A Valedora do Pobo desvela os erros e demoras de Medio Rural e lémbralle que debe actuar con “eficacia” e “celeridade” como lle esixe a Constitución
O 2 de maio de 2019 unha persoa presentou unha denuncia ante a Xunta por unha plantación ilegal de eucaliptos en Vilasantar. A Consellería de Medio Rural admite que efectivamente é unha plantación ilegal, pero máis de tres anos e medio despois non foi quen de levantar as árbores tras un longo proceso de erros e demoras pola súa banda que vén de recibir a reprobación da Valedora do Pobo, que lembra ao Goberno galego que debe actuar con “eficacia” e “celeridade” como lle esixe a Constitución Española.
Segundo o relato dos feitos que fai a Valedora do Pobo, a denuncia inicial da plantación ilegal por parte dunha persoa particular foi formulada o 2 de maio de 2019. O servizo de Montes da Consellería de Medio Rural non levantou acta sobre o denunciado ata dous meses despois, o 4 de xullo, e o que dixo nela foi que a plantación non incumpría a normativa e arquivou a denuncia.
A persoa denunciante tivo que reclamar nova información á consellería sobre o uso autorizado na parcela, que era prado, para que esta realizase unha nova inspección e admitise finalmente que a plantación era ilegal e que “houbo un erro de apreciación na primeira acta de inspección”.
A segunda acta constatando a ilegalidade foi levantada o 13 de agosto de 2019, pero Medio Rural non notificou ao propietario da parcela que tiña que levantar a plantación ata 15 meses máis tarde, o 30 de novembro de 2020. Segundo a argumentación da consellería, esa demora é habitual segundo os meses do ano en que se detecten as infraccións porque “para evitar actuacións de corta nos meses de máximo risco de incendio, todos os requirimentos se remiten entre novembro e marzo, remitíndose no ano 2020 os correspondentes ao ano 2019 ao acumularse moitos e ter certo atraso”.
A Xunta considerou os feitos unha infracción "grave", pero co argumento de evitar a época de risco de incendios tardou 15 meses en pedirlle ao propietario que levantase as árbores, e despois outros 9 meses en sancionalo cando non contestou
O propietario da parcela non contestou ao requirimento para que levantase el mesmo a plantación e tres meses despois, o 18 de febreiro de 2021, a Xunta iniciou un procedemento sancionador “pola comisión dunha infracción administrativa grave”. Pero non foi ata o 15 de novembro dese ano, nove meses máis tarde, e tras varios escritos previos da persoa denunciante instando á Xunta a actuar dunha vez, que o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, ditou resolución sancionadora. Porén, ao tempo comunicou á persoa denunciante que non a informaría das actuacións levadas a cabo porque non a consideraba como parte “interesada" no dito procedemento por non ser “titular de dereitos, nin de intereses lexítimos” no mesmo.
Ante esa indefensión a persoa denunciante presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo, que pediu explicacións a Medio Rural. A Consellería respondeu que a sanción do seu director xeral fora recorrida polo propietario da parcela, recurso que á súa vez está pendente de resolverse por parte da propia Consellería.
A Valedora di que “á vista da dilatación na tramitación deste procedemento, convén recordar aquí a obrigatoriedade das administracións públicas de dar resposta as peticións e cuestións que lle presenten os cidadáns nun prazo prudencial”
A Valedora do Pobo, tras comprobar os feitos denunciados, vén de emitir un “recordatorio de deberes legais” dirixido á Consellería do Medio Rural. Nel di que “á vista da dilatación na tramitación deste procedemento, convén recordar aquí a obrigatoriedade das administracións públicas de dar resposta as peticións e cuestións que lle presenten os cidadáns nun prazo prudencial”. E lembra a Medio Rural “que na tramitación dos expedientes deberá actuar de acordo cos principios de eficacia, economía e celeridade establecidos no artigo 103 da Constitución estando obrigado a ditar resolución expresa nos prazos legalmente establecidos”.