Un proxecto urbanístico ameaza a Torre de Hércules

Área próxima á Torre que seria urbanizada Dominio Público Praza Pública

O plan do Goberno municipal da Coruña para construir unha serie de urbanizacións no entorno da Torre de Hércules pode poñer en risco as súas figuras de protección e poderia significar a perda da súa consideración como Patrimonio da Humanidade. A Asociación de Veciños Atocha-Monte Alto-Torre de Hércules e o Instituto de Estudos “Torre de Hércules” denuncian a situación e esixen que a UNESCO conceda un permiso expreso para realizar estas construcións.

O PXOM de 2009 incluía unha área de aproveitamento urbanístico (Agra de Santo Amaro) a carón do Faro. En 2010 a Xunta revisou o PXOM e prohibiu expresamente toda construción nesta zona búffer da Torre, o que foi acatado polo daquela goberno municipal de PSOE e BNG. O novo goberno municipal do Partido Popular retomou en 2011 a tramitación do PXOM inconcluso por parte do anterior goberno e, ante a posibilidade dunha indemnización millonaria con motivo das reclamacións xudiciais dos construtores afectados pola anulación de licenzas urbanísticas do anterior goberno municipal, contemplou no novo PXOM a posibilidade de construír no Agra de Santo Amaro e amplía ademais a outras áreas da zona búffer como é o caso do barrio de Adormideiras.

Esta proposta urbanística do novo PXOM goza, esta vez si, co beneplácito do goberno autonómico da Xunta de Galicia, pese a que amplía a área a urbanizar

As construcións previstas serían un amplo aparcadoiro e zonas comerciais aproveitando o desnivel do terreo na Agra de Santo Amaro e 333 novas vivendas no xardín vertical existente na praza do Galatea. Esta proposta urbanística do novo PXOM goza, esta vez si, co beneplácito do goberno autonómico da Xunta de Galicia, pese a que amplía a área a urbanizar.

A Asociación de Veciños Atocha-Monte Alto-Torre de Hércules e o Instituto de Estudos “Torre de Hércules” denuncian que o proxecto "vai afectar gravemente á paisaxe en torno á Torre de Hércules pola eliminación dunha amplísima zona verde para o seu acondicionamento como aparcadoiro e zonas comerciais, así como a eliminación dun fermoso xardín vertical duns 15 metros de alto por máis de 100 metros de longo". E sobre todo alertan de que supón "un gravísimo ataque ao patrimonio cultural que a Unesco recoñeceu á Torre de Hércules".

Alertan de que supón "un gravísimo ataque ao patrimonio cultural que a Unesco lle recoñeceu á Torre de Hércules"

Lembran que a cidade alemá de Dresde perdeu en 2009 a súa denominación de monumento Patrimonio da Humanidade pola construción dunha ponte, o que podería repetirse se o goberno local mantén o seu proxecto de urbanizar a contorna da Torre coa construción de novas edificacións. Por ese motivo o Instituto de Estudos “Torre de Hércules” demándalle ao Goberno municipal que non autorice a urbanización sen contar cun documento da UNESCO que diga "taxativamente" que as obras se poden realizar.

Área próxima á Torre que seria urbanizada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.