Unha nova manifestación rexeitou en Arcade o transvase do río Verdugo

Manifestación contra o trasvase do río Verdugo © BNG Soutomaior

Ao redor de 500 persoas chegadas de Pontevedra, Soutomaior ou Ponte Caldelas manifestáronse este sábado en Arcade contra o proxecto de transvase do río Verdugo, que a Xunta pretende levar a cabo para paliar a falta de auga na área metropolitana de Vigo. A marcha, na que participaron os alcaldes de Soutomaior, Agustín Reguera (PP) e Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE) e a tenente de alcalde de Pontevedra, Carmen da Silva (BNG), rematou en Pontesampaio, onde a patroa maior e un mariñeiro da Confraría de Pescadores leron o texto final. O pasado 6 de decembro Soutomaior acolleu unha manifestación semellante.

Na mobilización, apoiada pola Asociación de Veciños de Pontesampaio, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra, a Plataforma en Defensa do Verdugo e o colectivo Rexeneracion.net, denunciáronse as consecuencias negativas que o transvase podería ter para os bancos marisqueros do fondo da ría e criticouse a ausencia de axeitados estudos de impacto ambiental. Ao redor de 200 persoas familias do marisqueo na zona. O manifesto reclamou "alternativas ecolóxicas e eficaces", a través dunha "xestión eficiente" dos ríos e da rede de distribución de auga na área metropolitana de Vigo.

O BNG de Soutomaior, impulsor da mobilización, subliñou que o transvase "é un grave atentado ao noso ecosistema e aos nosos bancos marisqueiros". "Se continuamos mobilizándonos e sumando cada día máis xente, conseguiremos paralo", engadiu a agrupación local da formación. Trala marcha, o grupo municipal do BNG de Soutomaior agradeceu "a resposta que unha vez máis o pobo de Soutomaior deu" ante “unha agresión como a que estamos a sofrer". "A Xunta debe escoitarnos e reflexionar porque o que pretenden facer é unha barbaridade”, salientou a través dunha nota de prensa. O BNG quixo agradecer especialmente "o exemplo que están a dar os mariñeiros". "Hai xa tempo que a confraría está a demostrar que estando xuntos e defendendo o que é noso se mellora a calidade de vida. Hoxe máis que nunca emociónanos ver como os mariñeiros están dando unha lección de dignidade a todo o pobo. Ese é o camiño e estaremos con eles ata o final".

Mentres, dende o grupo de En Marea no Parlamento galego apúntase a necesidade "de practicar medidas reais de aforro de auga, con accións encamiñadas ó uso sostible e razoable da auga". “Debemos revisar o uso da auga para baldeo de rúas, os modelos de xardíns e fontes, os sistemas tarifarios, o investimento na eficiencia da rede de condución de auga e nas potabilizadoras, no uso industrial e doméstico, así como actuar dunha vez por todas nas políticas medioambientais para cuidar o ciclo da auga”, salientou esta semana o deputado Marcos Cal.

 

Manifestación contra o trasvase do río Verdugo © BNG Soutomaior
Manifestación contra o trasvase do río Verdugo © PSdeG-PSOE Soutomaior
Fachada do Concello de Ponte Caldelas © Asociación de Veciños O Carballo-Taboadelo
Asemblea celebrada en Ponte Caldelas © Asociación de Veciños O Carballo - Taboadelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.