Unha empresa pide tres anos de cadea para un folguista do metal

Concentración ante os xulgados © CIG

Unha condena de tres anos de cárcere e 3.000 euros de multa. Iso é o que pide a acusación particular da empresa Electricidad EIP para o traballador Xosé Carlos Riveiro, ao que acusan de vulneración do dereito ao traballo, entre outros supostos delitos. A solicitude chega sete anos despois daquela importante folga do sector do metal na provincia de Pontevedra da que se derivaron varios procesos xudiciais aos folguistas. 

A acusación particular da empresa pide tres anos de cadea para un traballador que participou na folga do metal en 2009

O afectado, afiliado da CIG, foi xulgado na mañá deste mércores mentres ás portas se concentraban ducias de persoas para apoiar o traballador. Desde o sindicato nacionalista considérase que o que se están a procurar son “sentenzas exemplarizantes para tentar disuadir o reagromo da conflitividade obreira nas empresas”.

A empresa que leva a cabo a acusación particular está en mans do daquela presidente da patronal Instaelectra, tal e como destaca a CIG, que critica a petición de tres anos de cadea por "desorbitada", máis aínda "cando se procura aplicar a lexislación máis dura, relacionada cos dereitos fundamentais, por uns feitos que deberían estar xa prescritos”, sinalando ademais que "a propia fiscalía solicita o sobresemento". 

O traballador é acusado de "vulneración do dereito ao traballo" pero a fiscalía solicita o sobresemento do caso

Asemade, e sempre segundo a central nacionalista, a acusación incorre "en numerosas contradicións". Asegura que durante os "supostos feitos denunciados" a emrpesa estaba "completamente baleira", o que imposibilitaría que existise algún tipo de coacción, tal e como defende a patronal. 

Entre as persoas que se concentraron en apoio de Xosé Carlos Riveiro tamén estaba o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, quen avogou pola absolución do traballador, alén de denunciar que a patronal “utiliza a Xustiza como arma contra a acción sindical, mentres que en moi poucas ocasións se senta no banco dos acusados”. Ademais, subliñou que, como no caso de Carlos e Serafín, “a CIG continuará sempre ao lado dos represaliados por loitaren polos dereitos dos e das traballadores e das trabalaldoras”.

Precisamente, os sindicalistas Carlos e Serafín, condenados a tres anos de cadea pola súa participación na folga do transporte de 2008, continúan a esperar un indulto que non dá chegado. 

Concentración ante os xulgados © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.