"Un branco pedindo esmola!"

Rapaces asistentes á inauguración CC-BY-SA Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

"Un branco pedindo esmola!". Esta exclamación pode ser un bo resumo dalgunhas das sensacións que provoca a exposición Europa, realidade dun soño, de Gabriel Tizón, que vén de ser inaugurada na cidade de Bafatá, en Guiné Bissau. A mostra do fotoxornalista galego é a primeira parada do proxecto Causas Comúns, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación, a asociación que agrupa as entidades locais galegas que traballan en materia de solidariedade e dereitos humanos, e mais o Concello de Pontevedra en colaboración coa ONG local EACS-D.

O obxectivo deste proxecto, explican dende o Fondo, é "informar e sensibilizar" ás dúas beiras do proxecto, Guiné Bissau e Galicia. Trátase, sinalan, de que os pobos galego e guineano observen o "cada vez máis evidente incumprimento dos dereitos humanos tanto en África como en Europa. "A vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza son xa artigos de luxo non só nos países pobres ou empobrecidos", senón tamén en territorios que se crían a salvo de calquera tipo de estreiteces, evidencian.

No caso de Guiné Bissau o obxectivo da exposición é tamén "resaltar a importancia" de que a poboación local e o pobo africano en xeral vexa de preto "ao que se enfrontan e os obstáculos" que poderían atopar se deciden emigrar a Europa. Experiencias anteriores de Gabriel Tizón neste e noutros países de África levaron o autor e ao Fondo Galego a observar que "son moitas e moitos quen recoñecen non seren conscientes desta realidade, dunha Europa chea de dificultades económicas e sociais". "Nalgúns casos -afirman- fíxolles reflexionar e reconsiderar a súa decisión de emigrar".

"Son moitas e moitos quen recoñecen non seren conscientes desta realidade, e nalgúns casos failles reflexionar e reconsiderar a decisión de emigrar"

Sobre esta base Tizón e mais a traballadora social Rocío Botana desenvolverán obradoiros con fotógrafos locais e líderes de comunidades do país ata o vindeiro día 17. Aproveitarán, ademais, para presentar a exposición en diversas vilas. Alí reflexionarán en primeira persoa sobre o fenómeno migratorio que, no século XXI, "é un dos principais problemas aos que se vai enfrontar a humanidade". Esta situación, detallan, "non é nova nin descoñecida para o pobo galego", "consciente dos custos históricos e sociais" desta e "día a día, das graves violacións de dereitos humanos que acontecen nas fronteiras" do Estado español.

Tras esta experiencia en Guiné Bissau o proxecto Causas comúns chegará a Pontevedra en febreiro cunha nova exposición: África, soños e mentiras, que pola súa banda apostará por "tecer unha ponte de solidariedae coas persoas que deciden migrar ao noso país". Tras a presentación en Pontevedra, sinalan dende o Fondo Galego, a exposición "circulará por distintos centros sociais e de ensino ata xuño" e despois "converterase en itinerante entre as distintas administracións sociais do Fondo Galego".

Inauguración da exposición CC-BY-SA Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Dúas mulleres observan unha das fotografías de Tizón CC-BY-SA Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.