Unha acampada do persoal de SEAGA, a imaxe en San Caetano no final da campaña

Imaxe da acampada, a uns metros de San Caetano © CIG

Se alguén se achega á sede da Xunta, en San Caetano, nestes derradeiros días da campaña electoral, a imaxe que atopará será a dun amplo grupo de traballadores e traballadoras da empresa pública Seaga, acampados ás portas do edificio, en protesta polas súas condicións laborais de “absoluta precariedade” e, ademais, pola “nefasta política” en materia de prevención e extinción de lumes da Xunta. A acampada iniciouse este luns, ao remate dunha manifestación que percorreu as rúas de Compostela, e chegará ata o venres, coincidindo cos derradeiros mitins de campaña.

Os traballadores lembran que no Seaga teñen a condición de fixos discontinuos, polo que traballan tres meses e non poden acceder "ao subsidio por desemprego", a subsidios familiares e nin sequera "ás axudas de 400 euros". Estas precarias condicións de traballo levan a que moitas persoas abandonen, dificultando a opción de contar con profesionais con máis experiencia. A xente nova que entra en moitos casos descoñece o mundo forestal, o que leva aos brigadistas a alertar de que "calquera día temos unha desgraza por este motivo".

Con esta acción, o persoal de SEAGA quere tamén denunciar a política forestal do Partido Popular, así coma o actual dispositivo de extinción e loita contra os incendios. “O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”, denuncian. Demandan "un cambio" nas políticas para o medio rural e "unha nova política forestal", comezando por unificar o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores e traballadoras”.

A acampada máis recente e significativa en San Caetano foi a que realizaron os mariñeiros do cerco durante tres meses

As críticas á política forestal acompañarán a xestión do PP na Xunta ata o remate de campaña, a xeito de decorado. Non é a primeira vez que colectivos que se consideraban prexudicados pola acción do Goberno galego escollen o terreo próximo a San Caetano para realizar unha acampada de protesta. A máis recente e significativa foi a que realizaron os mariñeiros do cerco, que entre novembro e xaneiro permaneceron tres meses ás portas da sede da Xunta, ata que se chegou a un comezo de solución para o conflito que mantiñan.

 

Imaxe da acampada, a uns metros de San Caetano © CIG
Manifestación do persoal de SEAGA, este luns en Compostela © CIG
Traballadores de Seaga levaron a súa protesta ata a caravana electoral do PP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.