Son ricos e quéreno ser moito máis. Poderían citarse no último cumio de Davos ou non, porque son a un tempo realidade e ficción. Chámanse Os solicitantes, e buscan respostas para manter o capitalismo por riba de todo, mesmo se iso implica acabar coa democracia. Este é o fío argumental do último libro de Susan George, O Informe Lugano II (Deusto), no que a politóloga e analista franco americana e presidenta de honra de Attac analiza a realidade e a motivación que hai por tras do que nos están contando da actual crise. Aos seus 79 anos, George só ten un obxectivo: que os seus lectores se decaten de que o que está a pasar é unha montaxe para que os ricos sigan gañando a batalla da loita de clases e teñan conciencia de que só coa loita na rúa é posible plantarlles cara.
"Esta vez, imos liquidar a democracia". Este é o inquietante subtítulo que vostede elixiu para o seu último libro O Informe Lugano II. Tanto mal lle fai a democracia ao grupo de multimillonarios de Davos que protagoniza o seu relato?
No meu libro hai un grupo ficticio de ricos, que eu chamo Os solicitantes, e que buscan asesoramento para consolidar os privilexios do capitalismo. Polo seu posto, a democracia é incómoda para eles. Conseguíronse demasiados avances para as clases medias nos últimos anos do século XX, un Estado do Benestar que é moi caro, moi permisivo e que non lles interesa. Non queren que os traballadores teñan tantos dereitos, non queren axudas para ninguén... O que queren é que se volva á situación de submisión que tiñan a principios do século XX polo menos.
Un resultado tan caótico como o das últimas eleccións italianas, facilita a tarefa de destruír a democracia?
Cando escribín o meu libro non tiña nin idea do que ía ocorrer en Italia. Pero a verdade é que non me sorprende. É normal que o apoio a Monti se desmorone xa que foi el quen aplicou as medidas restritivas ditadas por Europa. Que rexurda o apoio a Berlusconi pódese entender xa que a xente pode pensar que antes se estaba mellor. O problema é que o seu populismo como o de Beppe Grilo son perigosos. O nivel de corrupción e manipulación co populismo no poder é moito máis alto e iso si que é un atentado contra a democracia.
O Informe Lugano II ofrece cifras moi desacougantes a respecto do poder financeiro mundial. Por exemplo, que o mercado de derivados é moito máis grande, as axencias de rating seguen dominando a pesar dos seus fallos recoñecidos. Por que hai tanta neglixencia nas elites políticas para achegar solucións mentres seguen actuando ao ditado que marcan os mercados?
"Os banqueiros poden elixir quen é elixido e quen non"
Os banqueiros teñen moito poder. Eles poden elixir quen é elixido e quen non. Isto é moi claro nos Estados Unidos. Pero en Europa tamén temos exemplos do seu poder na sombra. O Goberno francés, por exemplo, presume de facer unha lei que separa os bancos de investimento da banca comerciante polo miúdo, que en teoría quere evitar os riscos nos que incorreu a crise de 2008. Ese texto foi sometido a debate parlamentario e convidouse aos grandes poderes financeiros a comentalo. Un dos grandes banqueiros do país, un representante de Société Générale, dixo que a lei, tal e como estaba redactada apenas o preocupaba xa que no peor dos casos afectaría ao 1% do seu negocio. É dicir, os grandes titulares en prensa enxalzarán unha nova lexislación de control á banca, pero a realidade é que seguen igual. É só mercadotecnia social. O que ocorre é que, basicamente os políticos non quere enfrontarse ao sector financeiro que é o máis poderoso da sociedade. Os políticos témenos, ou mesmo os admiran. Realmente Sarkozy admirábaos e eu creo que Obama tamén. E doutra banda, os ricos, como dicía Adam Smith,"sempre queren máis para eles e nada para os outros".
No seu primeiro informe Lugano vostede acertou coa predición de que chegaría unha crise financeira mundial. Agora, este segundo tamén advirte de que un segundo crash é posible e de ser así, si que podería acabar para sempre co capitalismo.
