Un grupo de traballadores, contra os controis de acceso nas bibliotecas da USC

Tornos instalados na Biblioteca Concepción Arenal Dominio Público Praza Pública

Un grupo de traballadores do servizo de bibliotecas da USC opóñense ás novas medidas de control de acceso que a Universidade de Santiago de Compostela ten previsto implantar nos vindeiros días co obxectivo de regular os accesos e dar prioridade aos membros da comunidade universitaria en épocas de grande afluencia, como a de exames.

Este plan inclúe medidas electrónicas de control  de acceso a través de tornos e cámaras de videovixilancia "xestionadas por persoas alleas ao sistema bibliotecario co fin de restrinxir o uso de espazos e servizos da Biblioteca"

Este plan -no que se traballa desde finais do ano pasado- inclúe medidas electrónicas de control  de acceso a través de tornos e cámaras de videovixilancia "xestionadas por persoas alleas ao sistema bibliotecario co fin de restrinxir o uso de espazos  e servizos da Biblioteca", segundo asegura o persoal nun comunicado. Estes traballadores entenden que "a información -a materia prima das bibliotecas- trátase dun ben esencial na sociedade e que as persoas e organizacións encargadas da súa xestión debemos ter en conta a responsabilidade que isto supón polo seu impacto social, político e cultural". Segundo este persoal, toda biblioteca ten a súa razón de ser en "proporcionar o mellor acceso posible á información así como garantir un acceso libre e igualitario a este recurso estratéxico á toda á cidadanía, sen restricións por razóns de xénero, cuestións ideolóxicas, educacionais, culturais, políticas  económicas  ou calquera condición ou circunstancia persoal ou social".

Segundo aseguran nun comunicado, a posta en marcha deste plan suporía riscos para determinados sectores da cidadanía, e máis no actual contexto de crise económicoa e social nos que "máis que nunca é necesario un reforzamento as políticas de coñecemento para todos". Estes traballadores da biblioteca universitaria xa solicitaran mediante un escrito asinado pola maioría do persoal que se retirase o plan e que fose debatedo nos órganos colexiados do centro para que os xestores "tomen conciencia dos impactos negativos do plan" e accedan a "crear outras vías que dean cabida á puxante demanda social polos servizos de bibliotecas, adoptando medidas positivas e non regresivas". "Lonxe de respostas, a Universidade optou polo silencio administrativo e vía de execución adoptando as políticas de restricións e control do plan, deixando aberta unha vía de non retorno os dereitos de información e anulando calquera tipo de debate dentro dos marcos deontolóxicos da comunidade bibliotecaria", insisten.

Segundo algúns traballadores, estas medidas de seguridade van supoñer "un gasto innecesario de recursos económicos" que é máis grave "cando se están a recortar servizos e contratos fundamentais para a USC"

Así, o persoal cre que o plan foi "imposto sen unha avaliación seria e previa" e considérano unha "resposta desproporcionada" a un problema puntual de crecemento de demanda "que podería ser atendido polos propios medios da biblioteca". Segundo estes traballadores, estas medidas de seguridade van supoñer "un gasto innecesario de recursos económicos" que é máis grave "cando se están a recortar servizos e contratos fundamentais para a USC". "É unha grave inoperancia dos directivos da Biblioteca Universitaria e da propia USC na xestión dos problemas e dos recursos cos que conta para enfrontalos", rematan. O servizo de biblioteca xa puxo en marcha o programa de activación das tarxetas universitarias, que será o que identifique os usuarios como membros da USC á hora de acceder ás instalacións.

A súa posición non é compartida por todos os traballadores desta biblioteca, e de feito son moitos os que ven con bos ollos a medida, que -aseguran- busca garantir os dereitos dos usuarios da biblioteca

Porén, a súa posición non é compartida por todos os traballadores desta biblioteca, e de feito son moitos os que ven con bos ollos a medida, que -aseguran- busca garantir os dereitos dos usuarios da biblioteca: "se non houbera problemas con que os usuarios recollidos no regulamento non poden exercer o seu dereito a ter os servizos que a biblioteca lle debe proporcionar, ningún deles pediría medidas para evitar que eses deritos non poidan ser disfrutados porque outros cidadáns ocupan os postos de lectura" .

"Iso impide que estes outros cidadáns poidan asistir ás bibliotecas universitarias?", engade estoutro grupo de traballadores, "non, tan só a aquela que está saturada, a Biblioteca Concepción Arenal. Isto é problemático cando só ésta, na parte sur da cidade, abre pola noite ou en fin de semana". Este colectivo si se amosa critico co uso das cámaras de vixilancia, "innecesarias e que poden ser unha limitación ao exercicio de libertades, e que por parte da dirección da Biblioteca Concepción Arenal estase a dar a batalla diante dos responsables de seguridade da USC para que se limite o máis posible o seu uso".

Tornos instalados na Biblioteca Concepción Arenal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.