Un proxecto para protexer "o patrimonio tanxible e o intanxible" de Benposta

As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común

Esta fin de semana presentouse en Ourense Tod@s somos Benposta, un proxecto impulsado polo colectivo cidadán Asamblea Aberta Benposta que busca a recuperación deste espazo para o ben común, evitando a privatización e protexendo un legado simbólico que, defenden, constitúe un patrimonio de todos os ourensáns e ourensás. Trátase dun proxecto integral, que incluiría a realización de iniciativas socio-culturais e artísticas, coma obradoiros, un albergue, ou a recuperación e reactivación da emisora de radio e televisión que funcionou durante un tempo. Así mesmo, procúrase a protección dos terreos a través do seu aproveitamento como espazo para vivenda social (tras unha rehabilitación dos edificios e mediante alugueiro social), previa catalogación e inventario de todos os bens inmobles e dos materiais alí depositados.

Sinalan que "Benposta e o Circo Los Muchachos son unha referencia internacionalista pola que se coñecen Ourense e Galiza" en todo o planeta. E lembran, igualmente, que foi aquí "onde estivo ubicada a primeira escola de Imaxe e Son de Galicia" ou que nestes terreos "se reuniron libremente grupos políticos galegos que na Ditadura franquista estaban dentro da ilegalidade". Subliñan que Benposta "foi un exemplo de multiculturalidade e convivencia pacífica" e que se levou a cabo un ensino "de convivencia mixta entre nenos e nenas nunha época na que a escola estaba dividida por sexos".

O proxecto, explican, "xira en torno a unha ampla variedade de principios como: xustiza social, ecoloxismo, solidariedade, igualdade, apoio mutuo, sustentabilidade, feminismo, cooperativismo, fraternidade e non discriminación" e quere protexer "o patrimonio tanxible e o intanxible" de Benposta. Os seus promotores buscan apoio e a participación da cidadanía e fan un chamamento a plataformas, asociacións e partidos políticos a sumarse a el.

A Seguridade Social emitiu xa o certificado de adxudicación dos terreos á empresa Alfer, a única que presentou unha oferta á poxa, duns 412.000 euros, unha cifra moi inferior ao prezo inicial en que estaban taxados. Porén, a Asemblea Aberta Benposta defende que a oferta presentada por Alfer non cumpriu os requisitos esixidos ao non ofrecer cando menos o cincuenta por cento do valor de taxación esixido por aplicación dos artigos 670 e 671 da Lei de Enxuizamento Civil e que, ademais, é vivenda habitual para unhas vintecinco persoas.

Hai tres semanas PSdeG-PSOE e Ourense en Común (OUeC) presentaron no pleno municipal unha moción que demanda incluír Benposta: Cidade dos Muchachos no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, actualizando ao tempo o Catálogo do PXOM coa limitación dos usos urbanísticos permitidos e a creación dunha área de protección. Porén, PP e Democracia Ourensana (que se abstivo) negáronse a apoiar esta protección.

 

As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común
As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.