O local social da comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro (Poio) foi espazo de debate sobre a situación actual do mundo rural, as políticas neoliberais que inciden nel e as propostas conxuntas de cambio cara ao futuro, nunhas xornadas organizadas por ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM, ás que asistiron ao redor de 200 persoas. O acto pechouse coa sinatura da Alianza por un medio rural galego vivo, que queda aberta a adhesións doutras entidades que traballen a prol da reactivación do rural.
Fronte ao 70% da poboación que nos anos 50 traballaba no sector agrario en Galicia, hoxe en día representa só o 5,7% da poboación galega
A conferencia inaugural correspondeu á profesora de Economía Aplicada da USC, Mar Pérez Fra, que foi a encargada de facer un repaso pola historia de desagrarización do rural desde o ano 1950 até a actualidade. Fronte ao 70% da poboación que nos anos 50 traballaba no sector agrario en Galicia, hoxe en día representa só o 5,7% da poboación galega. Segundo Pérez Fra, isto débese á rapidez (en só 50 anos) e á intensidade do cambio de modelo por mor da crecente integración mercantil e da tecnoloxía produtiva no rural que obrigou a resistir fortes déficits das explotacións, cambios nos usos das terras e que, en moitos casos, levou ao abandono. Pero ademais, dixo a profesora, puxéronse límites ao desenvolvemento doutras actividades no medio rural e á transformación dos produtos no país. A cuestión que agora queda por resolver, dixo Pérez Fra, é a de que facer cos territorios abandonados.
"Multifuncional e sustentable"
A seguir celebrouse unha mesa redonda sobre Un medio rural multifuncional e sustentábel. Manuel Da Cal Vasques, como representante da FRUGA, falou da nova proposta da Comisión Europea para a Política Agraria Común (2014-2020), a cal está dirixida a que “as industrias multinacionais europeas poidan ser competitivas no mercado mundial baixando os prezos dos produtos agrarios”. Seguindo este enfoque, “continuista” segundo Da Cal, Galicia sae moi prexudicada e non se ve defendida polo goberno autonómico. Pediulle á Xunta que esta interveña fronte a Comisión Europea a favor dos activos agrarios, para garantir unha calidade de vida mínima para os habitantes do rural e para acadar prezos xustos para o sector produtor.
Para crear emprego e conseguir fixar poboación no rural, a CIG avoga por impulsar mecanismos que acaden o peche do ciclo produtivo, polo cal se poderían xear 30.000 postos de traballo directo
Por outra parte, Anxo Pérez Carballo, secretario de Medio ambiente da CIG, manifestou a súa crenza en que o despoboamento do rural é “un proceso friamente calculado e de destrución” para deixar “campo libre” á intervención do capital privado. Apuntou responsabilidades cara ao actual goberno por promover instrumentos lexislativos que pretenden desregularizar o medio rural (Lei de Montes, Lei de Caza, modificación da Lei de prevención de incendios, etc.) e presentar o territorio galego como unha oportunidade de negocio.
Para crear emprego e conseguir fixar poboación no rural, a CIG avoga por impulsar mecanismos que acaden o peche do ciclo produtivo, polo cal se poderían xear 30.000 postos de traballo directos; crear unha marca galega de calidade que aglutine as xa existentes; adquirir beneficios fiscais ou económicos polo efecto sumidoiro de CO2 dos nosos montes; impulsar a contratación directa de persoas por parte das comunidades de montes veciñais ou mudar a política da vivenda para favorecer o acceso da xente nova aos núcleos rurais.
Bruña cre que un futuro vivo do rural sostense na planificación territorial coa participación das persoas que viven nel, na ordenación regulada do territorio atendendo ás súas potencialidades diversas (non “deixar facer”) e equilibrando a distribución da riqueza
Xabier Bruña, vogal de medio rural de ADEGA, destacou a importancia que todas as políticas promovidas no medio rural teñen para o medio natural e as políticas de conservación, cualificadas como “carentes de xestión, sectoriais e impositivas”. Manifestou que a intervención dos mercados no rural e a política do “deixar facer”, promovidas pola Administración, acabarán expulsando as persoas que quedan do rural coas conseguintes problemáticas que o abandono xera (desde outono arderon 16.000 hectáreas só en espazos naturais). Bruña cre que un futuro vivo do rural sostense na planificación territorial coa participación das persoas que viven nel, na ordenación regulada do territorio atendendo ás súas potencialidades diversas (non “deixar facer”) e equilibrando a distribución da riqueza.
Por parte das comunidades veciñais de montes en man común interveu Xosé Carlos Morgade, que asegurou que a única forma de evitar a mercantilización dos montes e a ocupación destes polas multinacionais é a de manter os esquemas tradicionais da xestión comunitaria: que os veciños sigan sendo os posuidores do monte e que sexan os únicos que poidan decidir sobre a súa xestión baseada na produción vencellada á economía local, na creación de emprego, na xestión sostíbel e no traballo en rede.
Aprender da experiencia
Armando Carbalho e Pedro Gomes, membros da da Federaçao Nacional de Baldios (montes comunais) de Portugal, presentaron as súas experiencias nos Baldios de Ansiães e Vilarinho amosaron a situación actual do rural portugués no marco da política agraria común, nun contexto no que Portugal perdeu a metade da súa poboación agraria en tan só 20 anos. Carbalho animou a que Galicia e Portugal, con panoramas de desagrarización moi similares e nas que aínda persisten as explotacións familiares, promovan accións conxuntas cara a un medio rural vivo.
Carbalho animou a que Galicia e Portugal, con panoramas de desagrarización moi similares e nas que aínda persisten as explotacións familiares, promovan accións conxuntas cara a un medio rural vivo
Nuria Llabrés, do grupo ecoloxista GOB de Menorca amosou a custodia agraria como ferramenta de conservación de biodiversidade compatíbel coa rendibilidade do sector agrícola e fronte o abandono do campo. Destacou todas as externalidades positivas que os palleses ou agricultores xeran coa súa actividades na zona: manteñen a paisaxe, coidan a biodiversidade animal e vexetal, a auga, o osíxeno, a fertilidade do solo, crean espazo para o ocio e o turismo e preservan o patrimonio histórico e cultural, arquitectónico, o coñecemento tradicional, a saúde, e a estrutura territorial.
O soriano Ramón Martín, experto en cooperativismo, apuntou cara a estoutra forma de xestión conxunta como instrumento contra o abandono do rural
O soriano Ramón Martín, experto en cooperativismo, apuntou cara a estoutra forma de xestión conxunta como instrumento contra o abandono do rural. Puxo como exemplo o caso de Duruelo de la Sierra onde se constituíron varias cooperativas dedicadas á produción de madeira e á súa transformación nas que os cooperativistas perciben a mesma retribución económica, independentemente da súa función dentro da comunidade. Por último, Pilar Vispo, labrega de Camanzo (Vila de Cruces, Pontevedra), expuxo a súa experiencia particular de reconversión da súa explotación leiteira nunha explotación de carne e de horta ecolóxica.