Un preso da Lama suma 55 días de folga de fame en defensa dos dereitos dos reclusos

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

Javier Guerrero Carvajal é un mozo gaditano de 33 anos, preso no cárcere da Lama. Leva 55 días en folga de fame, dende o pasado 11 de decembro, reivindicando o cumprimento do Regulamento Penitenciario e o respecto aos dereitos dos reclusos. A orixe da súa protesta está, entre outros motivos, nos atrasos que -denuncia- decote se producen nos procedementos xudiciais pola falta de persoal e medios na prisión e nos xulgados. Estes atrasos provocaron que se adiase dende o pasado mes de maio unha posible revisión de grao.

Guerrero perdeu xa máis de vinte quilos e dende a Comisión de Dereitos Humanos de Avogados Novos de Vigo advirten que continuará coa súa protesta ata que non se resolva a súa situación. "Somos conscientes do colapso nos distintos órganos da administración de xustiza, mais esta dilación non pode rematar coa vida dun home que está terminando de cumprir a súa pena", sinalan Raúl López Izquierdo e Sheila Fernández Míguez, integrantes da Comisión de Dereitos Humanos deste colectivo de avogados.

"Somos conscientes do colapso nos distintos órganos da administración de xustiza, mais esta dilación non pode rematar coa vida dun home que está terminando de cumprir a súa pena"

O pasado 8 de maio Guerrero, que xa cumpriu dúas terceiras partes da súa condena, tivo unha revisión de grao, na que a Xunta de Tratamento propuxo o mantemento do seu actual grao, negándolle o acceso ao terceiro, pero concedéndolle o traslado a prisión de Sevilla. A decisión foille notificada ao preso, ao director do penal, que lle deu aval á proposta da Xunta de Tratamento, e foi enviada a Madrid ao Centro Directivo de Institucións Penitenciarias, que confirmou a proposta, de novo remitida ao preso para que puidese recorrela ante Vixilancia Penitenciaria. Todo este procedemento adiouse tanto que chegou a solaparse coa seguinte revisión de grao, en novembro, o que levou ao xuíz de Vixilancia Penitenciaria de Pontevedra a arquivar o primeiro proceso, pois o criterio é non ter abertos simultaneamente dous recursos do mesmo preso sobre a revisión de grao.

Todo este proceso adiouse tanto que chegou a solaparse coa seguinte revisión de grao, seis meses despois, o que levou ao xuíz de Vixilancia Penitenciaria de Pontevedra a arquivar o primeiro recurso

Avogados Novos denuncia que a decisión vulnerou "o dereito de Javier a unha tutela xudicial efectiva, sobre todo en cuestións de tanta relevancia como son a revisión de grao, que implica posta en liberdade e traslados, cuestións fundamentais na vida da persoa". "Estas dilacións aumentan a sensación de inseguridade e impotencia da persoa presa e a situación de indefensión agrávase", engaden.

Durante os 55 días que Guerrero leva sen comer, realizou tamén dúas folgas de sede, unha do 3 ao 7 de xaneiro, que tivo que interromper por chegar a unha situación de risco vital, e unha segunda que iniciou o día 16 de xaneiro e que interrumpiu o día 18 por presentar problemas renais. O 5 de xaneiro tivo que ser ingresado no Hospital Provincial de Pontevedra debido á súa delicada situación de saúde. Na actualidade, salientan os seus avogados, "carece de electrólitos, de proteínas, de glóbulos brancos, non lle funcionan os riles, está a piques do paro cardíaco e de sufrir trombos. O pasado 23 de xaneiro foi intervido do ril dereito e instalóuselle un catéter; a raíz da intervención ten inflamada a perna esquerda".

O recluso, casado e cunha filla de cinco anos, solicita o acceso ao terceiro grao e que se compute toda a súa estadía en prisión, que se teñan en conta os bos informes psicolóxicos e do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria, e que se valoren informes médicos e as citas e tratamentos programados.

