Medio Ambiente tomba a plantación de eucaliptos de 543 hectáreas prevista en terreos de Endesa nas Pontes

Zona da plantación de eucaliptos, co lago artificial da antiga mina das Pontes ao fondo, nunha imaxe do proxecto © Xesforest Ingeniería

O proxecto “non é compatible cos valores naturais da contorna”, saltaría a moratoria de novas plantacións en vigor ata 2026 e facilitaría “a expansión do fogo en caso de incendio”

A plantación de 543 hectáreas de eucaliptos (210 reforestadas e 333 forestadas) que a empresa Plafor SA viña tramitando en terreos propiedade de Endesa xunto ao lago artificial das Pontes vén de recibir unha declaración de impacto ambiental negativa por parte da Consellería de Medio Ambiente. Os seus “previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente” e o incumprimento da moratoria de novas plantacións ata o 31 de decembro de 2025 son os motivos que tomban un proxecto que tamén podería ter efectos sobre o patrimonio cultural e facilitar “a expansión do fogo en caso de incendio”.

En vermello os terreos de Endesa nas Pontes nos que se quería realizar a plantación de eucaliptos, fundamentalmente ao norte do lago artificial da antiga mina © Xesforest Ingeniería

Segundo a declaración de impacto ambiental negativa feita pública este luns, “o proxecto interfire coa Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia”, na que se fixou unha prohibición temporal ata o 31 de decembro de 2025 de novas plantacións de eucaliptos en terreos nos que ata agora non houbese esa especie. A zona afectada está ocupada fundamentalmente por piñeirais e matogueiras en parte conformadas por especies vexetais protexidas, con hábitats prioritarios para a UE como os queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix.

A avaliación ambiental critica que o proxecto “non identifica as superficies cubertas por hábitats prioritarios de interese comunitario, onde as repoboacións serían incompatibles”

“Non parece que a repoboación proxectada encaixe entre os supostos permitidos ou autorizables” pola moratoria de novas plantacións, considerou na súa avaliación do proxecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que engadiu que “as novas masas de eucalipto non parece que teñan consonancia co obxectivo da norma”. 

Ese mesmo departamento criticou que o proxecto “non identifica as superficies cubertas por hábitats prioritarios de interese comunitario, onde as repoboacións serían incompatibles”, non fixo “un inventario de campo serio” para identificar as especies de flora e fauna presentes e “non se fixo un estudo adecuado para valorar a perda da biodiversidade que se vai xerar pola plantación de case 550 hectáreas de Eucalyptus nitens”. Por todo iso ese departamento considerou que o proxecto “non é compatible coa preservación dos valores naturais da contorna”.

Declaración de impacto ambiental negativa da plantación de eucaliptos que se tramitaba xunto ao lago das Pontes CC-BY-SA Praza Pública

O proxecto tamén recibiu consideracións negativas por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que criticou os insuficientes estudos sobre o impacto que a plantación tería sobre diversos bens inventariados, como varias mámoas. Mesmo reclamou “unha avaliación do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural asinada por unha persoa con competencias técnicas”.

Con todos os informes sectoriais e alegacións recibidos o departamento de Avaliación Ambiental da Xunta concluíu que a plantación “pode afectar os hábitats presentes na zona e polo tanto a fauna e flora local, podendo modificar a dinámica do ecosistema actual”. Tamén considera que “o xénero Eucalyptus favorece a acumulación de follas que conteñen aceites que promoven en maior medida a expansión do fogo en caso de incendio que outras especies autóctonas, polo que non semella a mellor opción para plantar nos montes da comunidade”. “Se ben este é un elemento a ter en conta, a inflamabilidade dunha masa forestal tamén depende en gran medida da súa estrutura e da xestión da mesma”, matiza.

Descrición do proxecto de plantación de eucaliptos nas Pontes © Xesforest Ingeniería

A plantación tiña como obxectivo declarado "maximizar o rendemento económico" e situaríase en parte en terreos nos que Reganosa quere construír un encoro

Todas esas consideracións, engadidas ao feito de que o proxecto incumpriría a moratoria de novas plantacións, levan á Consellería de Medio Ambiente a concluír que “non sendo posible levar a cabo o proxecto por non ser compatible coa preservación dos valores naturais da contorna, procede finalizar o procedemento e o arquivo das actuacións”.

O proxecto agora tombado por Medio Ambiente tiña como obxectivo declarado por parte da empresa promotora, que alugaría o terreo a Endesa, “maximizar o rendemento económico” e situaríase en parte en espazos que Reganosa quere empregar para construír un novo encoro de produción hidroeléctrica por bombeo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.