Un estudo sinala o millo transxénico como causa de tumores

Mobilización contra os transxénicos © Praza Pública

O blog Un claro no bosque salienta que a revista científica Food and Chemical Toxicology proba que o millo transxénico provoca "efectos tóxicos alarmantes"

Un estudo sobre millo xeneticamente modificado publicado na revista científica Food and Chemical Toxicology, o primeiro en investigar os efectos a longo prazo dos transxénicos na saúde, apunta efectos tóxicos alarmantes. O millo transxénico empregado no estudo para a alimentación de ratas de laboratorio foi o NK603 da multinacional Monsanto, tolerante ao herbicida Roundup producido pola mesma empresa. Como lembra a plataforma portuguesa Transgénicos Fora “foi considerado seguro e autorizado para a alimentação humana pela Comissão Europeia já em 3 de Março de 2005 e tem circulado na Europa desde então”.

Os investigadores comprobaron que os animais alimentados con millo transxénico morreron de forma prematura e sufriron tumores e danos en múltiples órganos vitais.

España é o estado europeo con maior superficie de cultivo comercial de millo transxénico

“Por primeira vez no mundo, avaliouse un transxénico e un pesticida polo seu impacto na saúde dunha forma máis ampla que a realizada até agora polos Gobernos e a industria. Os resultados son alarmantes”, sinalou Gilles-Eric Séralini, director do estudo realizado pola Universidade de Caen, en declaracións recollidas nunha noticia publicada no xornal El Pais.

A Plataforma Transgénicos Fora, unha de cuxas portavoces é a profesora Margarida Silva, da Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa, “considera que, à luz destes resultados e ao contrário do que a própria Monsanto afirma, os alimentos transgénicos em circulação não podem mais ser considerados seguros”, polo que se deberían suspender todos os transxénicos usados na alimentación humana e animal e prohibir o cultivo de millo transxénico.

En Galicia non parece que se cultive millo transxénico de forma comercial. Porén, si ten habido cultivos experimentais

España é o estado europeo con maior superficie de cultivo comercial de millo transxénico (da variedade MON810, de Monsanto), e tamén o que acolle maior número de cultivos experimentais ao aire libre, sendo o NK603 unha das variedades utilizadas. Aínda que non se coñece a localización das parcelas, en Galicia non parece que se cultive millo transxénico de forma comercial. Porén, si ten habido cultivos experimentais, se ben no último ano para o que hai información (2011) non se solicitou ningún cultivo experimental na nosa terra, segundo a información divulgada por Amigos da Terra. En 2010 si houbo unha parcela experimental en Mesía (A Coruña), na que se prevía empregar, entre outras, a variedade NK603, e onde se deron irregularidades denunciadas no seu día pola Plataforma Galega Antitransxénicos.

...

Le o resto do post no blog Un claro no bosque

Mobilización contra os transxénicos © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.