 

Outras denuncias de vulneración de dereitos

Durante os 55 días que Guerrero leva sen comer, realizou tamén dúas folgas de sede

Ademais do prexuízo sufrido polo recluso por mor dos atrasos nos procedementos xudiciais, Javier Guerrero denuncia outras situacións relacionadas coa vulneración dos dereitos e garantías vinculadas ás prestacións sanitarias. En concreto, dende Avogados Novos explican que Guerrero, que sofre fibromialxia, tiña unha cirurxía dixestiva non de urxencia programada para o 16 decembro, que lle fora comunicada á dirección do cárcere "con tempo suficiente para programar o traslado, xa que a mesma estivo suxeita ás listas de espera do SERGAS". Porén, o centro penitenciario da Lama non realizou o traslado do preso ao hospital de Pontevedra, alegando que non tiña ningunha patrulla da garda civil dispoñible ese día, impedindo a realización da intervención cirúrxica programada. Noutra ocasión, a dirección da prisión denegoulle o permiso para acudir a unha cita co seu médico para recibir o seu tratamento.

Para os avogados, este é un exemplo máis das "evidentes dificultades" que as persoas privadas de liberdade teñen para acceder á sanidade

Para Raúl López Izquierdo e Sheila Fernández Míguez, este é un exemplo máis das "evidentes dificultades" que as persoas privadas de liberdade teñen para acceder á sanidade. "A sanidade penitenciaria segue sen estar dentro do sistema nacional de saúde e continúan as competencias sen estar transferidas ás comunidades. Como consecuencia, o persoal sanitario non ten acceso ao expediente de saúde da persoa presa", comentan. "A isto temos que engadir traslados de prisión que non teñen en conta os tratamentos sanitarios" e "a perda das citas sanitarias externas, mesmo as intervencións cirúrxicas", como pode suceder neste caso se Guerrero é trasladado a Sevilla, pois "un traslado implica o inicio de todo o proceso nun novo centro sanitario".

 

"Regras ao arbitrio dos funcionarios"

Raúl López Izquierdo e Sheila Fernández Míguez denuncian que "non existe un trato igualitario dentro do cárcere para persoas internas"

Raúl López Izquierdo e Sheila Fernández Míguez denuncian que "non existe un trato igualitario dentro da cárcere para persoas internas" e que "en moitas ocasións non é respectado o Regulamento Penitenciario por parte da administración, ficando ás veces as regras ao arbitrio dos funcionarios, o que provoca unha constante sensación de inseguridade nas persoas internas e no traballo das avogadas e avogados". Lembran que, a maiores, cada prisión ten as súas propias normas internas, o que "atenta contra o principio da seguridade xurídica".

"O peor é que este tipo de situacións non só as sufre Javier Guerrero, hai moito máis reclusos na Lama e noutras cadeas que están sufrindo os mesmos problemas", sinala Raúl López Izquierdo. Durante o verán outro preso levou a cabo unha folga de fame para esixir que se respectasen os dereitos dos reclusos. "Non é un caso illado, a situación é moi difícil e é por iso que Javier está arriscando a súa vida desta maneira", di.

"Temos que conseguir que a poboación reclusa goce de todos os dereitos fundamentais", pois "contribuír coa efectiva reinserción das persoas encarceradas é o piar fundamental da execución das penas", din. "Desde que iniciamos a asistencia xurídica a Javier Guerrero Carvajal, vemos como por parte da administración penitenciaria se dificulta todo o posible o traballo do avogado, establecendo trabas na realización de peritaxes, na obtención e admisión de probas, dilacións e erros na información ao interno sobre o seu expediente penitenciario, e mesmo a denegación no acceso ao mesmo para o avogado", critican.

Conclúen que "debera ser entendida como unha obriga para todas aquelas persoas que conformamos o sistema de xustiza, denunciar e corrixir as irregularidades da administración das penas"

Conclúen que "debera ser entendida como unha obriga para todas aquelas persoas que conformamos o sistema de xustiza, denunciar e corrixir as irregularidades da administración das penas". "Somos garantes do efectivo cumprimento dos dereitos humanos e da correcta aplicación e desenvolvemento da lexislación, e por este motivo debemos facerlles fronte ás vulneracións de dereitos e tremendas inxustizas que crean, ás anomalías e insuficiencias do sistema penitenciario", conclúen. 

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.