Medio Rural critica a Augas de Galicia que considere a árbore un “problema” e lembra que é unha das de “maior importancia forestal”, no que supón unha nova disparidade de opinións entre os dous departamentos
O pasado ano, durante a elaboración por parte da Consellería de Medio Rural do novo plan forestal para o período 2021-40, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente ditoulle correccións pedíndolle máis “ambición” na redución de plantacións de eucalipto. O plan finalmente estableceu a previsión de ata un 3% máis de eucaliptos ata 2025 coa promesa de reducilos despois nun 5% para 2040.
Agora, na tramitación por parte de Augas de Galicia, dependente de Infraestruturas, do novo plan de xestión de risco de inundación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa para o período 2021-27, ese departamento considerou o eucalipto como “especie exótica invasora” con posibles efectos sobre os ríos. E a alegación que recibiu da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal de Medio Rural foi a de amosar a súa “preocupación” por que Augas se refira a esa especie como un “problema” e lembrar que é unha das de “maior importancia forestal”.
O anterior plan de xestión do risco de inundación na demarcación Galicia-Costa para o período 2015-21 non incluía referencias ao eucalipto como especie invasora. Pero no novo plan, aínda pendente de aprobación definitiva, o seu estudo ambiental estratéxico, un dos diversos documentos cos que se avalían os posibles efectos positivos ou negativos de calquera tipo de plan con impacto sobre o territorio para potencialos ou corrixilos, sinálase que “Augas de Galicia identificou”, entre varios tipos de problemas ambientais “relevantes”, “a introdución de especies exóticas invasoras”. [Unha investigación galega acredita como os eucaliptos diminúen a biodiversidade nas beiras dos regatos].
Ese estudo ambiental estratéxico sinala que Augas tivo en conta o catálogo estatal de especies exóticas invasoras, e sinala que “os ecosistemas acuáticos e a vexetación de ribeira vense especialmente afectados pola introdución destas especies”, entre as que inclúe o Eucaliptus globulus. Ningunha referencia similar facía o estudo ambiental estratéxico do anterior plan 2015-21, e de feito o catálogo estatal no que di basearse Augas de Galicia non inclúe ningunha especie de eucalipto. Mesmo hai unha sentenza xudicial en contra da inclusión do eucalipto nese catálogo solicitada sen éxito polo Concello de Teo hai uns anos, un proceso no que o Ministerio de Medio Ambiente rexeitou esa petición malia a opinión en contra do seu comité científico asesor que si recomendaba consideralo invasor. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid avalou a decisión do ministerio co argumento de que recibira informes contraditorios.
Agora nesa contradición incide Augas de Galicia ao si considerar o Eucaliptus globulus como especie exótica invasora. Pero a resposta que obtivo de Medio Rural foi a de sinalarlle que esta “é unha das especies de maior importancia forestal galega” e amosar a súa “preocupación ao referirse a esta especie como un “problema” porque podería dar lugar a que nun futuro se impuxesen restricións ao seu uso ou á execución de tratamentos silvícolas ou aproveitamentos”.
Esas consideracións sobre o documento de Augas de Galicia que fai Medio Rural, que si inclúe restricións ao eucalipto no seu propio plan forestal, están recollidas na avaliación que fai de todas as alegacións recibidas outro departamento de Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental. A súa declaración ambiental estratéxica, documento emitido o pasado 22 de febreiro co que establece cales consideracións das moitas alegadas por diversos departamentos deben ser tidas en conta antes de aprobar definitivamente o plan de Augas e durante a súa execución, non entra expresamente nesa cuestión.
O plan de inundacións que finalmente aprobe Augas de Galicia deberá ter en conta "actuacións que se desenvolvan máis alá dos 5 mentros da canle e que poidan afectar á funcionalidade do bosque de ribeira" xa que "especies con altos requirimentos hídricos poden afectar aos niveis freáticos e ás zonas húmidas lindeiras"
Medio Ambiente limítase a indicar que no plan definitivo de Augas “será necesario considerar criterios adicionais en relación ás actuacións que se desenvolvan máis alá dos 5 mentros da canle e que poidan afectar á funcionalidade do bosque de ribeira. Por exemplo, as plantacións poden asombrar o bosque de ribeira, afectando ao seu desenvolvemento e estrutura. Ademais, actuacións de subsolado, sangrado ou plantación de especies con altos requirimentos hídricos poden afectar aos niveis freáticos e ás zonas húmidas lindeiras coa canle ou ao sistema radicular das árbores de ribeira”. O documento tamén sinala que “o desenvolvemento e concreción das actuacións e medidas contempladas no plan así como as actuacións concretas que deriven do mesmo deberán ser acordes coa normativa e aos plans de xestión aplicables aos elementos do patrimonio natural”.
Finalmente Medio Ambiente considera “ambientalmente viable” o plan de xestión do risco de inundación de Augas de Galicia pero ditándolle a obriga de incorporar antes da súa aprobación definitiva un “extracto” no que se indique expresamente “de que maneira se integraron no plan os aspectos ambientais” e “como se tomou en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico [o que identificaba o eucalipto como invasor], os resultados da información pública e das consultas [entre as que estaba a defensa de Medio Rural de que non é invasor] así como, cando proceda, as discrepancias que puidesen xurdir no proceso”.