Unha lexislatura de retrocesos para a liberdade de prensa

Capa do informe © IPI

A pasada semana o Instituto Internacional de Prensa fixo público un informe sobre a saúde da liberdade de prensa en España, un texto que alerta de determinadas cuestións, modificacións lexislativas e accións do Goberno que estarían poñendo en risco o correcto exercicio do dereito á información. O documento critica os efectos da Lei Mordaza, do pacto antiyihadista ou da reforma da Lei de Enxuizamento Criminal; alerta do funcionamento dos medios públicos ou da xestión da publicidade institucional, e critica o trato dado aos medios comunitarios. 

O documento critica os efectos da Lei Mordaza, do pacto antiyihadista ou da reforma da Lei de Enxuizamento Criminal; alerta do funcionamento dos medios públicos ou da xestión da publicidade institucional, e critica o trato dado aos medios comunitarios

Cando a lexislatura está a piques de rematar, pódese facer balance, preguntándonos se despois de catro anos de goberno de Mariano Rajoy hai máis ou menos liberdade de prensa. En opinión de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, "retrocedemos a nivel normativo, debido á Lei Mordaza e porque a Lei de Transparencia -que debería ser un avance- da maneira que resultou, non creo que vaia servir para case nada". En todo caso, Pereiro subliña que "a liberdade de prensa non son soamente normas, senón que é o dereito efectivo a recibir información veraz" e, sinala, aí si houbo un "retroceso claro". Sinala que "a información contrastada e independente estase refuxiando en determinados medios dixitais de nova creación, mentres que os grandes medios e os periódicos de referencia son agora fabricantes de opinión, e neles a información pasou a un segundo plano". "Daquilo de que o xornalismo é contar o que alguén non quere que se saiba pasamos a todo o contrario", denuncia.

Pereiro subliña que "a liberdade de prensa non son soamente normas, senón que é o dereito efectivo a recibir información veraz" e, sinala que aí houbo un "retroceso claro"

De igual xeito o informe, moi crítico, coas políticas seguidas nos últimos catro anos polo Partido Popular, sinala que "os problemas de España deben valorarse comparándoos cos seus veciños europeos" e afirma que "sorprende escoitar aos funcionarios españois do Goberno negar categoricamente a existencia de problemas coa liberdade de expresión en España". O texto alerta sobre as consecuencias da Lei de Seguridade Cidadá, lembrando o diagnóstico do Comité de Dereitos Humanos da ONU, que sostén que a Lei Mordaza "restrinxe de forma innecesaria e desproporcionada liberdades básicas coma o exercicio colectivo do dereito á liberdade de opinión e expresión en España".

De igual xeito, en relación co pacto antiyihadista que modificou determinados artigos do Código Penal, o informe fai súa a valoración da Plataforma en Defensa da Liberdade de Información, que subliñou que "a unificación de determinados delitos informáticos cos de terrorismo" pode "ter un efecto disuasorio no xornalismo de investigación" e que "a inclusión de provisións vagas, como as sancións por 'acceder de maneira habitual a páxinas web de contido terrorista' poden "frear o traballo tanto de xornalistas como de académicos"; así mesmo, advertiu do "aumento dos poderes do Goberno á hora de levar a cabo tarefa de vixilancia en masa, en xeral, e de xornalistas, en particular".

O informe incidía igualmente en determinados asuntos relacionados coa regulación do sector audiovisual, o papel do Goberno na concesión de licenzas de emisión e a discriminación á que vén sometendo aos medios comunitarios, incumprindo o previsto na Lei do Audiovisual de 2010. O texto péchase cunha valoración de Stephen Whittle, ex Director de Política Editorial da BBC, que afirma que o Goberno español "debería implementar un organismo regulador independente e específico para o sector audiovisual, de acordo ao propósito orixinal da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual de 2010". Whittle sinala que "é inusual que o Goberno conceda licenzas de televisión" e que "a súa recente decisión de concedelas en datas tan próximas ás eleccións nacionais pode ser problemática". Así mesmo, o documento pide "implementar un marco legal para a concesión de licenzas de medios de comunicación comunitarios, como se dispón na Lei de Comunicación Audiovisual de 2010".

Entre as medidas para mellorar o actual estado do dereito á información que poden estar nas mans do Goberno que saia das eleccións do 20 de decembro, Pereiro fai fincapé no funcionamento dos medios de comunicación públicos. "Hai medidas que xa sabemos que funcionan. "n TVE hai uns anos, vimos que funcionaron", destaca.

O informe recolle as críticas do Consello de Informativos de RTVE, que denunciou que "as guías éticas e profesionais de RTVE son habitualmente incumpridas no que se refire á imparcialidade, pluralidade, veracidade e obxectividade, converténdose pola contra nun instrumento de propaganda ao servizo de Goberno". Tamén sinalaba "unha purga de persoal de TVE de recoñecido prestixio e traxectoria profesional", substituído por "persoas que non foron formadas no espírito do servizo público dos medios de comunicación e que proveñen do mercado dos medios de comunicación, marcado por certa imparcialidade e claramente aliñados cunha persistente defensa das ideas do Goberno".

As entidades participantes no informe denuncian así mesmo que existe en España "unha falta de información sobre os criterios usados polos organismos públicos á hora de conceder as campañas de publicidade aos medios de comunicación"

As entidades participantes no informe denuncian así mesmo que existe en España "unha falta de información sobre os criterios usados polos organismos públicos á hora de conceder as campañas de publicidade aos medios de comunicación", que podería derivar cara a unha posible "censura branda". A publicación faise eco neste senso das críticas á decisión do Goberno de centralizar a asignación de publicidade institucional a través dun grupo de máximo cinco axencias publicitarias, o que "permitiría que detalles claves como a identidade dos medios de comunicación que reciben publicidade oficial, así como detalles sobre o obxectivo da campaña, custo total, medios de comunicación preferidos, etc., só se publicasen cando se estime oportuno".

Pola súa banda, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) tamén se pronunciou nos últimos días sobre estes temas, e pídelles a todos os partidos políticos que inclúan nos seus programas e expliquen con claridade cales son as súas propostas para defender o dereito á información e a comunicación da cidadanía. A entidade considera necesario que todos eles leven nos seus programas a regulación por lei da profesión xornalística, como instrumento imprescindible para que ese dereito sexa unha realidade; a desgubernamentalización e despolitización dos medios de comunicación públicos; a obriga de que o Goberno central e os autonómicos teñan en conta aos medios comunitarios á hora de conceder licenzas de radio e televisión, entre outras cuestións.

Para Xosé Manuel Pereiro, finalmente, hai un problema "cando se confunde a defensa da profesión coa defensa de intereses das empresas". "Aí temos parte de culpa, permitimos que se confundise unha cousa e a outra, e cando ves a grandes corporacións mediáticas falar da liberdade de prensa, ás veces resulta pouco crible", di.

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País
Capa do informe © IPI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.