago (40.000).

Moitos sinalaron que o éxito da marchas se debeu á unidade sindical e social, de xeito que as tres grandes centrais galegas convocaron e manifestáronse conxuntamente, canalizando coma poucas outras veces a indignación social, unha unidade que meses máis tarde deu lugar á creación da Alianza Social Galega. Este espíritu de unidade enfriou meses máis tarde, aínda que por suposto seguiu habendo convocatorias conxuntas. Porén, mobilizacións coma as do Primeiro de Maio fixéronse por separado.

Aquel 19 de xullo nas intervencións dos líderes sindicais todos eles coincidiron en denunciar "a fraude" das medidas do Goberno ao que advertiron que a masiva mobilización na rúa é unha das "consecuencias". Na Coruña, pero tamén en Vigo, en Ferrol, en Compostela... En todas as urbes e vilas galegas escoitáronse berros pedindo a "dimisión" do Goberno e a convocatoria dunha "folga xeral". "Mans arriba, isto é un atraco". Ese foi outra das consignas máis escoitadas por unhas rúas ateigadas como poucas veces se recorda. A CIG apostaba claramente pola convocatoria dunha folga xeral "canto antes, se pode ser en setembro" e todos os sindicatos censuraron a Feijóo e criticaron que "escapase" do país na situación actual, en referencia á súa viaxe a América.

Vista da manifestación en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.