Unha parella de anciáns de Lugo pelexa por non perder a súa casa nun proceso cheo de irregularidades

Rolda de prensa de STOP Desafiuzamentos Lugo © Praza Pública

86 e 87 anos e ante a perspectiva de perder o seu fogar. Esta é a situación dramática que vive unha parella de anciáns de Lugo, que coa axuda de STOP Desafiuzamentos veñen de denunciar o caso ante a Fiscalía. Porque non se trata dun desfiuzamento convencional. En primeiro lugar -como si vén suceendo por desgracia noutros casos- a débeda que lle reclaman non é súa, senón do seu neto. E ademais neste caso non se trata dun aval para unha hipoteca impagada, senón de dúas mensualidades non abonadas polo uso dun predio para a cria de cabalos.

Pero hai máis, algunhas "graves irregularidades" no proceso, segundo denuncia STOP Desafiuzamentos Lugo. Todo comeza en 2009, cando un particular demandou o seu neto José Manuel, que sofre unha discapacidade psíquica dun 33%, pola suposta falta de pago de dous meses de arrendamento dunha finca para criar cabalos. A demanda presentaba moitas dúbidas e mesmo o xuíz afirmou nunha primeira sentenza que “só se aporta coa demanda unha fotocopia do documento ‐contrato de arrendamento‐ en que aparece engadida a mao, ademais da mención relativa á data, a expresión ‐a cantidade de 750 euros-, sen que apareza salvada ou ratificada pola sinatura de ambos contratantes [...], máxime cando se tratar dunha renda mensual enormemente elevada [...]. Non se deducen do texto do contrato as razóns que concorren nas fincas para que se tivese estipulado unha renda tan elevada”.

Por todas esas anomalías o xuíz non aceptou os pedimentos económicos do demandante e acordou simplemente que José Manuel desaloxasee a finca e a deixase libre, cortando e retirando a herba. Pero o demandante apelou e conseguiu que a Audiencia dese por validas as súas alegacións e o condenase ao pago de 1.850 euros, máis 750 euros por cada mes pasado desde febreiro de 2009. Finalmente, coa suma das costas chegouse á cifra de 14.000 euros.

STOP Desafiuzamentos Lugo denuncia que os anciáns "padeceron unha indefensión total porque non tiveran ocasión ata este momento de ser citados e ser ouvidos con plenas garantías". Por ese motivo o colectivo reclama que se paralice o procedemento de desafiuzamento e presenta unha demanda ante a Fiscalía de Lugo "para que abra inmediatamente dilixencias para a investigación das circunstancias presuntamente criminosas e depuración de responsabilidades".

Rolda de prensa de STOP Desafiuzamentos Lugo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.