Unha Galicia aínda católica, pero cada vez menos 'practicante'

Evolución do número de matrimonios católicos e exclusivamente civís en Galicia Dominio Público Praza Pública

Galicia segue a ser un país maioritariamente crente e católico. E é nestes días de Semana Santa cando esa relixiosidade faise máis presente. Porén, malia que unha maioría dos galegos e galegas aínda se definen como católicos e católicas, a plasmación desa crenza na súa vida cotiá -á vista de varios indicadores- é cada vez máis pequena.

A porcentaxe de católicos e católicas en España é, segundo o CIS, do 68,4%, 16 puntos menos ca no ano 2000. Nese tempo as proporcións de non crentes e ateos e ateas máis que se duplicaron e hoxe chegan -sumadas- ao 26% do total. Por debaixo dos 25 anos, a porcentaxe de non crentes e ateos e ateas (50%) xa supera ao de católicos e católicas (44%). E entre os 25 e 35 anos (41%) achégase moito (52%).

O CIS ofrece datos galegos ata o ano 2012. Nese momento a porcentaxe de pobación católica era do 80% (75% no conxunto de España), descendendo dende o 88% de 2005. Ademais, había grandes diferenzas por idade, situándose a proporción de católicos e católicas por debaixo de 45 anos no 70%, superando o 85% entre os 55 e os 65 anos e acadando o 94% por riba dos 65 anos.

O número de persoas que se definen como católicos e católicas descende de forma paseniña pero constante. Mentres, a porcentaxe de  practicantes, aqueles e aquelas que van a misa e outros actos relixiosos con regularidade faino con moita máis rapidez. Segundo esa mesma estatística do CIS, entre ese 68% de crentes españois e españolas, seis de cada dez (o 62%) nunca vai a misa; e só o 15% faino todas as semanas. No 2005, a metade dos católicos e católicas españolas acudía á igrexa con certa frecuencia e máis do 20% facíao todos os domingos. En Galicia -no 2012- o 51% dos católicos e católicas recoñecía non ir nunca a misa, o dobre que no ano 2001 (26%)

Esta relación cada vez menos estreita coas institucións e ritos católicos déixase ver con claridade, tamén, no número de persoas que todos os anos casan pola igrexa. Os matrimonios relixiosos (2.523 en 2015 en toda Galicia) son hoxe unha minoría con respecto aos exclusivamente civís (6.593), unha tendencia que continúa en 2016, á vista dos datos do primeiro semestre. No ano 2000, en cambio, houbera 9.279 vodas católicas e 2.676 civís.

As declaracións da renda amosan isto de forma aínda máis clara, aínda que neste caso non se advirte unha tendencia clara (de ascenso ou descenso dos apoios á Igrexa Católica) nos últimos anos. No 2015 tan só o 27% dos e das contribuíntes galegas escolleron achegar o 0,7% dos seus impostos á Igrexa, 7,6 puntos por debaixo da media española.

E, igualmente, cada vez son menos os alumnos e alumnas que cursan a materia de relixión nos centros de ensino de Galicia. Na última década a súa porcentaxe caeu en case vinte puntos, tanto en Primaria (do 89,5% ao 72,9%), ESO (do 69,8% ao 50,3%) coma no Bacharelato (do 52,7% ao 33,1%). A porcentaxe de alumnado que en Galicia escolle a materia de Relixión en Primaria sitúase lixeiramente por riba da media estatal (69,1%), aínda que isto é debido en boa medida a que os datos vasco (43,9%) e catalán (34,4%) rebaixan notablemente a taxa global española. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.