Unha demanda colectiva pontevedresa elimina a cláusula abusiva dunha distribuidora eléctrica

CIDE HC Energía cobrou 38 mil euros de máis CC-BY-NC-ND Martin P. Szymczak

A demanda colectiva que hai dous anos se iniciou en Pontevedra contra a distribuidora de electricidade CIDE HC Energía finalizou con éxito para os consumidores e consumidoras, obrigando o Xulgado do Mercantil número un á empresa a eliminar unha cláusula abusiva dos seus contratos, pola que cobraba dous euros por factura cando o pagamento non se realizaba a través dunha domiciliación bancaria. A empresa, ademais, devolverá os cartos cobrados de máis por esta vía, un total de 37.984 euros, segundo se recolle na web de Facua.

Segundo a Fiscalía de Pontevedra, en novembro de 2013 detectouse o cobro “dun recargo aos consumidores como penalización pola utilización dun medio de pagamento distinto da domiciliación bancaria”. Os contratos incluían una cláusula que indicaba que “en caso de que o cliente, a excepción de concellos e organismos públicos, utilizase formas distintas á domiciliación bancaria, e mentres se manteña esta situación, se lle aplicará en cada factura unha comisión de dous euros (...), cuxo importe deberá aboar xunto co resto dos conceptos devengados”.

No auto, con data de 5 de novembro, a compañía comprometeuse a non incluír a cláusula nos contratos realizados con posterioridade á resolución e a consignar na conta corrente do xulgado os 37.984 euros reclamados. Posteriormente, o organismo reintegrará o importe a cada un dos afectados e afectadas que estean debidamente identificados e identificadas.

CIDE HC Energía cobrou 38 mil euros de máis CC-BY-NC-ND Martin P. Szymczak

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.