2016 foi un ano cálido e húmido, segundo o Informe Climatolóxico de Meteogalicia, publicado este sábado. A temperatura media anual foi 14ºC, case medio grao por riba da media das últimas décadas (13,6ºC).
De igual xeito, as precipitacións foron un 16% superiores á media rexistrada entre 1981 e 2010. Cómpre salientar a desigual distribución das chuvias ao longo do ano, cun primeiro semestre moi húmido e un segundo moi seco. Así, o informe constata un inicio de 2016 extremadamente chuvioso, cun nivel de precipitacións un 142 por cento por riba do normal. Pola contra, os últimos meses do ano destacaron polo escaso número de días de chuvia, que nalgunhas localidades acadou os mínimos históricos para estes meses.
Iso, no que atinxe ao ano 2016. Porén, abrindo o foco, se analizamos os datos das últimas décadas, en especial dos últimos 15 anos, podemos estar a observar unha tendencia recoñecible, cun incremento sostido das temperaturas e a existencia -cada vez con máis frecuencia- de anos secos, por debaixo da media habitual de precipitacións. En concreto, dende o 2002, en 12 dos 15 anos a temperatura media anual situouse por riba da media 1981-2010 (13,6ºC). A gráfica que amosa a media móbil quinquenal presenta unha evidente tendencia á alza.
En canto ás precipitacións, non hai unha tendencia tan clara, pero dende o 2002 son máis habituais os anos secos. 6 dos ultimos 15 rexistraron medias de precipitación por debaixo dos 1.100 litros por metro cadrado, cando entre 1961 e 2002 só catro anos tiveran unha cantidade de chuvia acumulada tan baixa. Con todo, dos últimos catro anos, tan só o 2015 se pode considerar entre os anos secos (ao redor de 1.000 litros por metro cadrado), mentres que 2013, 2014 e 2016 foron anos chuviosos, por riba dos 1.500 litros por metro cadrado.