"Temo unha nova crise do sistema financeiro"
Temo unha nova crise do sistema financeiro. No meu libro explico que as 50 principais empresas do mundo están moi correlacionadas. Isto non é ficción se miras quen controla a quen no mundo transnacional. As máis interconectadas están no bordo de coitelo. Se a economía vai ben non pasará nada, pero se algo vai mal nalgunha delas, todas caerán como un dominó. Ademais, 48 desas compañías son grandes entidades financeiras. Isto significa que si, que un novo Lehman Brothers é posible, porque ninguén tras o anterior crash foi capaz de pór ao sistema financeiro baixo control.
Vostede pasouse anos liderando a reivindicación dunha Taxa Tobin para as finanzas. Que opina da aprobada agora pola Unión Europea?
É un triunfo e unha derrota ao mesmo tempo. É unha vitoria porque por fin aceptaron, algo que nos negaron unha e outra vez, que é posible taxar as transaccións financeiras. Pero o problema é o que van facer co diñeiro. As nosas reivindicacións de que fose destinado a axudas ao terceiro mundo e aos necesitados das nosas sociedades non foron escoitadas e o máis probable é que todo o recadado, que será ao redor duns 35.000 millóns de euros, vaia directamente ao orzamento dos países. E iso é unha derrota.
Insiste no seu libro en dicir que é mentira a afirmación tantas veces repetida de que "vivimos por riba das nosas posibilidades". Tan parvos somos os cidadáns como para que a maioría interiorizase esa culpa como real e verdadeira?
A propaganda institucional é moi potente. Se che están lanzando esa mensaxe insistentemente un día tras outro e en todos os lugares, acabas crendo que é verdade. Os argumentos para desmontalo non teñen a mesma difusión, moita xente descoñéceos. A situación extrema que estamos a vivir é pola crise que provocaron os banqueiros non polo que fixo o pobo.
Unha parte do pobo si se deu conta e saíu a protestar á rúa. Estas protestas inquietan moito aos seus ricos de Davos, aínda que no fondo están tranquilos porque ven que os cidadáns non conseguen unirse o suficiente. Están a perder potencia movementos como o 15M?
"Gustaríame ver os indignados de toda Europa unidos cos sindicatos para faceren protestas a nivel internacional"
O pobo ten que loitar, reaccionar fronte ás agresións. Estes movementos sociais son a maior preocupación dos multimillonarios que queren manter o capitalismo máis extremo custe o que custe. Pero os indignados teñen que saber que a loita só nos seus propios países ou polos seus propios intereses non é suficiente. Non é suficiente loitar ante Rajoy ou ante Silvio Berlusconi. Porque no mellor dos casos poderían gañarlles a eles, pero iso agora no contexto europeo non significa nada. O poder está no BCE, no FMI. Nin Rajoy nin François Hollande poden facer fronte a eses poderes supranacionais. Tampouco as feministas, os ecoloxistas, os homosexuais por si sós teñen moito que facer. O que máis me gustaría é ver como os movementos dos indignados de toda Europa se unen cos sindicatos de toda Europa para facer protestas a nivel internacional. Ese é o poder do pobo.
Unha cousa sorprendeume moito do seu libro. O grupo de Davos avoga por manter aos activistas protestando en internet, mentres se lles manteña lonxe das rúas. Non é internet a mellor canle para organizarse socialmente?
"A revolución non está na web, está na rúa"
Internet é unha ferramenta estupenda, pero non é o lugar onde ten que levar a cabo a revolución. A revolución non está na web, está na rúa, con lobbys que planten cara aos lobbys dos ricos nas mesmas condicións, cunha boa definición dos obxectivos que se queren conseguir e unha boa estratexia de unión para chegar a todos eles. Internet pódese utilizar para facilitar a información e a documentación que a xente necesita para formase e a apoiar a loita na rúa, pero a protesta só en web non ten potencia.