Unha organización antitaurina internacional pide ao Parlamento que vete as touradas en Galicia

Xuntanza de Cas-Internacional cos deputados galegos © BNG

Aumentan as voces que reclaman o voto favorable á iniciativa do BNG que se debaterá no Parlamento o vindeiro martes 25 e que pedirá a abolición das tourdas en Galicia. Desta vez é a organización Cas-Internacional, que reclama aos deputados galegos que dean o si á proposta nacionalista.

A petición foi presentada este venres polo director da devandita entidade antitaurina, Marius Kloff, e en representación de 56 organizacións de diferentes países. Fíxoo nunha rolda de prensa na que tamén estiveron Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor Sen Touradas (GMST), unha das portavoces da plataforma A tortura non é cultura, Marta Esteban; a deputada do PSdeG, Patricia Vilán; o parlamentario de AGE, Ramón Vázquez; e a deputada nacionalista Ana Pontón.

Cas-Internacional, en representación de 56 organizacións, pide aos deputados galegos que apoien a abolición das touradas

É unha petición máis logo da feita xa a través da Rede por parte de GMST, que sabe que a disciplina de voto que pretende aplicar o PP aos seus deputados impediría que saíra adiante a iniciativa abolicionista, malia que diversos parlamentarios conservadores recoñeceron publicamente o seu escaso aprecio ás touradas. "Unha representación de 70 millóns de socios e simpatizantes son os que apoian esta misiva e as reivindicacións lexislativas para cambiar a Lei de Protección Animal", sinalou Rubén Pérez, quen pediu ao grupo popular que "teña valentía" e "faga caso das enquisas que mostran que a maior parte da cidadanía está en contra das corridas de touros". Concretamente, o 85% da cidadanía, segundo os últimos datos.

Así, Rubén Pérez lembrou que, moi probablemente, os deputados populares galegos teñan que "responder os designios que veñen de Madrid" á hora de emitir o seu voto pero, aínda así, "non se pode entender que voten de costas aos cidadáns". "O 25 de xuño verase cal é a súa decisión", engade. Marius Kolff, pola súa banda, cre que "coa abolición das corridas de todos" Galicia "pode porse á fronte do mundo internacional e moderno" pois, ao seu xuízo, esta práctica responde a "tempos pasados".

A disiciplina de voto que pretende aplicarlle o PP aos seus deputados impedirá que a iniciativa saia adiante

Kolff explicou tamén que, a nivel internacional, "non se entende o por que seguen existindo as corridas de todos" cando o "80% das persoas que viven nos países nos que se continúan practicando están en contra delas". "Os tempos modernos requiren lexislación actualizada. Todos sabemos hoxe que os animais son seres que senten e poden sufrir como os humanos polo que, cunha nova Lei de Protección Animal en Galicia, pódese dar un maior grao de dignidade aos animais", indicou.

Na iniciativa que se debaterá o vindeiro martes, o BNG pide a abolición destas prácticas ao asegurar que en Galicia "non existe tradición na celebración de corridas de touros" e que "a historia dá conta de que a súa aparición no territorio galego responde o intento de homologación e asimilación cultural de Galicia dos poderes centrais do Estado Español no século XIX".

"Trátase dunha práctica allea á cultura galega e cuxa implantación en Galicia é realmente residual", indica o BNG antes de lembrar que "estudos publicados sinalan que case o 90% dos galegos declaran, non só que non lles gustan as corridas de todos, senón que mesmo aborrecen este tipo de actividades".

Xuntanza de Cas-Internacional cos deputados galegos © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.